A Audiencia Nacional vén de ordenar investigar se unhas 470 persoas empregaron contas abertas no Banco Pastor para mover 1.200 millóns de xeito irregular. Concretamente, o maxistrado José de la Mata céntrase na sede desta entidade nos Cantóns da Coruña, desde onde se terían realizado estes movementos presuntamente irregulares.
O xuíz da Gürtel ordena investigar se 470 persoas empregaron contas abertas no Pastor para mover 1.200 millóns de xeito irregular
De feito, o xuíz abriu unha peza separada na investigación da Gürtel para debullar esta presunta trama, denominada precisamente Cantón. Todo xorde do informe da Oficina Nacional de Investigación da Fraude (ONIF) sobre o Banco Pastor en relación co branqueo de capitais e que agora acaba na Audiencia Nacional.
Segundo o auto, estes métodos cos que se está a relacionar a varios imputados na trama, entre eles o empresario Amando Mayo, tivo lugar sen que o Banco Pastor actuase coa "esixible dilixencia" para indetificar a posible comisión de delitos. O maxistrado considera, en definitiva, que o sistema de branqueo puido servir a estas persoas para lavar fondos cobrados de maneira ilegal.
Movéronse máis de 1.200 millóns en 34.000 operacións diferentes entre 2003 e 2010
De la Mata cre que existen sospeitas de que a sociedade uruguaia Belfast Link e a arxentina Eves, investigadas no informe da ONIF que adiantara Radio Coruña-SER, empregaron o Banco Pastor para impulsar unha operación de branqueo de capitais sen que a entidade actuase como lle correspondía para evitalo. Estas dúas empresas, entre os anos 2003 e 2010, canalizaron un volume de fondos que chegou aos 615,6 millóns de euros de saída e 617,5 de entrada, repartidos en máis de 34.000 operacións diferentes.
Como base de branqueo, segundo as pescudas, a céntrica e histórica sede do Banco Pastor na Coruña. As contas abertas nela "servían de ponte" e actuaban como "meras canalizadoras de fondos", realizándose un importante número de ingresos procedentes de diferentes ordenantes de varias nacionalidades. Os fondos transferíanse automaticamente desde aquí a contas de beneficiarios localizados no exterior, segundo aclara o xuíz.
O maxistrado reclama á Comisión de Prevención do Branqueo de Capitais e Infraccións Monetarias (Sepblac) que certifique se o Pastor incumpriu coas obrigas para a prevención do branqueo. Ademais, a UDEF da Policía investiga nome por nome ese listado de 470 nomes e das operacións realizadas desde o banco. Na listaxe inclúense particulares pero tamén empresas.
En declaracións a Radio Coruña, a sección sindical da CIG na entidade bancaria xa advertiu que solicitará inormación oficial sobre a investigación que xa comezou hai un ano e que agora chegou á Audiencia Nacional. Ademais, pide que se depuren todas as responsabilidades. Desde CCOO crese que a investigación xudicial pode aínda ampiar as conexións e a cualificación delitiva dos feitos.