A Coruña expedienta unha empresa de Florentino Pérez por desatender dependentes

Imaxe promocional da empresa Clece © Clece

O goberno local da Coruña vén de abrir un expediente á empresa Clece, concesionaria do Servizo de Axuda no Fogar na cidade, logo de que comprobase diferentes "incumprimentos" no contrato e tras non implementar as melloras que desde o Concello lle solicitaran nunha recente xuntanza. Esta filial da multinacional ACS, construtora propiedade de Florentino Pérez, enfróntase a un novo conflito cunha administración pública galega despois de numerosas queixas, denuncias e problemas por incumprir co pactado ou cobrar por servizos que non realizara en concellos e institucións. Non parece estraño nun grupo empresarial cuxa filial Urbaser foi denunciada en Ferrol tras admitir que a súa depuradora do Cabo Prioriño non traballaba malia facturar por facelo durante un ano

O Concello da Coruña abre expediente á filial do grupo ACS por varios incumprimentos do contrato

A propia Clece realizara prácticas semellantes en Pontevedra. O Concello recoñeceu hai máis de dous anos que a filial de ACS lle facturara 38.000 euros por servizos non prestados logo de que á empresa se lle abrisen varios expedientes. Nos últimos meses, máis conflitos agromaron nunha empresa demanda polos sindicatos en varias ocasións e a administración local anunciou no mes de xaneiro que iniciaba "a tramitación dun novo contrato para o Servizo de Axuda no Fogar" tras rexeitar a posibilidade de prorrogar o contrato catro anos máis. 

Agora, na Coruña, a Concellería de Xustiza Social e Coidados abriulle un expediente á espera das súas alegacións e podería impoñer sancións ou mesmo cancelar o contrato de continuar cos incumprimentos. "É unha desfeita", din fontes municipais sobre o funcionamento dunha empresa cuxo contrato lle foi adxudicado o pasado ano polo anterior goberno do PP e que suporía para o Concello máis de 7,5 millóns de euros en tres anos. 

Urbaser, outra filial de ACS, e a propia Clece cobraron por servizos que non prestaron en Ferrol e Pontevedra

Neste caso, os problemas chegan por un servizo insuficiente para os dependentes -a algúns mesmo non llelos ofreceron-, falta de coordinación ou demasiados cambios de auxiliar. Desde os sindicatos, Alejandra Gesto, responsable da Federación de Construción, Madeira e Afíns (Fecoma) de CCOO, explica que os incumprimentos por parte desta empresa "son continuos", tamén no plano laboral. Impagamentos de horas extras, incumprimento dos descansos obrigatorios ou do regulamento de prevención de riscos, labores fóra do horario laboral, negativa a cubrir unha baixa de maneira inmediata, denegación dos días de asuntos propios ou regulación mediante o convenio estatal cando xa hai un a nivel autonómico. E tanto no que ten que ver coa axuda no fogar como na limpeza. 

 

Conflitos na UDC, en Compostela ou no Arsenal de Ferrol

Tal e como aclara Gesto, os conflitos cos traballadores de axuda no fogar "son aínda máis complexos" porque a Inspección de Traballo "ten moitas limitacións polas limitacións a entrar nun domicilio". A responsable de CCOO di que a situación "é gravísima" en Clece e advirte mesmo da "importante incidencia das baixas" na firma e da "incapacidade laboral" que xa ten algunha traballadora polos rigores duns traballos "nos que ata se privou de guindastres para axudar os enfermos". 

CCOO aclara que os incumprimentos contratuais e en material laboral "son continuos" en Clece

O último conflito, ademais de no Concello da Coruña, xurdiu tamén na Universidade con sede na mesma cidade. Hai varias denuncias presentadas polos sindicatos e "movementos de persoal que provocaron varios despedimentos". A Inspección xa acudiu a comprobar se se cumpría ou non con todas as obrigas legais tras as demandas dos traballadores de limpeza. 

Non hai moito, en Compostela, a xunta de goberno deu conta dunha sentenza do TSXG que anulaba a adxudicación das escolas infantís de Conxo e Fontiñas a Clece aprobada en 2013 e que chegou cando estaba a punto de expirar a prórroga do contrato coa firma, o que pode supor "unha reclamación patrimonial ao Concello". No verán de 2014, o goberno local do PP abrira expediente á filial do grupo de Florentino Pérez pola xestión das devanditas escolas por incumprimento "grave" das condicións do contrato e tras as múltiples queixas presentadas polos pais dos nenos. O caso quedara nunha mínima sanción de 3.000 euros á firma. 

No pasado verán, a Inspección de Traballo, logo dunha demanda de CCOO, cualificara como "grave vulneración dos dereitos fundamentais" a cláusula de subrogación formulada por Clece, adxudicataria do servizo de limpeza do Arsenal Militar de Ferrol. A compañía obrigara ás traballadoras a asinar unha cláusula na que renunciaban expresamente a reclamar á nova empresa as débedas salariais da anteriores. 

O Concello de Santiago sancionou a Clece pola xestión de dúas escolas infantís e Inspección de Traballo tras un conflito no Arsenal de Ferrol

Segundo Alejandra Gesto, de CCOO, estas prácticas "son habituais" en Clece que "pasa absolutamente da lei e todo o leva ao xulgado". "Busca sempre gañar tempo e individualizar os conflitos", explica quen coñece de primeira man moitos dos problemas laborais e de incumprimentos legais que arrodean a compañía de Florentino Pérez, que adoita empregar "toda a súa maquinaria legal", que é moita e ampla.

Ademais, en Vigo, a Oficina de Dereitos Sociais de Coia leva tempo denunciando que esta empresa do grupo ACS, malia as denuncias e problemas que acumula, "leva a metade do orzamento da Concellería de Benestar Social" (máis de 5 millóns de euros) ao xestionar o Pograma de Infancia, o Servizo de Axuda no Fogar e unha parte dos servizos e persoal de Cedro. Non é un caso único en Galicia.

As concesións a compañías filiais da construtora madrileña espállanse por ducias de concellos e administracións públicas no país, malia as continuas irregularidades denunciadas por moitas delas. Este diario púxose en contacto coa empresa Clece e está aínda á espera da súa resposta. 

Silvia Cameán, concelleira de Xustiza Social e Coidados da Coruña © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.