"Se Gerardo se centra..."

Cuberta do libro CC-BY 2.0 Editora

"Se Gerardo se centra, e non vou estenderme en detalles, pode ser un bo xestor para a cidade", aseguraba un membro relevante da dirección rexional uns meses antes de ratificalo. Frases coma esa resoan agora na sede do PP galego, onde o episodio do impago a Facenda revive fantasmas do pasado.

Conde Roa, caso perdido, do periodista de El País José Precedo, inaugura a colección Xornalistas de 2.0 Editora, na que se irán publicando crónicas de actualidade realizadas por profesionais. O libro esmiuza a carreira política do ex acalde de Compostela, os seus excesos como figura política e a súa incursión marrada nos negocios inmobiliarios. 

Nesta longa reportaxe, José Precedo realiza un intenso traballo xornalístico para explicarnos o ascenso e caída en desgraza de Gerardo Conde Roa, con datos precisos e abundantes para situala no seu contexto

Nesta longa reportaxe, José Precedo realiza un intenso traballo xornalístico para explicarnos o ascenso e caída en desgraza de Gerardo Conde Roa, con datos precisos e abundantes para situala no seu contexto. Como subliña Xosé Hermida no seu limiar, o labor de Precedo "en ningún caso foi unha investigación estéril. E non porque a divulgación deses feitos desencadease unha sonora dimisión". Citando a Carl Bernstein, “os xornalistas non estamos para derrubar gobernos senón para que a opinión pública coñeza a verdade”.

Precedo escribe que "o auto, de extraordinaria crueza, desconfía ademais do argumento esgrimido de que non houbo vontade de defraudar". As fontes coñecedoras do sumario apostan por que Conde Roa se verá irremisiblemente abocado a un xuízo. "Sería o epílogo a unha carreira política de máis de vinte anos que se truncou para sempre", di. Neste vídeo, Precedo explica o contido e proceso de realización do libro. 

 

"Ladrón, defraudador..."

Praza ofrécevos o primeiro capítulo do libro, que se presenta este venres en Santiago, a partir das oito da tarde na libraría Couceiro. Velaquí as primeiras liñas desta vibrante reportaxe:

"Ladrón, defraudador". O reproche xorde da multitude medio en voz baixa pero coa xenreira suficiente para que algúns da primeira fila se viren e alcance o seu destinatario. No corredor de fieis que é a Rúa das Orfas ás once da noite manda o silencio, mentres a Irmandade dos Estudantes ensaia a súa primeira estación de penitencia. Expira o Mércores Santo. O viacrucis semella unha desapiadada metáfora que resume un día moi longo: o principio da fin de Gerardo Conde Roa como alcalde de Santiago. Non quixo darse por aludido pero o berro xordo chega dun dos seus. De entre o xentío que desafía o frío e a humidade sobre a pedra da zona vella e agarda o paso do Cristo da Misericordia.

A súa teimuda fuxida cara adiante iniciada anos atrás acaba de freala en seco unha querela do fiscal que o acusa de quedar con 291.000 euros que 61 clientes da súa promotora inmobiliaria lle pagaron polo IVE doutras tantas vi- vendas, dous anos antes. Un delito penado con ata cinco anos de cadea...

 

José Precedo

É xornalista de El País Galicia, onde se ocupa da información do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e a crónica parlamentaria. Antes traballou como reporteiro na Cadena SER e participou como enviado especial na cobertura da catástrofe do Prestige que mereceu o Premio Ondas ao Mellor Tratamento Informativo en 2003. Nesta canle dirixiu os informativos da fin de semana en Galicia.

Cuberta do libro CC-BY 2.0 Editora

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.