O futuro político de Alberto Núñez Feijóo xa non se conxuga en subxuntivo nin en condicional. Desde hai semanas, e moi especialmente nos últimos días, nos ambientes políticos galegos pasouse de esperar que este sábado o actual presidente da Xunta anunciará "se se presenta" ás súas terceiras eleccións a dar por seguro "que se presenta" e só falta saber o xeito en que o escenificará, en que argumentos apoiará o seu discurso ante a xunta directiva do PP galego que convocará o congreso para a súa reelección. Salvo unha sorpresa que descolocaría en grao sumo a propios e estraños, Feijóo lanzará así unha precampaña na que o líder conservador xa marca o terreo de xogo e elixe rivais prioritarios. Mentres, a oposición en pleno, que xa dá por feito que se enfrontará a Feijóo, asiste á operación sen candidatos coñecidos e entre a incerteza dunha data electoral aínda descoñecida.
Tras as municipais de 2015, xusto antes de que a xuíza Pilar de Lara resucitase as operacións Garañón e Pulpo, todo parecía indicar que o dubitativo Núñez Feijóo tería que valorar se presentarse ou non sabendo que, de facelo, tería enfronte o socialista José Ramón Gómez Besteiro. Curtido na política municipal e gañando enteiros cada vez que baixaba ao terreo da cara a cara, o socialista parecía lanzado cara á Presidencia grazas ao aumento de poder institucional local co que o PSdeG compensara a súa perda de votos. Pero De Lara irrompeu por enésima vez na escena política galega, desbaratando nesta ocasión os plans do PSdeG a nivel autonómico, como antes sucedera co PP a nivel municipal.
O calvario xudicial de Besteiro desembocaba o pasado marzo na súa renuncia á candidatura, primeiro, e unha semana despois á secretaría xeral - "é o mellor para o meu partido e para o meu país", defendeu-. Á fronte do golpeado aparello socialista quedou Pilar Cancela, secretaria de organización e agora presidenta dunha xestora á que lle toca convocar as primarias que designarán o rostro a colocar en cartel electoral.
Na contorna do PSdeG xorden voces que apostan por unha 'Operación Gabilondo'
A propia Cancela, sinalada como posible remuda de Besteiro, asegura non pensar en lanzarse a unha complexa carreira para a que, polo menos de momento, xa se descartaron, entre outros, os exministros José Blanco e Francisco Caamaño ou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva. Mentres se barallan nomes como o do exportavoz parlamentario Xoaquín Fernández Leicega ou o da exconselleira e actual concelleira en Vigo María José Caride, na contorna do partido xorden voces que apostan por unha 'Operación Gabilondo', un movemento que, emulando ao executado por Pedro Sánchez en vésperas das autonómicas madrileñas, sitúe á fronte da candidatura a unha persoa de prestixio, respectada internamente e con boa imaxe entre a cidadanía.
Mareas e BNG
Quen finalmente asuma a candidatura socialista terá ante si un reto en absoluto menor: manter o PSdeG como segunda forza política ou, o que é o mesmo, como aspirante á presidencia no caso de que Feijóo non consiga revalidar a maioría absoluta, tal e como prognostican as enquisas que os partidos manexan internamente. Esa competencia darase co espazo político que representa En Marea, onde tanto a candidatura como o propio artefacto electoral son, polo momento, unha incógnita.
O encaixe dos partidos no proceso de Mareas en Común preséntase como clave para a conformación da candidatura do espazo político de En Marea
As tensións previas á conformación de En Marea e a imposibilidade de formar grupo propio no Congreso provocaron que referentes destas forzas, como Xosé Manuel Beiras, aposten abertamente pola constitución dun "partido instrumental" tanto para os comicios galegos como para unha eventual repetición das xerais, fórmula tamén apoiada localmente. A disposición cara a esta fórmula por parte de Podemos -inmerso actualmente nas súas propias primarias tras o conflito co ata agora secretario xeral, Breogán Riobóó- e, sobre todo, o encaixe dos partidos no proceso Mareas en Común, impulsado desde xaneiro pola coruñesa Marea Atlántica xunto a outras plataformas municipalistas, serán claves para a conformación de candidaturas.
Se o proceso segue o guión elaborado desde as mareas municipais será un proceso de primarias o que defina unha candidatura para a que a que alcaldes como Xulio Ferreiro (A Coruña) ou Martiño Noriega (Santiago) xa se desbotaron. O influxo de Beiras e a posibilidade de que a persoa elixida poida acabar asumindo a presidencia da Xunta aumenta a complexidade dunha elección ao redor da que membros das plataformas que agora gobernan varias cidades xa lanzan unha advertencia: este movemento carece, polo menos polo momento, de cadros listos para tomar as rendas da Administración autonómica se as urnas así o propician.
Quen máis próxima semella estar á candidatura é Ana Pontón, no BNG
Neste contexto, e aínda que o nomeamento aínda non se produciu formalmente, quen máis próxima semella estar á candidatura é a nova portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. A asemblea que a elixiu o pasado febreiro decidiu eliminar a incompatibilidade entre o liderado orgánico e o cartel electoral, polo que todo parece indicar que Pontón será quen asuma o reto de manter a representación parlamentaria dos nacionalistas, que xa descartaron achegamentos preelectorais a En Marea. No entanto, advertía Pontón nunha recente entrevista con Praza.gal, se "a sociedade galega vota por un cambio, o BNG dialogará para poñelo en marcha".