Así cambiou o voto galego entre o Congreso e o Senado

Vista dun pleno no Senado © Senado

No Senado cambia o conto. As listas abertas, a posibilidade de votar a candidatos de diferentes partidos, o sistema electoral, a baixada da participación, o desinterese por esta institución... Os resultados nas eleccións adoitan deixar curiosas conclusións. A primeira delas que mentres no Congreso o PP acada pouco máis dun terzo dos escanos, na Cámara Alta gozará dunha amplísima maioría absoluta, con 124 dos 208 escanos. 

O PP obtén 12 dos 16 senadores en Galicia e o PSOE perde a súa representación nas provincias atlánticas, onde entra En Marea con 2

O sistema maioritario -malia a posibilidade de elixir candidatos de forma persoal, máis aló da lista á que pertenzan- adoita outorgar tres dos catro representantes provinciais á forza máis votada. E así foi en Galicia, onde o forte descenso do PP non impide que manteña a mesma representación que hai catro anos. Dos 16 senadores en xogo, os populares obteñen 12. O que cambia é o resto da repartición, onde entra En Marea, acadando dous representantes pola Coruña e Pontevedra, quedando o PSOE cos dous restantes en Lugo e Ourense. En definitiva, ningún senador socialista representará as dúas provincias atlánticas. 

Ademais, é a primeira vez que algún representante dalgunha forza diferente aos grandes partidos tradicionais consegue un posto no Senado por Galicia nas xerais. Desde 1982, os escanos electivos corresponderon sempre a PP (primeiro AP) e PSOE. Nos comicios de 1977 e 1979 UCD, PSOE e CP acadaran representación.

Pero as eleccións ao Senado sempre deixan sorpresas e detalles ben relevantes que as listas pechadas non permiten no resto dos comicios. En Galicia, por exemplo, unhas 53.000 persoas das que acudiron a votar ao Congreso decidiron non facelo á Cámara Alta. E moitos milleiros decidiron repartir os seus votos ou cambiar a súa elección segundo elixisen representantes para unha ou outra institución. 

'Mini' obtivo na Coruña case 20.000 votos máis ca NÓS e García Buitrón, 23.500 menos que En Marea

Destaca o caso do cabeza de lista ao Senado de NÓS-Candidatura Galega pola provincia da Coruña, Xosé Luís Rivas, Mini. Con menor participación no territorio nestes comicios á Cámara Alta -uns 23.000 votos menos que á Cámara Baixa-, o candidato nacionalista obtivo case 50.000 votos. Foron 49.940, fronte aos 30.488 que votaron por NÓS na mesma provincia: 19.452 máis. Case 20.000 persoas que, malia non votar polo seu partido, si optaron por darlle o seu voto ao que fora alcalde de Boimorto. 

Pasa ao revés con José María García Buitrón, senador electo por En Marea que obtivo 153.055 votos na provincia da Coruña. Foron 23.570 menos dos que o espazo de confluencia acadou no mesmo territorio. Iria Otero e Andrés Seoane, outros dos candidatos da candidatura, reduciron en máis de 10.000 sufraxios os obtidos polo cabeza de lista á Cámara Alta.

Unha situación semellante, aínda que menos acusada, ocorre na provincia de Pontevedra, onde Alba Cuba, de NÓS, acadou 40.130 votos. 13.734 sufraxios máis que os obtidos pola candidatura nacionalista e tamén cunha menor participación: 16.000 votantes menos. Vanessa Angustia Gómez, senadora electa por En Marea, acadou 136.084 fronte aos 158.824 que obtivo a súa candidatura na mesma provincia. 22.740 sufraxios menos. 

En Ourense, pola súa banda, o candidato de NÓS ao Senado, Francisco Xabier González Sotelo, obtivo 9.905 votos, preto de 3.300 máis que os obtidos pola súa formación política e cuns 5.000 participantes menos. En Lugo, a tendencia é semellante. Cuns 2.000 votantes menos, a primeira das candidatas de NÓS á Cámara Alta, Rosa Ana Prieto, sumou 4.000 votos máis que a formación á que representaba. 11.246 fronte a 7.208. 

Ao final, serán senadores e senadoras en representación do PP, Paula Prado, María Aparicio Calzada e José Luis Torres Colomer pola Coruña; Marta Lucio, Miguel Fidalgo e José Crespo por Pontevedra; José Manuel Barreiro, Dámaso López e Sandra Vázquez por Lugo; e Edelmira Barreira, María del Carmen Leyte e Francisco José Fernández por Ourense. Mentres, José Manuel García Buitrón accede ao Senado pola Coruña en representación de En Marea e o mesmo fai María Angustia Gómez por Pontevedra. Luis Manuel García será senador por Lugo en representación do PSOE por Ourense e Ricardo Varela por Lugo.

Rodil e Mini, con Vence e outros representantes do BNG e NÓS, en Muras CC-BY-NC-SA NÓS

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.