Rajoy propón cambiar o fuso horario do Estado tras ridiculizalo o PP cando o pediu o BNG

Rajoy, durante o acto de Sevilla Dominio Público @PPopular

O presidente do Goberno central en funcións, Mariano Rajoy, asegurou este sábado nun mitin do PP en Sevilla que quere "impulsar o cambio do fuso horario" para axeitalo ás "necesidades" do Estado, así como "dez días máis de permiso de paternidade" para persoas con discapacidade e impor a conclusión da xornada laboral ás 18 horas.

Rajoy propón "impulsar o cambio do fuso horario" para axeitalo ás "necesidades" do Estado

Este feito suporía adaptar o horario que se utiliza na España peninsular e Balears -Central European Time (CET)- ao doutras rexións como as illas Canarias, Portugal ou Gran Bretaña -Western European Time (WET).

A proposta de Rajoy chega logo de que hai preto de tres anos a Comisión de Igualdade da Cámara trasladase ao Goberno a mesma solicitude. Que Galicia -e España- conten cunha hora menos é agora unha opción máis que probable e defendida pola maioría do arco parlamentario, incluído tamén o PP. Hai dez anos, a asemblea nacional do BNG aprobara incluír no seu documento de tese unha emenda na que reclamaba que se lle aplicase a Galicia "un fuso horario galego" adaptado á súa "hora natural" e á súa situación xeográfica e idéntico ao de Lisboa. Daquela, os populares ridiculizaran a proposta e preguntaban se sería debatida, os socialistas cualificábana de "cousa menor sen importancia" e a dereita mediática falaba de ideas de "iluminados nacionalistas" nas que vían pretensións diferenciadoras propias de "tolos". Feijóo falaba dunha proposta "peregrina" e José Blanco, daquela ministro, dunha "chorrada".

Cando o BNG propuxo unha hora menos en Galicia, José Blanco cualificouno de "chorrada" e Feijóo de idea "peregrina"

Pero xa en setembro de 2013, o ministro de Economía, Luís de Guindos, aseguraba que se ía a estudar o cambio do fuso horario para equiparar a España ao resto de Estados da contorna. "Desde o punto de vista xeográfico, hai unha diverxencia entre o horario actual e o que correspondería", afirmara o ministro de Economía.

 

Unanimidade nas principais forzas políticas

No pacto asinado polo PSOE e Ciudadanos para a consecución de Goberno o pasado 24 de febreiro, os asinantes do mesmo, Pedro Sánchez e Albert Rivera, apostan na súa páxina 38 pola "recuperación do fuso horario GMT que sirva de catalizador para o resto de medidas propostas" para favorecer "unha campaña de concienciación sobre as vantaxes económicas e sociais de racionalizar os horarios e flexibilizar a xornada laboral". Cando en 2010 o BNG levou ao Congreso a proposta, a bancada popular ridiculizouna. 

O pacto entre PSOE e Ciudadanos para unha posible investidura tamén contempla o cambio de fuso horario

Aplicando criterios xeográficos, que Madrid ou Barcelona (pero máis aínda A Coruña ou Vigo) teñan a mesma hora que Berlín ou Praga é pouco entendible. De feito, o horario medio de Greenwich ou GMT é o horario solar medio no Observatorio Real de Greenwich e que equivale a cero graos de lonxitude. Este meridiano cruzaría a costa mediterránea española, polo que tanto España como Francia, Gran Bretaña e Portugal deberían manter un mesmo horario.

A adecuación na medida do posible do horario real ao solar implicaría tamén un importante aforro enerxético, tal e como defendera o BNG en 2006 e o autor da protesta, o daquela militante do Bloque en Ourense, Lito Prado, que en declaracións a Praza asistira sorprendido a aposta no Congreso por unha proposta súa que daquela foi ridiculizada "e que na que poucos acreditaban". "Mesmo podería dicir que foi aproveitada por algúns para non falar doutras cousas máis importantes daquel cónclave nacionalista", conta.

Lito Prado lembraba que a reivindicación para que Galicia adoptase o horario GMT "chegou ao ámbito político despois de moito loitar no ámbito ecoloxista". "Sempre se nos denostaba por unha idea que xurdía dunha inquedanza xa histórica no ecoloxismo; como viamos que non conseguiamos nada, os que estabamos tamén implicados en organizacións políticas decidimos levalo a ese foro", lembra. Foi así como presentou a iniciativa na asemblea comarcal do BNG de Ourense, que logo a trasladou á asemblea nacional, onde foi apoiada maioritariamente. "Non foi aceptado porque houbese un claro convencemento, senón pola nosa insistencia", engade.

A proposta "nada tiña que ver cun tema identitario ou de diferenciación cultural, senón "para evitar o malgasto enerxético e afondar na racionalización de horarios".

 

Unha decisión pola afinidade do franquismo co réxime nazi

O actual horario do Estado foi adoptado tras unha decisión política por parte do ditador Francisco Franco. Concretamente, pola afinidade ideolóxica do franquismo co réxime nazi alemán. Foi o 7 de marzo de 1940 cando o Boletín Oficial do Goberno publicou a orde na que ordenaba que se adiantase en 60 minutos un horario que ata daquela era común ao dos países da súa contorna.

Foi Franco, en 1940, quen decidiu adoptar o horario da Alemaña nazi pola súa afinidade ideolóxica con Hitler

Ao rematar a Segunda Guerra Mundial, todos estes Estados europeos decidiron manter un mesmo horario centroeuropeo, ao que se sumaron logo Andorra, Xibraltar e Mónaco. España, cuxa localización xeográfica non se correspondía en nada coa hora adoptada, mantivo unha hora máis do que lle correspondía e síguea mantendo máis de setenta anos despois. Unha desfeita que agora pode ser corrixida.

Mapa de fusos horarios en Europa Dominio Público Praza Pública
Rajoy, durante o acto de Sevilla Dominio Público @PPopular

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.