Besteiro arroupa a Sánchez cargando contra "os emerxentes de Rajoy"

Pedro Sánchez e Besteiro, no mitin da Coruña © PSOE

O PSdeG arroupou o seu líder estatal, Pedro Sánchez, no mitin máis multitudinario do que vai de campaña. Nun Palexco ateigado, na mesma praza na que as mareas e os alcaldes "rebeldes" encheron tamén o auditorio, os socialistas reivindicaron a vitoria do seu secretario xeral no debate deste luns, malia que as enquisas digan o contrario. Desde Besteiro ata a cabeza de lista pola Coruña ao Congreso, Pilar Cancela, repartiron reproches entre o PP e os "emerxentes de Rajoy", en palabras do líder do PSdeG e en referencia a Ciudadanos e Podemos, aos que criticaron con dureza. 

O PSdeG arroupa a Pedro Sánchez, ao que ven como gañador do debate

"Pedro Sánchez vai ser un presidente máis galego do que foi Rajoy", advertiu Gómez Besteiro, que viu no debate "un único presidente, que fuches ti", dixo dirixíndose ao seu secretario xeral. Cargou ademais tanto contra o presidente do Goberno central como contra Feijóo por ter provocado "dúas graves feridas" na actual Galicia: "a grave ferida económica dunha autonomía que é a que menos medrou en 2014 e unha ferida xeracional" ante a emigración continua da xente moza. 

Besteiro, como o resto de figuras socialistas e o propio Sánchez, apelou ao voto útil da esquerda contra "os partidos emerxentes de Rajoy, porque de forma consciente ou inconsciente" provocarían "un voto menos para Pedro Sánchez que para Mariano Rajoy” e impedirían, segundo din, o cambio que pretende a maioría. E mesmo aludiu aos avances sociais dos que gozaron os líderes de Podemos para atacalos: "aqueles aos que os gobernos socialistas lles deu todo". Para o líder do PSdeG, a formación de Pablo Iglesias vive na "rebeldía permanente" mentres que Ciudadanos "maltrata esta comunidade autónoma, tratando como unha de segunda". A polémica intervención do número 1 do partido laranxa pola Coruña en V Televisión serviu para aumentar as críticas aos de Rivera. 

Besteiro carga contra a "rebeldía permanente" de Podemos e contra o "maltrato" de Ciudadanos a Galicia

Tamén duras foron as críticas de Pilar Cancela, número 1 do PSOE pola Coruña, contra Ciudadanos. "As mulleres non nacemos para ser putas", dixo en referencia á proposta de legalizar a prostitución, e cualificou de "covardía democrática" a ausencia do PP e da formación laranxa en varios debates en Galicia. Ademais, pediu tamén a Nós-Candidatura Galega que "non dea leccións aos socialistas" e respondeu ás acusacións de "españolistas" por parte do nacionalismo. "Somos españolistas e federalistas, pero por riba de todo somos galeguistas", insistiu. 

Cancela, ao igual que Sánchez, arroupou a Besteiro como candidato á Xunta porque hai "unha oportunidade única para derrotar o PP no Estado e en Galicia e José Ramón [por Besteiro] é a persoa indicada para facelo". Pola súa banda, Mar Barcón, voceira socialista no Concello da Coruña, cre que o debate do luns "só tivo un gañador, o que fixo propostas" e pediu o apoio do secretario xeral aos traballadores de Alcoa ou aos afectados pola meninxite B, como antes fixera Cancela para mariñeiros do cerco ou os gandeiros, cunha representación de todos eles presente no Palexco. No caso dos pescadores que piden unnha repartición xusta, Sánchez comprometeuse antes a activala se chega á Moncloa. 

García Formoso censurou o "populismo de esquerdas que nin tan sequera queren en Venezuela, onde se orixinou"

Ademais, Valentín García Formoso, presidente da Deputación da Coruña, reivindicou a "socialdemocracia, cuxas propostas son as únicas" que garanten a igualdade de oportunidades, as mesmas que "non garante a dereita, por elitista, e tampouco o populismo de esquerdas, que nin tan sequera en Venezuela, onde se orixinou, o queren". 

Se Formoso apelou a Venezuela, Pedro Sánchez tirou de Grecia para cargar contra Podemos e contra Pablo Iglesias. A este criticoulle que diga que o PSOE "fai no goberno cousas diferentes ás que di na oposición". "Pero fixemos a educación pública, a lei de igualdade a de memoria histórica...", reivindicou a berros para pedirlle aos seus simpatizantes que saquen a "raza que levan dentro", se sintan "orgullosos" e non permitan "ningunha lección ao PSOE" de "aqueles que dixeron que o cambio empeza en Grecia". "Rescate, corralito e subas do IVE ao 23%, ese é o cambio que propón algúns", engadiu. 

Sánchez pide aos socialistas que non permitan "lección ningunha dos que dixeron que o cambio empeza en Grecia"

O líder do PSOE cre que foi el quen gañou o debate onde, segundo dixo, "quedou clara unha cousa: a única garantía de cambio son os socialistas". Sánchez apelou ao voto útil e centrou os seus ataques en Iglesias, ao que censurou por dicir que "aceptaría encantado os votos do PSOE para gobernar, pero non llos daría a Sánchez se os precisa". "Está demostrando algo importante: se ama algo por riba de calquera cousa é a si mesmo", engadiu, tras acusar o líder de Podemos de "estar disposto a que goberne o PP con tal de que non goberne o PSOE". Por iso, pediu "que non se divida esa maioría de españois que quere cambio", xa que, "de sumar as dereitas, gobernarán as dereitas": 

En canto a Ciudadanos, Sánchez definiuno como o partido das "novas xeracións do PP" porque "se apoias o copago e as políticas do PP, es do PP aínda que teñas 20 anos menos". "Ou gaña o PSOE ou non haberá cambio", volveu dicir nun palacio de congresos "a rebentar". 

Gómez Besteiro, no mitin da Coruña © PSOE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.