Leiceaga presenta unha candidatura "enraizada nos valores de esquerda e nun galeguismo sen complexos"

Xoaquín Fernández Leiceaga © PSdeG-PSOE

O economista e ex deputado Xoaquín Fernández Leiceaga converteuse este sábado no primeiro candidato oficial ás primarias do PSdeG-PSOE, que o 28 de maio escollerá o seu cabeza de lista para as eleccións autonómicas. Soan outros nomes (dende José Luis Méndez Romeu a Francisco Caamaño), pero de momento non fixeron oficial a súa candidatura.

"Hai unha oportunidade para o cambio en Galicia e entre todos hai que tentar construír unha alternativa sólida e solvente"

Fernández Leiceaga sinalou, en conversa con Praza, que decidiu presentarse "porque neste momento hai unha oportunidade para o cambio en Galicia e entre todos hai que tentar construír unha alternativa sólida e solvente". "É o momento de dar un paso á fronte, de botar unha man. É un tempo complicado para os cidadáns e un tempo complicado para exercer a política, pero precisamente nestes momentos é cando facemos máis falta", engade.

Leiceaga subliña que a súa é "unha candidatura enraizada nos valores de esquerda e nun galeguismo sen ningún tipo de complexos", destacando entre os seus valores principais "a igualdade, a construción dun estado de benestar forte, e defensa dos servizos públicos, a rexeneración democrática, o compromiso coa lingua e a cultura galegas e a defensa dunha posición forte de Galicia nunha España que está en recomposición". Así mesmo, sinala tamén "o compoñente de experiencia política, de solvencia técnica e de cualificación profesional que creo que podo achegar".

"Nós somos un partido reformista e de goberno. Isto non debe cambiar", subliña o socialista, que indica que "temos que cambiar a nosa conexión coas demandas da sociedade". "Hoxe hai novos problemas que antes non estaban presentes e hai unha situación social que cambiou completamente. Hai unha sociedade con menos ilusión e menos expectativas á que debemos saber transmitirlle un horizonte de esperanza e demostrar que a política serve para algo, e serve para mellorar a vida da xente", di. "Temos que xerar credibilidade e confianza e para iso debemos estar unidos", engade.

"Cando o PSOE non estivo en condicións de liderar esta alternativa non houbo cambio, como sucedeu en 1997"

Leiceaga cre que "a análise dos últimos 30 anos en Galicia indica que cando non gobernou o PP foi porque houbo unha alternativa liderada polo PSOE" e que "cando o PSOE non estivo en condicións de liderar esta alternativa non houbo cambio, como sucedeu en 1997". "Temos que ter a fortaleza interna e a unidade necesarias para construír a peza máis importante desa alternativa. E despois temos que ensamblar ao redor de nós unha maioría social que vai necesitar, cando menos, doutra forza política. Temos que ser capaces entre todos de atopar un punto de encontro para unha nova maioría", sinala. A este respecto engade que "eu teño experiencia persoal de pactos con outras forzas políticas, no Concello de Santiago, e igualmente pola miña propia traxectoria persoal creo que teño a capacidade de entender ben as posicións doutras forzas". 

 

O prazo de presentación de candidaturas amplíase ata o día 13

O prazo para a presentación de candidaturas para as primarias do PSdeG-PSOE, que nun comezo estaba previsto que rematara o martes 3 de maio, vén de ser ampliado notablemente, ata o día 13. O Comité Federal do PSOE corrixiu así o proceso exprés deseñado pola xestora do PSdeG, que xerara certo malestar en parte da formación. Non varía, en todo caso, o prazo de once días fixado para a recollida e presentación de avais (un mínimo de 300, o 10% do censo). Así, o 14 de maio proclamaranse provisionalmente as candidaturas e o día 19, de xeito definitivo.

No caso de haber máis dun aspirante o partido celebrará unha campaña interna de oito días, do 20 ao 27 de maio, e o día 28 celebrarase a votación. Este sábado a presidenta da xestora do PSdeG, Pilar Cancela, cualificou de "excelente" a nova da candidatura de Fernández Leiceaga, do que dixo que ten "un perfil fantástico", destacando a súa "dilatada experiencia" académica e política. Así mesmo, dixo estar "convencida" de que nos vindeiros días se coñecerán novos aspirantes.

 

Xoaquín Fernández Leiceaga Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.