Volve a radio! A noite electoral escóitase en Praza

A emisión radiofónica de Praza.gal comezará ás 19:50 do 20 de decembro CC-BY-SA Praza Pública

Na noite electoral do 25 de maio de 2014, a das xa históricas eleccións europeas, Praza Pública fixo un experimento. E, se ademais de contar a noite electoral coa palabra escrita e os datos gráficos, nos atrevemos coa palabra falada? E alá fomos. Nacía así o xermolo de Radio Praza, unha emisión radiofónica que foi especialmente ben acollida pola audiencia do xornal tanto aquel 25-M como nas semanas posteriores, nas que se reiteraba un comentario: "Cando repetides". A resposta tardou un chisco, pero velaquí está: o vindeiro domingo.

Na transcendental noite das eleccións xerais do 20-D a redacción de Praza.gal envorcarase na cobertura dos comicios no xornal, pero tamén cunha nova emisión radiofónica á que se poderá acceder dende a portada do xornal. Serán máis de catro horas de radio que comezarán contra as 19:50 da tarde, dez minutos antes do peche dos colexios electorais, momento no que se coñecerán as sondaxes a pé de urna, o primeiro debuxo o que pode ser o veredito do electoral. 

A información e os datos serán protagonistas no programa, conducido polos xornalistas David Lombao, Lara Salgado e David Reinero coa axuda de analistas no noso faladoiro

A información e os datos serán protagonistas nun programa conducido polos xornalistas David Lombao, Lara Salgado e David Reinero no que tamén haberá lugar para a música e para a análise. Así, debullaremos a análise do escrutinio no noso faladoiro con persoas provenientes de diversos ámbitos profesionais e estaremos tamén moi pendentes das primeiras reaccións aos resultados nas sedes das diversas forzas políticas que concorren aos comicios no país.

Como todo o labor informativo de Praza Pública, esta emisión radiofónica en particular e a cobertura especial das eleccións en xeral sería imposible sen a as achegas das socias e socios que colaboran no sostemento económico do xornal, así como das empresas e institucións que confían en Praza.gal como soporte para a súa publicidade e mais das persoas que, dende os primeiros días de decembro, xa están a elixir A Tenda de Praza para mercar os seus libros, elixidos entre un catálogo con centos de milleiros de referencias, así como outros produtos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.