"Aprobaremos unha Lei de Publicidade e Comunicación Institucional da Xunta de Galicia. Porque a política de comunicación institucional debe estar sometida á lei". É o compromiso que figuraba na páxina 288 do programa electoral co que o PPdeG concorreu ás eleccións galegas de 2009, tras as que Alberto Núñez Feijóo se converteu en presidente da Xunta. Destacaba así o incumprimento por parte do bipartito de aprobar unha lei para regular os investimentos publicitarios do Goberno e a súa relación cos medios, que PSdeG e BNG rexistraran no Parlamento cando xa non quedaba tempo para aprobala. Case sete anos despois esa lei segue sen existir e a publicidade institucional segue rexida, esencialmente, por criterios discrecionais. Estes, tamén, son os que rexerán a contratación dun cento de valos publicitarios ao mes durante o ano electoral de 2016.
A Secretaria Xeral de Medios do Goberno galego vén de iniciar os trámites dun contrato que, financiado con algo máis de 314.000 euros -274.000 nos orzamentos de 2016 e o resto, nos de 2017, que xa xestionará o goberno que saia das urnas-, lle permitirá á Xunta colocar as súas mensaxes publicitarias e, cando menos, 105 valos publicitarios ao mes durante o vindeiro ano. Estes valos estarán distribuídos en poboacións de máis de 5.000 habitantes por toda Galicia, se ben entre o 50% e o 75% estarán instalados en localidades nas que vivan máis de 50.000 persoas e, entre o 50% e o 80%, nas provincias da Coruña e Pontevedra.
Os valos custarán uns 314.000 euros, 274.000 con cargo ao orzamento de 2016 e o resto, ao de 2017
A intención, di a documentación do contrato, é "dispor dun número de valos nos que se insiran mensaxes ou contidos de carácter institucional e de interese público derivados da actividade da Xunta de Galicia". "O Goberno -xustifica a Xunta- é, necesariamente, suxeito e obxecto de información e valoración política", e pola súa "función executiva" é "emisor dunha serie de mensaxes dirixidas aos cidadáns que se engloban baixo a denominación xenérica de campañas institucionais de publicidade e de comunicación", a mesma que segue sen ser regulada por unha lei que os populares consideraban "urxente" tras chegar á Xunta e que o propio Feijóo volveu prometer tras gañar as eleccións de 2012.
O PP prometeu aprobar unha lei de publicidade institucional tanto nesta lexislatura como na anterior
Sempre segundo a dcoumentación gobernamental, toda esta publicidade está "ao estrito servizo das necesidades e intereses dos cidadáns, facilitando o exercicio dos seus dereitos e promovendo o cumprimento dos seus deberes". "A eficacia da acción comunicativa dos poderes públicos na sociedade galega contemporánea -reflexiona o departamento autonómico- require que a sociedade da información se habilite como parte dos recursos informativos das Administracións púbicas e se incorpores técnicas que permitan difundir con eficiencia mensaxes de interese".
O Goberno asegura que as campañas estarán "ao estrito servizo das necesidades e intereses dos cidadáns"
Así as cousas, as empresas interesadas en facerse con este contrato teñen ata o vindeiro día 21 para presentar as súas propostas. Deben ter en conta que, dentro do servizo, deben ofrecer a "reimpresión e reparación do material gráfico naqueles valos que sufran deterioracións por actos vandálicos ou danos a causa do clima". Para teren máis posibilidades de gañar o concurso a Xunta dálles a opción de "ofertar outros soportes exteriores" que, "contribúan a mellorar o circuíto de medios exteriores" nas cidades da Coruña e Vigo. Estas "melloras" consisten en incorporar, "durante o período dun mes", a publicidade da Xunta en soportes como "monopostes", "MUPIS" ou "publicidade dínámica" nas rúas coruñesas e viguesas.