O BNG aproba as súas candidaturas para a "segunda oportunidade" nas xerais

As candidatas e candidatos do BNG ao 26-X, con Ana Pontón CC-BY-NC-SA BNG

Carlos Callón, Olalla Rodil, Noa Presas e Luís Bará, que remuda en Pontevedra a Carme Adán, teñen formalmente encomendada dende este sábado a tarefa de procurar a "segunda oportunidade" do BNG nas eleccións xerais. Tras a agre experiencia do 20-D, na que como NÓS-Candidatura Galega o Bloque ficou sen representación nas Cortes, a formación soberanista lánzase, coa aprobación "unánime" das súas candidaturas no Consello Nacional, de novo ao escenario en coalición, aínda que coas súas siglas en primeiro plano e apelando ao retorno do voto de quen teñan "a cabeza e o corazón no país".

Como xa avanzara en días pasados, o nome da coalición que une ao Bloque coa Fronte Obreira Galega e o Partido Comunista do Pobo Galego ten as siglas do BNG en primeiro plano, que irán acompañadas pola denominación da plataforma do 20-D. As súas candidaturas, di a portavoz nacional, Ana Pontón, "suman a todas as persoas que pensamos que Galiza precisa forzas políticas que nos defendan, que cremos que precisamos alternativas propias".

A coalición do BNG "suma a todas as persoas que pensamos que Galiza precisa forzas propias", di Pontón

Tras o proceso de recompilación de avais para presentarse aos comicios -precisaban uns 2.000 e xa superan os 10.000, aseguran-, Pontón contrapón a proposta do Bloque coa "das autodenominadas forzas do cambio" que, censura, "fracasaron" no intento de "darlle unha alternativa ao Goberno de Rajoy". A organización nacionalista é quen de contribuír a ese cambio de Goberno e, ao tempo, de promover que Galiza recupere "a voz perdida". "Hai miles de persoas cansas e decepcionadas destes meses de paripé político, sen achegar solución ningunha aos problemas das galegas e galegos".

Deputados "nugalláns"

Callón pregúntase se merecen "o soldo" os deputados que non presentaron iniciativas

Á escasa actividade dalgunhas das deputadas e deputados electos polas circunscricións galegas o 20-D aludiu quen aspira a ter escanos polo BNG na provincia da Coruña, Carlos Callón. Despois de que, durante os catro meses da lexislatura fallida os representantes galegos de PP e Ciudadanos non presentasen ningunha iniciativa, como amosan os datos do propio Congreso, Callón amósase sorprendido por "tanta nugalla". "Os e as congresistas de PP, PSOE e En Marea non chegaron a presentar nin unha iniciativa propia á semana; é iso éito? Está ben conseguido o salario que cobraron?", pregúntase.

"A representación do BNG pode ser decisiva para condicionar o Goberno do Estado"

"Os candidatos e candidatas nacionalistas non imos ir dicir 'si, bwana' a Madrid, imos traballar polo país", resume Callón, nun contexto no que a número 1 por Lugo, Olalla Rodil, salienta o alento cidadán que supoñen os avais conseguidos para a presentación da candidatura. O BNG, engade Presas, candidata ourensá, é "a única alternativa capaz de defender os intereses da xente moza deste país", xa que "nin PSOE nin Podemos aproveitaron a minoría do PP" para derrogar medidas como a reforma laboral. 

Pola banda de Pontevedra o candidato debutante, Luís Bará, comprometeu "traballo" para "desenvolver con orgullo e dignidade" o "potencial do noso país". Todos os inquéritos apuntan a unhas novas eleccións sen maioría absoluta, polo que "a representación do BNG pode ser decisiva para condicionar o Goberno do Estado e orientalo a favor de Galiza", conclúe.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.