O pleno do Concello de Pontevedra que o pasado luns declarou "persoa non grata" a Mariano Rajoy provocou que os focos mediáticos e políticos se pousasen de novo sobre a prórroga á autorización a ENCE para permanecer na ría pontevedresa, concedida o pasado xaneiro polo Goberno en funcións, e mesmo para que esta decisión chegase a ámbitos nos que non ecoara cando se produciu. O balbordo xerado en torno á simbólica declaración do consistorio pontevedrés, sen efecto práctico ningún, deu lugar a unha dura resposta por parte da pasteira, que este martes carga con contundencia contra o goberno da cidade.
A través dun comunicado inserido como anuncio a toda páxina en varios xornais impresos -os principais editados en Madrid e tamén algúns con sede en Galicia, nos que o texto figura traducido ao galego- a empresa reclama "que non se xogue politicamente" co seu negocio e, asemade, apunta as que, ao seu xuízo, deberan ser as prioridades do goberno local pontevedrés. "As preocupacións do Concello de Pontevedra", di o texto, "terían que ser eliminar a contaminación das súas augas provocada por unha depuradora de augas residuais (...) denunciada pola UE polo seu mal funcionamento, así como loitar contra o desemprego", esixencia lanzada durante o propio pleno polo voceiro do PP, Jacobo Moreira, baseándose en datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA), escasamente fiables segundo o IGE para medir o desemprego a nivel municipal.
A empresa retrucou ao debate no pleno cun comunicado inserio como publicidade en varios xornais impresos
ENCE aféalle ao gabinete que dirixe Miguel Anxo Fernández Lores que "use en loitas políticas" unha "empresa que cumpre escrupulosamente a legalidade e que xera emprego". "Se alguén non está de acordo coa prórroga que acuda aos tribunais [o Concello e outras entidades xa anunciaron que o farán], pero que non use o nome da empresa, da fábrica e a dignidade dos que nela traballan para loitas políticas", esixe, nun contexto no que, defende, "a prórroga da concesión por 60 anos foi un trámite administrativo regulado e transparente".
ENCE afirma que un hipotético traslado "só beneficiaría os especuladores inmobiliarios", xa que "o terreo nunca sería praia ou zona de marisqueo"
Ademais de lembrar que "o bipartito PSOE-BNG" concedeu en 2008 "a Autorización Ambiental Integrada" da fábrica por "cumprir ao 100% a lexislación ambiental", salientar que "o aire de Pontevedra supera todos os días do ano os parámetros de calidade recomendados pola OMS" ou destacar que a madeira que emprega para facer pasta de papel é "sostible", ENCE afirma tamén que un hipotético traslado da factoría non permitiría recuperar a zona na qu ese asenta. "Entre a fábrica de ENCE en Pontevedra e a ría discorre hoxe unha autoestrada de catro carrís -evidencia-, polo que a desaparición da fábrica só beneficiaría os especuladores inmobiliarios", asegura.
Neste sentido, a pasteira sentencia que "o seu terreo nunca sería praia ou zona de marisqueo", xa que "non hai praias cunha autoestrada entre a area e a auga", di, se ben si existe algún caso coma este -como Bouzas, en Vigo-, alén de que un eventual reordenamento da zona podería implicar obras tamén na AP-9. Ademais, agrega, "as praias situadas enfronte da fábrica de ENCE dispoñen de bandeira azul da Unión Europea", di, en referencia ás distincións que concede cada ano a asociación ADEAC, das que a UE está desligada dende hai década e media e que non certifican criterios ambientais.
Rajoy declárase doído
Rajoy coida que Lores "non cre" no aprobado polo pleno de Pontevedra
A reacción da empresa chegou pouco despois da do propio Rajoy, que nunha entrevista concedida á canle 13 TV manifestou "dor" pola declaración do pleno de Pontevedra". "Cheguei a vivir a Pontevedra aos 15 anos e son a primeira persoa na historia declarada 'persona non grata" polo Concello, subliña.
O alcalde Lores, di o presidente do Goberno de España en funcións, "tivo moitos votos", algúns de "xente que votou ao PP noutras eleccións" e por iso Rajoy di estar "seguro" de que "non cre" no aprobado polo pleno. "Creo que non debería facelo, non sei se con iso gaña algo", sinala o popular, que quixo "aproveitar" a intervención televisiva para "darlles as grazas" aos "pontevedreses que saíron á rúa e manifestaron a súa opinión" contraria á declaración.