Cinco preguntas e respostas na pugna da xuíza De Lara co avogado Conde-Pumpido

Edificio dos Xulgados de Lugo © Google

1-Como xorde a polémica?

Este 10 de decembro a xuíza Pilar de Lara emitiu o informe que a Audiencia Provincial de Lugo lle requiriu o pasado día 20 no marco da cuestión de competencia formulada polos representantes do secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro. A representación do líder socialista entende que a maxistrada actuou incorrectamente ao asumir a reapertura do caso Garañón -que xa fora arquivado e no que De Lara imputou a Besteiro-, xa que tería que ser instruído por outro xulgado para cumprir a normativa vixente. No seu informe De Lara retruca con contundencia que non se produciu "vulneración competencial de ningunha clase" e acusa o avogado do socialista, Cándido Conde-Pumpido Varela, de incorrer en "teimosía procesual" para, mediante "manobras" xurídicas, retirala do caso.

Despois de contrapoñer en 56 páxinas os seus argumentos xurídicos contra o que considera un "burdo intento" de afastala do asunto, a maxistrada alude a "estritas razóns de lealdade procesual" para indicarlle á Audiencia que, coa fin de que "dispoña de todos os elementos de xuízo", anexa ao informe a copia dun correo electrónico que o avogado Conde-Pumpido lle remitiu o 11 de xuño de 2014 en "termos tan claros e elocuentes que non deixan marxe algunha á interpretación". O avogado, vén dicir, tentouna presionar para que abandonase as súas investigacións.

2-Cando se envía o correo e que di?

O correo electrónico en cuestión está datado o 11 de xuño de 2014, un ano antes da imputación de Besteiro e, polo tanto, cando Conde-Pumpido aínda non era o representante legal do líder socialista. Nel o letrado comeza pedindo "perdón" pola "tardanza en contestar", pero "quería ter máis datos antes de facelo". A continuación, di "entender" a "sorpresa" e "indignación" da xuíza, xa que "non é prato de bo gusto para ninguén confirmar que é obxecto de persecución" e detállalle que, tal e como xa lle "contara", naquela altura había, cando menos, dúas "frontes" contra ela. A primeira estaría "directamente relacionada co alcalde Orozco", a quen De Lara imputou no caso Pokémon. Dela, di, partiría un intento de "desviar a atención cara a outros membros do partido [socialista] por un suposto piso regalado e unhas obras non satisfeitas que parece que en realidade non son tal". A intención, indica, sería que De Lara fixese "o ridículo con ese tema".

A "outra fronte" é a que, segundo o avogado, resultaba "máis preocupante": a "extensión das investigacións" do caso Pokémon "aos concellos de Santiago e da Coruña", daquela gobernados polo PP, fixeran "prender todas as alarmas". "Alí hai máis cousas que tapar que en Lugo, onde tampouco deben estar libres de mácula" e, ademais, os asuntos investigados "poderían ter relación tanto con altos dirixentes galegos como con tramas nacionais investigadas na Audiencia Nacional". Que o "foco" pasase a estar nos gobernos coruñés e compostelán espertara "receos", tamén entre quen "antes vitoreaban as súas accións contra o PSOE", dille.

O avogado advirte a xuíza da existencia de "dúas frontes" contra ela polas súas investigacións no caso Pokémon e "aconsella" que "tente afastarse" 

Neste contexto, Conde-Pumpido alerta a De Lara de que as súas indagacións están a xerar suspicacias. "Segundo a miña experiencia é moito máis perigoso para un xuíz investigar a un determinado partido que a outro, e non o digo só por [Elpidio] Silva e [Baltasar] Garzón, o propio [Javier Gómez] Bermúdez (...) está convencido de que se non chega a soltar o de Bárcenas afundiríanlle a carreira, e razóns non lle faltan, pois cónstanme movementos neste sentido". 

"Xa sabe como comeza isto; primeiro a prensa vólvese na contra, empezan con ataques gratuítos, escarban na vida privada, as conferencias dadas, anteriores resolucións e despois vai subindo de intensidade, a fiscalía empeza a pedir cousas raras" e así ata que "te atopas sumido nun inferno mediático e xudicial". Nestas circunstancias, dille, "o meu consello é que tente afastarse e vaia con pés de chumbo, pois calquera tropezo será utilizado para ridiculizada e acusala de realizar investigacións prospectivas. Non se deixe guiar por rumores e vaia a polo que vexa evidente e seguro" e, "se pode cambiar de destino fágao". Nese sentido, "se precisa de apoio no Consello [Xeral do Poder Xudicial] para optar a algunha praza ou para facilitar o seu traslado, fágamo saber e farei en todo o que estea na miña man. En calquera caso, non creo que sexa difícil de conseguir, como lle comentei", resalta.

