Cando Mario Conde se presentou ás eleccións contra "a casta" e o "sistema financeiro"

Mario Conde no acto celebrado en Santiago © SCD

Santiago, 15 de setembro de 2012. Resta apenas un mes para as eleccións galegas e o descoñecido partido Sociedad Civil y Democracia celebra unha convención no Palacio de Congresos de Galicia. No escenario destacan dúas grandes pancartas co rostro de Mario Conde e no público, que ocupa arredor da metade dos 2.100 asentos do auditorio, distínguense rostros populares como o do escritor Alfredo Conde ou a presidenta da asociación Galicia Bilingüe, Gloria Lago. "Aquí estamos os que non somos políticos", "a nación máis antiga do mundo está en proceso de desintegración", alertábase dende o escenario antes da chegada da estrela da xornada, o exbanqueiro detido este luns por, presuntamente, repatriar de Suíza 10 millóns de Banesto.

Naquel acto, celebrado catro anos despois da súa saída do cárcere e escasos meses despois de ser recibido con agarimo en actos públicos por dirixentes do PP galego, a posta en escena de Conde foi máis relevante que o contido do seu discurso. Paseando polo escenario, micrófono en man, o antigo prodixio das finanzas españolas imitou repetidamente un forzado acento galego mentres debullaba diversas diatribas contra a clase política, a quen alcumou cun termo pouco presente daquela no debate público: a "casta". Suxerindo que as súas condenas xudiciais tiveran transfondo político, advertiu de que falaba sen "miedo": "abrí una peligrosa puerta, a la gente que está en las castas no le gusta que llegues", indicou.

Na súa presentación como candidato á Xunta o exbanqueiro suxeriu que fora condenado por razóns políticas

El, explicou a medio camiño entre o mitin e o monólogo, daba o paso de optar á presidencia da Xunta porque "este país tiene un fallo multiorgánico". A razón, que "dejamos las cosas en manos de los políticos". El, afirmou entre aplausos, sentía "incomodidad" ante "un sistema político y financiero con el que no estoy de acuerdo". "Éramos ricos, ¿pero cómo es posible que se haya destrozado todo ese dinero?", preguntábase. Na sociedade española e galega existía medo, diagnosticou, e por iso ía encabezar a candidatura de SCD por Pontevedra, a provincia pola que concorría Alberto Núñez Feijóo. "Estamos aquí para rebelarnos contra ese miedo", proclamou.

Conde afirmaba que o seu partido, que obtivo 15.900 votos, acabaría coa "eliminación del castellano en Galicia"

Conde afrontaba a carreira electoral consicente de que lle ían lembrar o seu pasado e por iso advertiu que un dos piares do ideario do partido que pasaba a liderar era facerlle fronte á "corrupción" xudicial. Nos tribunais españois, aseguraba, pesaban as "razones políticas". Esas mesmas, subliñou, eran as que provocaban que a xudicatura fose "capaz de excarcelar a etarras", decisións fronte ás cales resultaba "mucho más fácil" chegar a "condenar a un inocente", dixo en referencia a si mesmo.

"Me gustan los retos", aseguraba Conde, e por iso tamén lle metía o dente á cuestión lingüística. El, afirmaba, estaba "en Galicia" dende había "450 años", razón suficiente para defender a lingua galega, pero non a través do "proceso de eliminación del castellano en Galicia", que dende o seu punto de vista era o que estaba a suceder. Con estas e outras pensaxes e baixo o lema Juntos podemos Conde e os seus concorreron ás urnas e aquel 21-O obtiveron 15.990 votos, 9.600 deles en Pontevedra, onde o exbanqueiro era cabeza de lista.

Cartaz electoral de Mario Conde nas eleccións galegas de 2012 © SCD

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.