Dende que en decembro unha sentenza do Supremo botou abaixo o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vigo (PXOM), o Concello e a Xunta de Galicia veñen barallando fórmulas para limitar os efectos desta anulación. Por un lado, búscase acelerar todo o posible a redacción dun novo plan, empregando como base o mesmo proxecto de 2008, a pesar do moi distinto contexto económico e de demanda inmobiliaria. De igual xeito, para non adiar determinadas iniciativas (Cidade da Xustiza, ampliación de PSA ou a estación intermodal de Urzaiz), bloqueadas trala anulación do PXOM, o Goberno galego propuxo nos últimos días modificar proxecto da Lei do Solo, que comezou en novembro a súa tramitación parlamentaria.
É dicir: para solucionar o problema que a nivel vigués xerou o sucedido co PXOM de 2008, a Xunta propón a modificación da súa proposta de ordenación do territorio para toda Galicia. En concreto, a proposta afecta ao artigo 144 da lei, que na actualidade sinala que "os actos relacionados no artigo 139 [edificacións, demolicións, intervencións en inmobles protexidos...] que promovan órganos das administracións públicas ou de dereito público estarán suxeitos a control municipal por medio da obtención de licenza municipal ou comunicación previa".
Na nova redacción admitirase que se leven a cabo obras "urxentes e de interese xeral" que sexan contrarias aos planeamentos municipais, sempre e cando haxa acordo co goberno municipal actual. O cambio, ademais, levaría a que determinados proxectos urbanísticos poderían ser aprobados sen períodos de exposición pública nin alegacións da cidadanía, limitando o control que os concellos e a sociedade poden exercer sobre estas actuacións.
Esta proposta, que xa foi apoiada polo Concello, foi en cambio criticada pola Marea de Vigo, que alertou de que esa modificación crearía "un perigoso precedente", xerando "arbitrariedade" no urbanismo de toda Galicia. “Significa abrir a porta en todo o país á discrecionalidade na construción de infraestruturas, aínda contra o planeamento, e co simple requisito de que sexan declaradas de interese xeral e a emisión de informes sectoriais”, sinalou a formación.
Marea: “Significa abrir a porta en todo o país á discrecionalidade na construción de infraestruturas, aínda contra o planeamento"
A Marea subliña que o bloqueo provocado nestes proxectos pola anulación do PXOM podería solucionarse por outras vías, sen ter que cambiar a Lei do Solo, e sen limitar a capacidade de regulación en materia urbanística. Explica que os proxectos que o goberno local de Vigo e a Xunta consideren estratéxicos "poden saír adiante xa cos instrumentos que actualmente existen, que esixen garantías e informes sectoriais e que conteñen un período de exposición público, como son os plans ou proxectos de incidencia supramunicipal, recollidos na lei de ordenación do territorio de Galicia dende 1995". Para a Marea, “é imprescindible a participación pública na tramitación dos proxectos e plans urbanísticos, sen a cal todo o procedemento estaría viciado de nulidade absoluta”.