O pacto entre PSOE e Ciudadanos na Mesa do Congreso pecha a porta ao grupo de En Marea

Alexandra Fernández, xunto a Iglesias e voceiros das confluencias © En Marea

En Marea, En Comú Podem, Compromís-Podemos e o propio Podemos uníronse neste martes para deixarlle claro ao PSOE que de non permitir que as confluencias teñan grupo propio no Congreso, será "complicado" que haxa acordos posteriores con eles. Ante a negativa reiterada dos socialistas a facilitar a cada formación o seu grupo, o partido morado e as coalicións onde se integra advertiron de que pecharían a porta a posibles acordos máis adiante cos de Pedro Sánchez. Pero os socialistas semella que xa elixiron.

O pacto PSOE-Ciudadanos para que López presida o Congreso pecha a porta ao grupo propio de En Marea

Poucas horas despois confirmouse o acordo do PSOE con Ciudadanos para que Patxi López presida a Cámara Baixa, deixando fóra a formación morada e pechando case definitivamente a porta ao grupo propio de En Marea. "Queríamos acodo con Podemos pero foi imposible porque priorizaron as súas esixencias orgánicas e tensións internas para ter catro grupos, algo que non era posible", insistiron tras un pacto que asume o PP, que non presentará candidato alternativo, o que se interpreta tamén como outra medida de presión a Sánchez para que opte pola "gran coalición", esa que xa albiscan Podemos e as confluencias.

En Marea asegura que non vai permitir a "fraude democrática" que suporía que "o 25% dos votantes galegos non teñan representación"

"Cumprimos os requisitos necesarios para conformar grupo e estamos en dereito de esixilo; queremos que o PSOE entenda este novo escenario e estamos dispostos a negociar tempos e financiamento, pero non é cuestión diso, senón de entender o que dixo a cidadanía", asegurou á mañá Alexandra Fernández, voceira de En Marea, que asegura que a súa formación non vai permitir "unha fraude democrática, que o 25% dos galegos non teñan representación no Congreso".

"É unha cuestión de democracia, somos os representantes de milleiros de cidadáns e moito máis que a suma das partes", insistiu Fernández, que volveu apelar aos socialistas. "Que decida o PSOE donde quere estar, se nunha postura inamobible e sen entender este momento político, ou se quere abrir un diálogo fraterno e de verdade para traballar en conxunto". 

Iglesias cre que o PSOE "ten que elixir se se pon de acordo co PP e Ciudadanos ou con Podemos"

Nun acto cos líderes das tres confluencias e de Podemos, Pablo Iglesias tamén foi claro na advertencia ao PSOE, asegurando que "ten que elixir se se pon de acordo co PP e Ciudadanos ou con nós; senón, entendementos ulteriores serían complicados". Era un ultimátum claro de cara á votación deste mércores para elixir presidente do Congreso, algo que xa acordaron socialistas e Ciudadanos. Pero en xogo está unha posterior negociación para que Pedro Sánchez encabece un goberno de cambio. En Marea e o partido morado xa avisaron de que vetar os seus grupos sería unha declaración de guerra.

Antes, o voceiro de En Comú Podem, Xavi Domènech, considerou que "non sería entendible" nin "unha boa política" o rexeitamento do PSOE. De non aceptar os grupos, o político catalán cre que os socialistas "visualizarían que non se está pensando en alternativa, senón nunha gran coalición". O número un desta confluencia, como o resto de protagonistas, deixou claro que o debate "máis aló do tema de tempos e recursos" e todas as coalicións amosáronse dispostos a negociar tanto asignacións como o tempo para cada grupo. "É un debate pequeno, o debate e o que abre realmente a posibilidade dunha alternativa é a reconstrución social e a aceptación da plurinacionalidade, a aceptación dunha realidade legal", insistiu. 

"O que abre realmente a posibilidade dunha alternativa é a reconstrución social e a aceptación da plurinacionalidade", di Domènech

"Non vimos aquí acaparar nin tempo nin recursos, senón a ter voz propia neste Estado plurinacional", insistiu Joan Baldoví, voceiro de Compromís-Podemos, que volveu lembrar as flexibles interpretacións do regulamento do Congreso para propiciar grupos de partidos que non cumprian nin tan sequera os requirimentos esenciais da normativa. "Non contemplamos outro escenario que non sexan os catro grupos", reiterou Alexandra Fernández ao ser preguntada dun plan B no caso de que se confirme o veto, nunha frase repetida por Iglesias, que cualificou de "forzas políticas irmás" aquelas que se inclúen nas confluencias. Ademais, a voceira de En Marea cre que non contar con grupo propio "sería unha fraude democrática", polo que cre que "haberá responsabilidade para que iso non suceda".

Acordo PSOE-Ciudadanos para a Mesa

Iglesias intou o PSOE a elixir entre Ciudadanos e o PP ou Podemos. E os socialistas elixiron, polo menos no primeiro caso, a dereita. Patxi López será novo presidente do Congreso logo de acadar un pacto coa formación de Albert Rivera, polo que o ex lehendakari relevará a Jesús Posada á fronte da Cámara Baixa. 

O PSOE asegura que non puido chegar a un acordo con Podemos porque "priorizou a súa esixencia de ter catro grupos e non é posible"

Mariano Rajoy, pola súa banda, asumiu xa ante a xunta directiva do PP que non presentará candidato a presidir o Congreso e que o seu partido terá dúas vicepresidencias e unha secretaria. Segundo o acordo que adiantou a Cadena SER, os populares terán tres postos na Mesa; o PSOE,  un ademais da presidencia; Ciudadanos, dous; Podemos, un; e outro as coalicións onde participa a formación morada. Será unha das primeiras mesas que non conte con partidos nacionalistas en moitos anos. 

"É un acordo ao que se pode unir o PP por necesidade. Pedro Sánchez reuniuse con Rivera e Pablo Iglesias. Priorizamos a máxima pluralidade na Mesa e o diálogo con todos. Queríamos acodo con Podemos pero foi imposible porque priorizaron as súas esixencias orgánicas e tensións internas para ter catro grupos, algo que non era posible. O PSOE non votará os candidatos do PP", confirmou logo o Partido Socialista. 

"Lamentamos que Podemos non se queira sumar e só pense nos seus grupos territoriais e parlamentarios", asegurou Albert Rivera, líder de Ciudadanos. Pablo Iglesias reaccionou en Twitter cunha mensaxe clara: "Parece que PP, Ciudadanos e PSOE acordaron repartirse a Mesa do Congreso. Os tres do búnker comezan a cabalgar". 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.