Unha década de cruzada contra as leis que protexen a lingua galega

Anuncio do pacto lingüístico, en febreiro de 2007 © Xunta

Unha mostra de "galeguismo" e, ao tempo, de "equilibrio entre as dúas linguas cooficiais". De "respecto á lingua materna" e de desenvolvemento do Plan Xeral de Normalización (PXNL), "instrumento esencial para avanzar na promoción da lingua galega". As verbas son de Manuela López Besteiro, que en febreiro de 2007 expresaba así a súa satisfacción polo acordo acadado entre PSdeG, BNG e o propio PP para sacar adiante o novo decreto sobre o uso do galego no ensino. Aqueles cantos ao consenso duraron apenas catro meses. Cando o decreto ía ser promulgado, os populares galegos desmarcáronse del para sumarse a unha cruzada contra as leis de protección da lingua propia que vén de regresar á actualidade por mor da anulación xudicial de parte da ordenanza de uso da lingua no Concello de Lugo. A norma fora impugnada, precisamente, por un dos grupos xurdidos ao abeiro daquela polémica.

A encargada de escenificar o primeiro acto da ruptura do consenso foi a propia López Besteiro, que en rolda de prensa argumentaba que o texto que ela mesma gabara "non garante os dereitos lingüísticos", xa que "abre a porta a un modelo monolingüista". Mentres no conxunto do Estado o PP alertaba dunha suposta ruptura de España por mor do Estatut catalán, por Galicia comezou a circular un manifesto titulado Tan gallego como el gallego que, en aras da "liberdade", chamaba á oposición contra o decreto por, entre outros aspectos, garantir un "mínimo" do 50% de materias escolares en galego. Ese verán unha docente dun instituto vigués e varias persoas máis saltaron á prensa para presentarse como encarnación daquel manifesto. Facíanse chamar Galicia Bilingüe e prometían, en declaracións a El Correo Gallego, "dar mucha guerra".

O PP pasou de aplaudir o decreto a presentalo como unha mostra de "imposición"

O descoñecido grupúsculo, que dende o inicio apostou pola derrogación do decreto, pero tamén da Lei de Normalización Lingüística -e da propia consideración do galego como "lingua propia", estipulada polo Estatuto de Autonomía-, comezou a ser esgrimido polo PPdeG como mostra de oposición social á nova norma. No Parlamento representantes conservadores como Ignacio López Chaves, actual delegado da Xunta en Vigo, abordaban con teimosía o discurso da "imposición" e no outono de 2008 o propio Alberto Núñez Feijóo presentou a lingua como un dos seus eixos para chegar á Xunta. Se acadaba a presidencia, anunciou, derrogaría o decreto e o idioma empregado nas aulas ía ser definido "polos pais" do alumnado, que á súa vez podería empregar a lingua que considerase oportuna "nas aulas e nos exames". "Bilingüismo si, bipartito non", resumía.

Con UPyD como ameaza electoral os populares secundaron as protestas que cuestionaban o decreto, pero tamén o resto de leis a prol da lingua galega

Co pano de fondo do partido UPyD como ameaza electoral para os comicios galegos, os populares foron un chisco máis alá. A finais de decembro de 2008, apenas unha semana despois de que Emilio Pérez Touriño anunciase a convocatoria electoral do 1 de marzo de 2009, Galicia Bilingüe anunciaba que o 8 de febreiro, xusto antes do inicio da campaña, se manifestaría en Santiago contra a "opresión" lingüística. Unha ampla representación do PPdeG acudiu á protesta: Alfonso Rueda, Ana Pastor, Carlos Negreira ou Corina Porro marcharon polas rúas da capital galega nunha comitiva na que tamén se atopaban Rosa Díez e quen daquela era un membro do Parlament de Catalunya apenas descoñecido en terras galegas: Albert Rivera, cuxo partido, Ciudadanos, debutaba en Galicia co apoio a aquela manifestación.

Destacados membros do PPdeG manifestáronse xunto a Rosa Díez e Albert Rivera contra a política lingüística galega

Os conservadores venceron aquel 1-M. O novo conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, comezou definindo o PXNL como "un remuíño de ideas" e o decreto sobre o galego no ensino foi, efectivamente, derrogado e substituído polo actual decreto "do plurilingüismo". As leis contra as que cargaban aqueles movementos seguen vixentes -a de Normalización Lingüística, pero tamén os artigos referentes ao idioma na lei de administración local, que recolle o espírito da lei de uso do galego nas entidades locais- , se ben algúns dos seus preceptos esenciais son agora cuestionados dende o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a instancias da asociación Galicia Bilingüe, cuxa impulsora di estar brindando por unha sentenza contra a que o Concello de Lugo xa anunciou que interporá un recurso.

Cando menos publicamente, nesta ocasión o devandito colectivo non conta co apoio do PPdeG. Así, nos últimos anos o discurso lingüístico dos de Feijóo suavizouse notablemente. Non en van, a ordenanza lucense agora parcialmente anulada saíu adiante en 2012 por unanimidade do pleno municipal e o pasado ano o partido que sustenta ao goberno mesmo chegou a secundar xunto ao resto de forzas políticas un manifesto impulsado dende A Mesa pola Normalización Lingüística, sinatura que xerou malestar en parte da formación.

Rosa Díez, con Ana Pastor na manifestación de febreiro de 2009 CC-BY-SA Manuel Vilas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.