En Marea sae "a gañar" e reivindícase como "a candidatura que máis se parece a Galicia"

Presentación dos candidatos de En Marea © En Marea

A última enquisa do CIS, que dá a En Marea entre 5 e 6 escanos no Congreso e a posibilidade mesmo de liderar a opción progresista en Galicia, aumenta as expectativas desta candidatura de confluencia. Logo de meses de negociacións e ruído, a unión de Anova, Podemos, EU -co apoio das principais mareas municipalistas-, di saír "a gañar" e apela desde o 15M ata o "cambio" que se produciu nas eleccións municipais do pasado 24M para poder contribuír tamén a outro cambio no Estado e con voz galega. 

En Marea apela ao espírito das mareas cidadás e á súa "pluralidade" para reivindicarse como "a candidatura que máis se parece a Galiza"

En Marea presume, ademais, da "pluralidade" e a mestura de formacións políticas, plataformas cidadás e movementos sociais para reivindicarse como "a candidatura que máis se parece a Galicia". Así o dixo Ángela Rodríguez, número dous por Pontevedra ao Congreso, e así o repiten os seus cabezas de lista nas entrevistas que veñen de conceder a Praza

"Queremos que En Marea sexa unha candidatura que se pareza ao país. Un país plural, con variedade de perspectivas e rico en sensibilidades políticas de cambio", di Antón Gómez-Reino, Tone, número un pola Coruña. Alexandra Fernández, que lidera a lista por Pontevedra, considera a formación a "máis axeitada" para defender os intereses de Galicia por ser "un espazo diverso e con vontade integradora, polo tanto moi representativo da maioría social", mentres que David Bruzos, que encabeza a candidatura por Ourense, considera a "pluralidade" un dos "fortes" dun espazo no que "interveñen actores moi diversos" que chegan "do activismo, pero tamén de organizacións políticas e sociais".

Os candidatos da formación insisten en que o seu traballo no Congreso "guiarase polas propostas e decisións que se tomen en Galiza" 

Todos os candidatos, ademais, insisten en que os parlamentarios e parlamentarios de En Marea "deberanse á cidadanía galega", como di Gómez-Reino, e que o seu labor no Congreso "estará guiado polas propostas e decisións que se tomen en Galiza", como aclara Fernández. Sexa como for, todos no espazo de confluencia coinciden en sinalar a súa travesía como unha continuidade do agromar exitososo das mareas cidadás o 24M e como un "paso previo" para as futuras eleccións autonómicas de 2016, nas que agardan sumar aínda máis actores para "devolverlles ás institucións do país a democracia e a dignidade".

"A unión das esquerdas galegas non se puido materializar, pero no futuro debera producirse"

"A unión das esquerdas galegas non se puido materializar nesta ocasión, mais penso que no futuro iso debera producirse, porque ademais en poucos meses haberá eleccións autonómicas", destaca Miguel Anxo Fernán Vello, número un por Lugo, que cre que "todas as organizacións de esquerdas, nacionalistas ou non, deberan estar á altura das circunstancias".

Pero as autonómicas serán outra historia. Agora, En Marea comeza a súa campaña, na que intentará seguir cabalgando na onda boa que trouxeron as candidaturas cidadás nas eleccións locais, consciente de que o comportamento electoral varía moito nuns comicios xerais, pero sabedora tamén a candidatura de que a confluencia de diferentes sensibilidades foi un dos factores clave en éxitos anteriores. 

Candidatos de En Marea, no acto dos "alcaldes rebeldes" na Coruña © En Marea

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.