O PPdeG admite que repetir maioría absoluta será "complicado, con Feijóo ou sen Feijóo"

Puy, con Feijóo e o presidente a vicepresidenta do Parlamento CC-BY-SA PPdeG

As sempre moi arriscadas extrapolacións dos dous últimos resultados electorais, a das municipais e mais a das xerais, deixaban o PP lonxe da maioría absoluta no caso de que eses votos servisen para adxudicar escanos no Parlamento de Galicia. O discurso público dos conservadores tras ambos vereditos das urnas consistiu en evidenciar que, malia ás caídas en apoio cidadán, continuaban a ser a forza máis votada en Galicia. No entanto, o devalo xerou unha fonda preocupación que derivou en movementos como a profunda crise de goberno do pasado outono ou unha fervenza de anuncios en materia social. Agora, ás portas dos comicios galegos, a preocupación mantense e mesmo xa se verbaliza: repetir maioría absoluta será "complicado", tanto se Alberto Núñez Feijóo recunca como se non o fai.

As enquisas que nas últimas semanas se manexan internamente nos ambientes políticos do país son un dos principais sustentos desta afirmación, lanzada este domingo por unha das persoas cuxo nome entra nas cábalas sucesorias no a tal hora improbable escenario dunha renuncia de Feijóo. Nunha entrevista na Cadena SER o voceiro parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, inseriu a advertencia entre diversas chamadas a que o actual presidente da Xunta obvie a súa preferencia por non acumular máis de dúas lexislaturas. Atravesar a barreira dos 38 escanos é agora "complicado", e será así "con Feijóo ou sen Feijóo", afirma.

As enquisas que circulan nos últimos días afastan o PP do horizonte da absoluta

Neste escenario, Puy describe o panorama preelectoral dun xeito que hai poucos anos sería case impensable no caso do PP galego. O partido, afirma, alberga a "expectativa razoable" de obter unha "maioría suficiente para gobernar". Fanno, di, baseándose en "extrapolacións" que falan dunha "tendencia á alza" e confianzo en que serán "capaces de convencer as persoas que apoiaron ao PP de seguilo facendo neste novo proceso electoral autonómico". En calquera caso, para tornar esa maioría "suficiente" en absoluta cumpriría procurar acordos que, a priori, semellan practicamente imposibles agás nun caso: a entrada de Ciudadanos no Parlamento con tantos escanos como perda o PP.

A precampaña sen candidaturas

As advertencias de Puy chegan xusto despois de que o seu partido puxese a andar a conta atrás para que Feijóo teña que aclarar se vai á complicada procura da terceira absoluta ou cede o posto no congreso autonómico que será formalmente convocado o vindeiro 2 de abril. Atendendo ás verbas do presidente nos últimos días semella que cando se convoque o congreso a decisión será xa pública e, se cadra por iso, a presión ambiental increméntase. Tanto Puy como Alfonso Rueda e José Manuel Barreiro reiteraron esta fin de semana en cadansúas intervencións públicas que o máis acaído é que Feijóo non marche a ningures.

A presión ambiental sobre Feijóo increméntase a poucos días de facer pública a súa decisións sobre recuncar ou non

"Feijóo é o mellor candidato", di Puy, quen confía en que o seu xefe de filas "vai tomar unha decisión responsable, na que terá en conta a opinión dos compañeiros de partido". "Ten demostrado que escoita, atende a razóns e ten un compromiso co país, con Galicia e coa xestión que está facendo na Xunta". Xunto a un argumentario que faría, se cadra, máis complicado a negativa de Feijóo, Puy engade ademais que, ao contrario do que indican diversos ruxerruxes, o PP non ten o adianto electoral na axenda: "Estamos traballando coa expectativa de que sexan en outubro ou novembro", asegura.

Un eventual adianto, que o PP di descartar, provocaría que os partidos fixasen as súas candidaturas con apenas dous meses de marxe

Sexan cando sexan, o certo é que un eventual adianto dos comicios a xuño provocaría que todos os partidos nomeasen candidatos ou candidatas á Xunta con apenas dous meses de marxe. Alén do dilema de Feijóo, no PSdeG a dimisión de José Ramón Gómez Besteiro engadiu aínda máis incerteza ao panorama previo ás primarias, cuxo calendario será fixado pola xestora do partido a semana que vén. No espazo das mareas a incógnita é a candidatura e mesmo a configuración final da opción electoral, mentres que no BNG, tras a eliminación da incompatibilidade entre candidatura e portavocía nacional, todo apunta a que Ana Pontón será a aposta da formación soberanista para a cita coas urnas.

Puy, entrevistado na SER © Radio Galicia

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.