3-Hai máis correos?

Si. Cando menos, dous máis. Despois de que, este venres, transcendese o informe da xuíza á prensa, Conde-Pumpido remitiu un comunicado á prensa como resposta ao que considera un uso "nesgado" de "comunicacións persoais e privadas ocorridas nun ambiente de cordialidade moito antes" de ser avogado de Besteiro. Con ese comunicado o letrado amosa dous correos máis que, resalta, completan a "secuencia" do publicado por De Lara, que a propia xuíza rexistrou ante notario catro días despois de ser recibido.

O letrado amosa dous correos máis, nos que a xuíza "agradece" os datos que lle achegou

O primeiro dos correos está datado o 19 de maio de 2014. Nel, De Lara refírese á "conversa" mantida con Conde-Pumpido días antes, nunha visita do avogado aos xulgados de Lugo. "A verdade é que quedei bastante sorprendida", di, achacando a información que lle proporcionara o avogado ao "prezo que hai que pagar por tentar traballar". Así e todo, a maxistrada agarda ter outra "oportunidade" de "falar máis detida e distendidamente" e "agradece" a "deferencia e a confianza" por "contarme os datos que obraban no teu poder".

O terceiro correo é a resposta de De Lara ao mail do avogado. Nel a xuíza "reitera" o "agradecemento" pola información que Conde-Pumpido lle achega e expresa a súa "confianza" en que "pronto" poida optar a unha praza noutra cidade. "Mentres, aínda que sexa difícil facelo nestas condicións, non me queda outra opción que continuar a traballar", remata.

4-Que di o avogado?

Ademais de acusar a xuíza de "utilizar" a difusión do correo "como forma de combater un incidente procesual" no caso Garañón, Conde-Pumpido Varela, fillo do antigo fiscal xeral do Estado Cándido Conde-Pumpido Tourón, nega con rotundidade "as acusacións da maxistrada" e a "interpretación realizada por algúns medios de comunicación", nos que "directamente se atribúe a este letrado a comisión de ilícitos penais". Por este motivo, advirte, exercerá "accións na defensa do honor contra calquera que atribúa a comisión dun delito de forma inxustificada".

Conde-Pumpido censura que a xuíza lle atribúa "ilícitos penais" vinculados a conversas "cordiais" de hai un ano e anuncia que a recusará

A "relación privada, confidencial e persoal establecida" con De Lara é "moi anterior a asumir a defensa" de Besteiro e, asemade, "máis ampla", en referencia á conversa presencial previa e aos outros dous correos. A "cordialidade" nese intercambio de correos "desbota a agora pretendida posición de vítima de delito ningún", argumenta. "En calquera caso -salienta- dita conversa non ten relación ningunha co señor Besteiro" e o que se aborda nela son "de forma xeral, varios procedementos que nese momento eran obxecto de instrución por parte da maxistrada".

Conde-Pumpido conclúe que, "dada a animadversión demostrada pola maxistrada", "non respectando nin sequera as normas básicas de educación" e "propoñendo a iniciación de accións penais" contra el, o que "non pode ser tido mías que como unha denuncia da maxistrada á parte". De Lara, mantén, está "levando a cabo unha interesada e prospectiva investigación cuxas vicisitudes son rapidamente filtradas á prensa en período electoral" para "causarlle o maior dano posible ao PSOE". Por todo isto, anuncia que "de forma inmediata procederá a formalizar recusación da maxistrada, que amosou un desmedido interese en seguir tramitando unha causa sobre a que non ten competencia".

5-Que di Besteiro?

Tras a publicación do informe da xuíza o secretario xeral do PSdeG resaltou nun comunicado que a Audiencia "admitiu a tŕamite a miña petición que cuestiona a competencia da señora De Lara e pediulle informes ao respecto". "Todo isto deriva da inxusta situación xudicial na que me atopo dende hai cinco meses", di.

"As conversas que mantivesen avogados e xuíces hai un ano e medio son totalmente alleas á miña persoa", destaca Besteiro. "Na data de ditas conversas, segundo a propia señora De Lara recoñece textualmente no seu informe publicado polos medios de comunicación", Conde-Pumpido "non estaba persoado" en "ningunha" das "causas deste xulgado que estivese tramitando esta maxistrada", conclúe.

Edificio dos Xulgados de Lugo © Google

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.