A mareas votarán en cada municipio os "principios básicos" para confluír nas galegas

Xuntanza das mareas municipais en Lugo © Marea Atlántica

As diferentes plataformas municipalistas que pulan pola confluencia de cara ás eleccións autonómicas validarán durante os vindeiros días os "principios básicos" das Mareas en Común, espazo de inclusión que pretende ser a base dunha futura candidatura unitaria da esquerda. Logo da última xuntanza celebrada en Ourense a pasada fin de semana, os grupos de traballo das mareas locais acabaron de definir un borrador que debará ser aprobado en asemblea por cada unha das iniciativas municipalistas implicadas. 

Os "principios básicos" deberán ser validados por cada marea municipal para logo ser a base sobre a que convidar máis plataformas locais

Será, como aclaran desde dentro, o "primeiro e fundamental paso" para asentar o proceso e que permitirá, de entrada, convidar aquelas plataformas locais aínda non inseridas no movemento para, máis adiante, poder presentar xa publicamente o proceso e difundir as bases do que pretende ser un acordo mínimo para implicar a cidadanía, movementos e colectivos sociais e políticos.

"Trátase de ter os principios básicos para poder ir ampliando a base", explican desde Mareas en Común. Malia que non se agardan nin moitas emendas nin atrancos, as diferentes mareas locais poderán tamén achegar as súas propostas e suxestións, ademais dos resultados das votacións en cada unha delas. Logo, elaborarase un documento definitivo que será aprobado na vindeira xuntanza, na fin de semana do 2-3 de abril e case con toda seguridade en Marín. A partir del, convidaranse outras iniciativas municipais a que entren no proxecto, pero sempre co obxectivo "de abrirse no futuro aínda máis". "Todas as plataformas locais suman arredor dun cuarto dos concellos do país e o obxectivo é implicar a todo o que comparta ese marco base", insisten. 

Os principios básicos baséanse na radicalidade democrática e defensa do tecido produtivo, a xustiza social, lingua e cultura e servizos públicos polo ben común

O borrador baseouse nas achegas do grupo de traballo e na análise de principios básicos doutros procesos municipalistas galegos. Estes "marcos comúns", á falta de facérense públicos, baséanse na radicalidade democrática e defensa do tecido produtivo, a xustiza social, lingua e cultura e servizos públicos en aras do ben común. E verán luz logo de intensos debates nos que, entre outras cousas, acordouse dotar de maior relevancia aos sectores primarios ou á ecoloxía. "Son uns alicerces que poden ser aceptados por todos e dos que é difícil disentir porque do que se trata é de camiñar xuntos e de avanzar", insisten as mareas. 

Polo momento, unhas 30 iniciativas municipalistas participan neste proceso á espera de que se engadan máis. Ese é o obxectivo: que todas as mareas locais que compartan eses principios básicos, así como o código ético, se integren para que logo axentes sociais e políticos e a cidadanía se incorporen, sempre rexéndose baixo a premisa da "transparencia" e de ser un proceso "formado de abaixo cara arriba". Ademais das mareas municipais das sete cidades, na iniciativa traballan moitos outros procesos municipalistas como os de Cabanas, A Pobra, Rianxo, Ribeira, Cuntis, A Estrada, Manzaneda, Cambre, Carral, Culleredo, Cangas, O Carballiño, Marín, Sada, Mugardos, Caldas ou Monforte, entre outras localidades. 

Unhas 30 iniciativas municipalistas participan neste espazo pola confluencia que prevé incluír todas as existentes no país

"En Marea foi un proceso imperfecto e o que queremos é que iso non ocorra desta vez", insisten fontes das plataformas locais. "A soberanía debe ser compartida por todos", lembran desde un proceso no que hai unha máxima: "Traballar a unidade, non ser só unha suma de partes". Saben, todos os colectivos integrantes, que haberá un momento no que se terá que establecer unha relación cos partidos políticos, e o modo de establecela e a toma de decisións comúns son dous dos desafíos máis importantes que lles quedan. "Imos paseniño porque a diversidade é importante entre as mareas, pero era esperable que houbese atrancos", di un importante referente neste proceso que agradece o "enorme traballo" do denominado grupo de Facilitación á hora de priorizar os consensos ás votacións e de facilitar as dinámicas de grupo. 

 

"Abrir o proceso" e darse a coñecer

Xa que logo, o obxectivo das Mareas en Común é agora afondar e concretar a organización interna para poder tamén canto antes dar a coñecer o seu proxecto á sociedade. Mentres, os diferentes grupos de traballo traballan tamén na futura elaboración dun programa participativo que se centre na recompilación de propostas, tanto da cidadanía e de colectivos sociais como de grupos de expertos. En canto ás primarias, prevén ter lista en poucas semanas unha proposta sobre a fórmula a empregar.

Mareas en Común busca asentar unha plataforma unida e de base cidadá na que os partidos "acompañen" pero "non dirixan"

Conscientes da necesidade de "abrir o proceso", as mareas buscan a maneira de implicar e lograr a participación doutros axentes, tanto a nivel individual como colectivo, e definir con claridade a iniciativa. Pero tamén avanzar no máximo consenso nun modelo que permita artellar unha plataforma unida, de base cidadá e na que os partidos que nun futuro compartan os obxectivos apoien e se sumen pero "non dirixan" o seu funcionamento. A idea é que as formacións que integraron En Marea "acompañen" o proceso desde abaixo, ao modo do método da Marea Atlántica, que é visto en moitos casos como vieiro a seguir polo consenso e unidade que foi capaz de lograr. 

Polo momento, tal e como destacan desde dentro, as mareas municipais levan a iniciativa na confluencia da esquerda galega e marcan o rumbo dunha candidatura unitaria que case ninguén dubida que chegará a bo porto nas autonómicas, pero que ten agora o reto de non cometer erros "que crearon insatisfacción no camiño de cara ás xerais". 

Participantes no encontro da Estrada CC-BY-SA Marea Noia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.