Baltar carga contra a oposición "piollosa" na véspera de ser anfitrión da reelección de Feijóo

Baltar, Feijóo, Marisol Díaz ou Santalices, nun acto de partido recente © PP Ourense

O clima político na Deputación de Ourense é convulso dende hai meses. A denuncia da muller que acusa o presidente da institución de ofrecerlle un emprego a cambio de sexo, caso no que José Manuel Baltar é investigado -antiga imputación- por presunto suborno e tráfico de influencias e no que o xefe de persoal da entidade vén de ser citado con idéntica condición, tensou especialmente o ambiente. Como tamén o fixo a reprobación de Baltar, aprobada en novembro en ausencia do PP, formación que devolveu o golpe hai poucos días sacando adiante unha inédita reprobación dun dos voceiros da oposición, o socialista Ignacio Gómez. Neste contexto, cargando contra a "piollosa" oposición, o barón ourensán prepárase para ser anfitrión do congreso que esta fin de semana volverá proclamar a Feijóo como líder e candidato á Xunta do PPdeG.

A ira de Baltar chega despois de que os socialistas, así como o partido Democracia Ourensana (DO), intensificasen as críticas contra el tanto pola investigación xudicial na que se atopa inmerso como pola misión comercial USA-Ourense, un evento patrocinado pola Deputación cuxa xestión está a espertar receos nos grupos alén do PP. As acusacións máis recentes chegaron de DO, que atribúe a Baltar custos "inchados" na súa viaxe aos Estados Unidos e que afirma, ademais, que o popular fixo cadrar un recente desprazamento a Madrid coa semifinal da Liga de Campións xogada polo Real Madrid, para así poder asistir ao partido.

Baltar: "Tanto o bufonista da política como o mentirán oficial están a facer unha política piollosa e con lamparóns"

Ante estas acusacións, Baltar saíu en tromba na que, di, será "a última vez que comente o bufonismo político dos voceiros" de PSdeG e DO, xa que "eu me dedico a gobernar a provincia traballando en positivo", di. Como no inicio da devandita investigación xudicial o político conservador afirma que tanto Ignacio Gómez como o líder de DO, Gonzalo Pérez Jácome, están a "meterse" na súa "vida privada". "Tanto o bufonista da política como o mentirán oficial están a facer unha política piollosa e con lamparóns que non leva a ningunha parte e que é todo o contrario da política de altura que pedín no meu discurso de investidura", afirma.

No que atinxe á acusación concreta do encontro futbolístico, Baltar afirma que "non tiña pensado acudir". Pero "ao coñecer a historia de Pérez Jácome, decidín ver o partido, o primeiro ao que vou en toda a temporada, dun clube do que son abonado dende 2007", advirte.

Visita de Rajoy e incógnita sobre a sucesión de Rueda

Rajoy acude a un acto de Novas Xeracións e non estará no congreso do PPdeG

É con este pano de fondo co que este venres chegará Mariano Rajoy a Ourense. O presidente do PP e do Goberno de España en funcións non estará, como se anunciara, na nova proclamación de Feijóo -xa non estivera na de 2012-, senón que participa, vinte e catro horas antes e no mesmo recinto, nun acto das Novas Xeracións do partido sobre o que paira o interrogante de se evitará a fotografía con Baltar ou, pola contra, arengará as mocidades populares acompañado, ademais de polo presidente da Xunta, polo controvertido barón. Así e todo, segundo a dirección do PPdeG cómpre restarlle importancia a que Rajoy non quede ao congreso: a precampaña está lanzada e o candidato "ten que estar en moitos sitios", xustificaba Alfonso Rueda este xoves.

Rey Varela semella gañar puntos na carreira pola secretaría xeral do partido

A sucesión de Rueda á fronte da secretaría xeral do partido é, precisamente, un dos escasos interrogantes do congreso, que xuntará case 2.000 persoas en Expourense e que ten ao propio Feijóo como candidato único ao liderado. O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey, semella gañar puntos nunha carreira na que todo semella indicar que Feijóo dá por desbotado ao exconselleiro e exalcalde de Santiago Agustín Hernández. Durante a súa visita ás festas da Ascensión, que esta semana se celebran na capital galega, o presidente referiuse ao actual voceiro do PP no concello da capital como "un dos mellores políticos" do partido, se ben expresou o seu desexo de que se centre na cidade co obxectivo de tentar volver en 2019 aos sillón da alcaldía ao que accedeu no verán de 2014 como substituto de Ángel Currás, que á súa vez fora remuda de Gerardo Conde Roa.

Votación no pleno da Deputación de Ourense © Deputación de Ourense

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.