As bases de Podemos-Galicia poden xa desde mañá venres e ata o vindeiro domingo participar na votación das primarias para elixir os novos órganos directivos e o secretario xeral da formación morada no país. Entre o día 8 e 10 ábrese o espazo para o voto telemático que elixirá os 34 membros do novo Consello Cidadán de Galicia, así como a nova persoa que encabezará o proxecto. O día 12 haberá daranse a coñecer os resultados.
Será Breogán Riobóo -que encabeza a lista Decide Galicia e que aspira a renovar un liderado cuxas funcións lle foron retiradas desde a dirección estatal-, Ángela Rodríguez -deputada de En Marea e candida por Agora Podemos- ou Carmen Santos, á fronte de Un mar de xente. Entre eles e os membros dos seus equipos terán que elixir as 20.576 persoas inscritas que forman o censo definitivo, pechado esta semana polo equipo técnico.
O censo definitivo pechouse en 20.576 persoas xa o mércores ante o temor de altas masivas ou da posta en dúbida do proceso, como ocorre en Euskadi
Segundo varias fontes de Podemos, o temor ao incremento masivo de altas entre os inscritos e a que se dubidase da lexitimidade dos resultados finais, como ocorre agora tras o proceso no País Vasco, fixeron que o equipo técnico galego pechase o censo. Nese correo enviado aos inscritos galegos para trasladarlles as decisións da executiva estatal e da nova Secretaría de Organización que dirixe Pablo Echenique aclárase que "non poderán participar" nas votacións "as persoas que se insriban posteriormente á data do 5 de abril", na que se cerrou a listaxe. Ao tempo, e desde ese mesmo día, tamén se impide o cambio de domicilio para evitar que afiliados doutras autonomías intentasen votar en Galicia.
Será, ademais, a primeira vez que se active un sistema de confirmación do voto a través do SMS, outra das medidas decididas pola executiva estatal tras ser ratificado Echenique como novo secretario de Organización en substitución de Sergio Pascual. Galicia é, xa que logo, a primeira autonomía que porá en práctica o novo sistema de elección, que deixa atrás as polémicas listas plancha, moi criticadas xa desde a asemblea fundacional de Vistalegre.
Galicia inaugura o novo sistema, que prescinde das 'listas plancha' para "aumentar a proporcionalidade do Consello Cidadán"
A decisión foi comunicada tamén a través do correo electrónico "co fin de aumentar a proporcionalidade do Consello Cidadán". Así, explícase que "por primeira vez" nun proceso deste tipo en Podemos, "non será posible seleccionar unha lista completa cun único click". Agora, será necesario "seleccionar cada candidata ou candidato de xeito individual" e, aínda que antes si era posible, o feito de que cun só click se puidese marcar xa o candidato favorito á secretaría xeral e todo a súa lista provocaba que o equipo gañador obtivese unha ampla maioría nos órganos directivos polo efecto arrastre.
Agora, non será posible seleccionar unha lista completa cun só 'click', senón marcar cada candidato de xeito individual
"Á espera de posteriores melloras no sistema de votacións, agardamos que isto mitique en boa medida un efecto deste que era que o gañador, aínda que fose por unha estreita marxe, levábao todo", explica Pablo Echenique, un dos prexudicados polo sistema e máis crítico xa, xunto a Teresa Rodríguez, cando o método acabou prexudicando as súas candidaturas fronte á de Pablo Iglesias.
As votacións comezan este venres non sen polémica, logo de que os candidatos Breogán Riobóo e Carmen Santos acusasen a Ángela Rodríguez de impedir novos debates -logo do celebrado na TVG- polo seu rexeitamento a acudir a outros. Desde o equipo da deputada por En Marea aseguran que "sempre" acoden "aos que se nos avisa en tempo e forma" e xustifican o feito de enviar outros membros da candidatura a outros encontros co resto de aspirantes por ter "un equipo amplo e plural".
Ademais, desde o equipo de Ángela Rodríguez tamén advirte que nalgún dese debate proposto Breogán Riobóo figuraba presentado como actual secretario xeral de Podemos-Galicia e non como candidato -tal e como figuraban as outras dúas aspirantes-, o que "imposibilita" que o círculo o puidese organizar.