0 Gardados para despois

Normalización lingüística: A lei que non quería ser só un desexo

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Un achegamento ás actas dos primeiros anos do Parlamento permite observar notables diferenzas a respecto da actualidade. Naqueles hemiciclos impregnados en fume de tabaco, primeiro na eclesiástica Fonseca e despois no universitario Xelmírez, un parlamentarismo que aprendía a andar mentres andaba producía, nostalxias aparte, debates ben máis flexibles que os actuais con protagonistas que, se cadra máis que os actuais, tiñan de cando en vez conciencia de estar a protagonizar un bocadiño de historia. Naquel Parlamento, de composición anormalmente masculina -daquela xa vivían no país máis mulleres ca homes- afrontouse con solemnidade a sesión do 15 de xuño de 1983, na que os traballos do relatorio conxunto dos grupos culminaron coa aprobación da Lei de Normalización Lingüística, o texto que naceu entre apostas por que os seus preceptos non ficasen só en "desexos".

Na sesión que rematou con votación unánime non estaban, así e todo, todos os membros da Cámara. Os representantes do Bloque-PSG foran expulsados o ano anterior por non acatar a Constitución e aquel día concreto, ademais, escusaran a súa presenza dous membros do grupo de Alianza Popular, que sustentaba o goberno: José González Dopeso e Mariano Rajoy Brey. Xustificadas as ausencias o presidente deu paso a un debate que abriu quen fora primeiro impulsor da lei cunha proposición ao respecto, Camilo Nogueira, de Esquerda Galega, quen celebrou que, á fin, unha lei protexese o galego, "lingua nacional e universal".

Lonxe dos eufemismos que foron poboando a vida parlamentaria co paso dos anos, Nogueira foi claro no seu discurso. "Non cremos -subliñou- que se lle poida dar un trato de igualdade a galego e castelán, porque o galego é unha lingua historicamente discriminada". "A igualdade que se pide na lei -aclarou- non se pode conseguir máis que se hai un trato privilexiado para o galego" que contribuirá, asemade, a unha "reconstrución nacional" na que tamén concordou o seguinte orador, Anxo Guerreiro, do PCG.  Normalizar a lingua, agregou Guerreiro, era tanto como "normalizar o país e a vida pública".

"A igualdade que se pide na lei non se pode conseguir máis que se hai un trato privilexiado para o galego"

Outro dos grandes impulsores do texto, o socialista Ceferino Díaz, amosouse tamén igualmente convencido de que a lei viña "rematar cunha situación anómala". A Administración, sinalaba, íase "adaptar á lingua dos administrados, non ao revés", como sucedera ata ese momento. O galego fora "creado e conservado" polo pobo, agregou Ramón Piñeiro, pero tamén quen "se esforzou, quen loitou por esa reivindicación", que o histórico galeguista convidou a personificar na figura de Rosalía de Castro ao tempo que instaba o hemiciclo a asumir "a intención moral de converter a lei no máximo monumento a ese pobo que soubo conservar a lingua.

O "deber" e os obstáculos

A ledicia foi tamén protagonista nas intervencións do Grupo Centrista, do que xa eran restos de UCD, con discursos que máis de tres décadas despois serían, con toda probabilidade, retrucados con dureza dende os escanos que, dun xeito ou doutro, reivindican a herdanza daquel partido. "O español xa está suficientemente protexido", polo que "a que máis atención merece é a nosa lingua", sinalou Antonio Olives Quintás no que vía "un gran día para o pobo galego". A aprobación da norma, agregou dende o mesmo grupo Aurelio Miras Portugal -que despois sería conselleiro con Manuel Fraga-, supuña "recobrar parte, e digo parte, da soberanía" do pobo galego. Porque "un pobo non é pobo se non ten soberanía".

"O español xa está suficientemente protexido"

A alocución de Miras Portugal centrábase, en boa medida, nun precepto da lei: o que establecía o "deber" de coñecer o galego e o dereito de usalo. "Para min esta verba, deber, é dunha profundidade de algo que nos devolve a algo que perdemos hai xa case máis de cinco séculos, que é a soberanía", proclamou antes de que tomase a palabra, por AP, Xosé Luís Barreiro Rivas. O galego non precisaba "novos alentos, porque xa están aí, porque fomos capaces de impoñelo, porque fomos capaces de defendelo". O que agora cumpría era "a normalización, que non é máis que a concreción dun dereito humano fundamental", indicou o parlamentario popular.

O Goberno de España recorreu o artigo que estipulaba o "deber" de coñecer o galego, e o TC deulle a razón en 1986

Como advertiron case todos os discursos daquel día, a lei tiña dianten de si moitas "resistencias" e non menos obstáculos (o "complexo de inferioridade", o "sectarismo", o "populismo" e o "españolismo", citou Nogueira) para tratar un idioma "gravemente enfermo", en verbas de Ceferino Díaz. Un dos primeiros obstáculos chegou apenas catro meses despois, cando o Goberno de Felipe González, con Domingo García-Sabell como delegado en Galicia, recorría varios artigos da lei ante o Tribunal Constitucional, que en 1986 lle deu definitivamente a razón ao Executivo central na súa intención de tombar o "deber" de coñecer o galego ou, o que é o mesmo, a equiparación de galego e castelán nese eido. Case trinta e tres anos despois, a intención de o alí debatido non ficase en "desexos" é, cando menos, digna de ser debatida.

Encabezamento do Diario de Sesións no que se recolleu o debate da Lei de Normalización Lingüística

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.