Galicia votará en xuño e no outono

Colexio electoral en Lugo CC-BY-SA Merixo

Fin das cábalas. Na remate da pasada fin de semana o ruxerruxe do adianto electoral volveu percorrer algunhas forzas políticas de Galicia, nomeadamente na banda esquerda do país. Certos movementos políticos e mediáticos fixéranlles pensar que este luns, ao bordo da fin do prazo para facer cadrar as eleccións galegas cos comicios xerais repetidos, o 26 de xuño, Alberto Núñez Feijóo se ía aliñar coas voces internas que, especialmente dende Madrid, vían conveniente o anticipo. A intención, ratificou o presidente este luns, é "esgotar a lexislatura".

A casualidade (ou non) quixo que o referendo de que as eleccións galegas serán cando tocan por primeira vez dende 2001 -tanto Manuel Fraga, en 2005, como Touriño en 2009 e Feijóo en 2012 adiantaron os comicios uns catro meses- se producise na Cidade da Cultura. Alí acudiu Feijóo este luns para inaugurar o denominado Bosque de Galicia, unha extensión de árbores que substitúe as especies vexetais arrincadas para construír o complexo e cuxo custo supera o medio millón de euros, entre plantación e iluminación. Este, vén mantendo o presidente entre críticas dende o eido da bioloxía e do ecoloxismo, vai ser o "bosque máis importante da Autoestrada do Atlántico".

Neste marco, Feijóo debullou a preguntas da prensa unha confirmación baseada no seu argumentario das últimas semanas: a "estabilidade". "O que lle interesa a Galicia é saír da situación de inestabilidade que se está a vivir na política nacional", di o líder popular, quen asegura desbotar "aproveitarse dunha situación que nunca se dera en Galicia", caracterizada por "unha oposición fragmentada, dividida, con liortas internas impropias". Mentres nos últimos meses nas Cortes Xerais se viviu "un teatro", contrapuxo, a Xunta "aprobou os seus orzamentos, fixo investimentos e baixou impostos". Por iso "cómpre seguir gobernando, esgotar a lexislatura e facer as eleccións cando os galegos mandan", isto é, no outono, previsiblemente no mes de outubro.

Feijóo anunciou que vai "agotar a lexislatura" na inauguración do 'Bosque de Galicia', no Gaiás

Segundo Feijóo, levar as eleccións ao outono é "o correcto e o coherente". Cando chegue o momento, abonda, presentarase "para ser o presidente de Galicia cun proxecto e cunha proposta". Non opta, proclama, por un adianto que lle permitiría "que a suma me dea", xa que a actual oposición, diagnostica, se atopa nunha situación de "absoluta fraxilidade". Non vai aproveitar, asegura, "as crises que persisten no PSOE, as convulsións das mareas de Podemos e a situación comprometida do BNG".

Sen cartel compartido con Rajoy

Con esta decisión o líder dos populares galegos asume en primeira persoa o resultado que saia das urnas no outubro e desliga o seu éxito ou fracaso político do de Mariano Rajoy, quen podería resultar un lastre para o PPdeG coas eleccións galegas diluídas no 26-X. Nun escenario axustado, a posible desmobilización de parte do electorado ou a fuga de voto conservador cara a Ciudadanos serían obstáculos para a reedición da maioría absoluta. No entanto, no seo do PP existían tamén opinións favorables ao adianto: este, consideraban, era o mellor momento pola febleza das forzas da oposición, entre as que só o BNG ten xa elixida a súa candidatura á Presidencia -Ana Pontón foi ratificada a pasada fin de semana-.

Ante un dilema semellante ao vivido por Touriño en 2008 o líder do PP galego opta por desligar o seu éxito ou fracaso político do de Mariano Rajoy no 26-X

Pero, ante un dilema semellante ao vivido por Emilio Pérez Touriño no verán de 2008, Feijóo vén de optar pola convocatoria en solitario -ou, en todo caso, compartida só coas eleccións vascas, todas vez que o lehendakari vén de ratificar tamén que esgotará mandato-. Nun panorama político xeral caracterizado pola fragmentación, tentará facerse valer como o responsable da derradeira maioría absoluta do Estado e como único garante posible da "estabilidade" fronte á alternativa dun Goberno de esquerdas sustentado por varias forzas.

Galicia lánzase, deste xeito, a unha longa precampaña cunhas xerais polo medio. Nela os populares fixarán os gobernos locais das mareas como albo prioritario dunhas críticas con dous obxectivos primordiais: alertar de mala xestión e presentar un PSdeG entregado ao "nacionalismo" e a Podemos. Mentres, o espazo político das mareas debátese entre artellar a confluencia sobre as Mareas en Común, facelo nunha versión renovada de En Marea ou procurar un novo pacto entre partidos e plataformas municipais. Os socialistas, pola súa banda, veñen de encetar un proceso de primarias no que Xoaquín Fernández Leiceaga é polo momento o único precandidato, se ben en todos os sectores do partido se dá por suposto que a militancia terá, cando menos, outra opción para elixir.

Feijóo, este luns no Gaiás © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.