A anulación do PXOM de Vigo pon en cuestión os orzamentos municipais e o modelo de cidade

Vista de Vigo dende A Guía CC-BY J. Carlos Nesta

A situación creada trala anulación hai tres semanas do Plan Xeral de Urbanismo de Vigo segue dominando o debate político na cidade. Sobre todo en relación con dúas grandes cuestións: que efectos concretos vai ter esta anulación para a cidade e a cidadanía e, sobre todo, como debe ser o novo PXOM que agora se debe redactar. 

O pasado 9 de decembro o Goberno municipal vigués defendeu -no momento de aprobar os orzamentos para 2016- que o sucedido non tería implicacións para o cobro do Imposto de Bens Inmobles (IBI), fronte ás criticas dos grupos da oposición (PP e Marea), que afirman o contrario. Marea de Vigo sinalou xa nese debate que no caso dos terreos -previamente clasificados como rústicos- que pasaron a urbanos durante os anos de vixencia do PXOM sen ter planeamento, o cobro dos recibos do IBI como terreos urbanos debería ser anulado e devoltos os importes, o que obrigaría a modificar o orzamento municipal.

Suporía a devolución de milleiros de recibos cobrados durante catro anos, o que obrigaría o Concello de Vigo a pagar unha cantidade de "varios millóns de euros", como destacou Rubén Pérez, voceiro da Marea

A candidatura de esquerdas pediulle á consultora esPUBLICO, especializada en administración local, que analizase o caso de Vigo, preguntándolle se, anulado o PXOM, "se terían que anular os novos valores catastrais volvendo á condición anterior ao plan, de rústicos, e devolverlles os importes aos propietarios". A consultora sinalou que "entendemos procederá notificar a catastro o acontecido, no seu caso a efectos de que se determine unha diferente valoración catastral das parcelas e se anulen consecuentemente liquidacións do IBI anteriormente xiradas". Isto suporía a devolución de milleiros de recibos cobrados durante catro anos, o que obrigaría o Concello de Vigo a pagar unha cantidade de "varios millóns de euros", como destacou Rubén Pérez, voceiro da Marea.

O informe de esPublico explica que "dado que se constitúen padróns diferenciados para os bens cualificados como rústicos e para os cualificados como urbanos, dado que a cualificación de natureza urbana implica repercusións económicas máis gravosas para os suxeitos pasivos do IBI e dado que a raíz da anulación do planeamento, a cualificación de fincas urbanas no tería tido lugar en dereito", resultaría "conveniente" que o Concello lle comunicase esta cuestión –a anulación do planeamento- "á delegación do catastro, encargada ao cabo de determinar o valor catastral dos inmobles". "Unha vez coñecido -supoñamos- un diferente valor catastral por parte da consultante, anularíamos as liquidacións no seu día practicadas, notificando as procedentes e devolvendo a parte satisfeita en excedencia a través da institución de ingresos indebidos", engade.

 

Que modelo urbanístico se quere para a cidade?

Marea de Vigo cuestionou a decisión do Goberno municipal de tramitar o novo Plan Xeral a partir do modelo de 2008 "con cambios técnicos menores"

Coincidindo coa presentación deste informe, Marea de Vigo cuestionou a decisión do Goberno municipal de tramitar o novo Plan Xeral a partir do modelo de 2008 "con cambios técnicos menores", como destacou Abel Caballero. O Concello defende que deste xeito de poderían aforrar ata tres anos no proceso de aprobación do novo PXOM. Porén, dende a Marea sinálase que o modelo de 2008 -en plena burbulla inmobiliaria- "non se axusta á realidade actual de cidade". O modelo de cidade deseñado en 2008 prevía un gran crecemento demográfico (ata os 400.000 habitantes nun período de 25 anos), e a posibilidade de construír 100.000 vivendas novas, 40.000 na primeira década. 

A Marea pide que o modelo de cidade "quede perfectamente emendando no novo PXOM" e salienta, por exemplo, a necesidade de eliminar a ficha de Liñeiriños (onde se quería ubicar o macrocentro comercial de Porto Cabral), pide evitar "a degradación total da superficie rústica de Vigo, substituída por usos residenciais e sen zonas verdes que sexan de orixe natural", lembra que o plan propoñía suprimir "o 17% da superficie forestal de Vigo" e reclama a "ordenación efectiva do solo industrial na cidade" e "a rehabilitación dos cascos históricos da cidade, Berbés, Casco Vello e Bouzas".

Tamén o grupo municipal do PP se amosa moi crítico co Goberno municipal vigués, aínda que centra as súas denuncias en pedir responsabilidades políticas a Caballero polo sucedido

Tamén o grupo municipal do PP se amosa moi crítico co Goberno municipal vigués, aínda que centra as súas denuncias en pedir responsabilidades políticas a Caballero polo sucedido, culpando ademais da anulación do plan ao Goberno bipartito da Xunta: "foi unha decisión política do alcalde de Vigo e do goberno bipartito da Xunta atrasar o Plan. E ese atraso é o que provocou a sentenza, que traerá consecuencias devastadoras se non poñemos enriba da mesa solucións urxentes”, sinalou Elena Muñoz. En resposta, dende o grupo municipal socialista, López Font defendeu que o PXOM que quería aprobar o PP "era o da especulación", subliñando que o goberno encabezado polo PSOE en 2007 "duplicou a vivenda social". 

Vista parcial de Vigo, dende a ría CC-BY-SA Merixo
Vista de Vigo dende A Guía CC-BY J. Carlos Nesta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.