O apoio ou non nas mareas polariza até o final as primarias do PSdeG

Méndez Romeu e Leiceaga, nos estudios da Radio Galega Dominio Público @GxDRadioGalega

A militancia do PSdeG está chamada este sábado a participar nas primarias que decidirán quen é o candidato socialista nas eleccións autonómicas do vindeiro outono. Xoaquín Fernández Leiceaga (Noia, 1961) e José Luis Méndez Romeu (A Coruña, 1951) son os dous aspirantes nunha carreira que conclúe este venres e que foi aumentando o ton entre reproches, apoios relevantes dun e doutro lado, alianzas e unha clara diverxencia: a política de alianzas a seguir no caso máis que probable de que só a unión de diferentes forzas de esquerda poida lograr afastar o PP da Xunta. No seu último debate na campaña interna celebrado na Radio Galega, as dúas figuras socialistas rebaixaron a tensión, amosaron sintonía e prometeron colaboración tras a fin de semana pero volveron deixar ben claras as súas diferenzas sobre un posible acordo coa Marea.

Romeu e Leiceaga descartan a posibilidade de que haxa un 'sorpasso' da Marea sobre o PSdeG nas autonómicas

No que si coinciden ambos os dous aspirantes e na imposibilidade de que haxa un sorpasso do espazo de En Marea ao PSdeG nas autonómicas, como xa ocorreu nas eleccións xerais. "Como vai haber sorpasso? Como vai apoiar a poboación galega a grupos que aló onde están practican o desgoberno?", asegurou convencido Méndez Romeu, que non aforrou críticas cara aos gobernos municipalistas e gabou a "lealdade e papel institucional" do BNG nos seus acordos co PSOE fronte a actitude das mareas. Leiceaga, pola súa banda, tamén se amosou convencido de que "a posibilidade" do sorpasso "non se vai dar" e de que, "no caso de darse, as opcións dunha maioría absoluta do PP serían maiores". 

Méndez Romeu denuncia o "desgoberno" das mareas e renega dunha coalición no caso de chegar a acordos: "hai outras formas"

"No seu día apoiamos os gobernos das mareas porque era a votande maioritaria do corpo electoral, pero vemos que non funcionan; estamos facendo por que rectifiquen pero non podemos calar ante a posición de desgobeno dalgunhas cidades", insistiu Méndez Romeu, que aclarou que o PSdeG "non sae a pactar, senón a gañar" e que apostou por "un goberno de hexemonía socialista en Galicia". No caso, engadiu, de que haxa que buscar acordos, advertiu que a alternativa "non ten por que ser unha coalición de partidos" e que "hai outras formas de goberno, sobre todo despois do visto nas Cortes, onde Podemos e En Marea preferiron votar contra o PSOE e que seguise Rajoy". "Se este vai ser o plan en Galicia, xa digo que non", dixo tras repetir que "calquera goberno" que el encabece "estará baseado no programa socialista". 

Leiceaga aclara que "non sería reticente" a un goberno de coalición coas mareas

Leiceaga, pola súa banda, cre tamén que o cambio en Galicia, "para ser posible, terá que facerse sobre a base do programa socialista" porque "é o que dá estabilidade", pero aclara que "non sería reticente" a un goberno de coalición "aínda que non hai que facelo en calquera circunstancia e de calquera maneira". "Se aritmeticamente hai posibilidades, hai que intentalo seriamente", insistiu quen pediu, no entanto, non entrar aínda nesas cuestións pero que aclarou tamén que "encerrar o partido en si mesmo" non é o que representa a súa candidatura aínda que o cambio "sempre é máis doado se o encabeza o Partido Socialista". "Hai que abrirse á sociedade, atender as novas formas de participación e facer emerxer novos referentes que non procedan estritamente da política para unha oferta renovada", dixo. 

Méndez Romeu, pola contra, segue a ser moito máis incisivo coas mareas, ás que define como "grupos novos que fan políticas ben contrarias" ás que defende o PSdeG. "Van ser eles os que van ter que definirse", engadiu, para criticar "gobernos que semella que non teñen programa" e defender un posible acordo "que se basee en cumprir precisamente un programa e non nunha repartición de cadeiras, como quere Iglesias". 

Romeu e Leiceaga contrapoñen as súas ideas para o PSdeG pero ambos coincidiron no último debate na súa boa relación e na "experiencia enriquecedora" que supoñen as primarias, non só para eles, senón para a formación e para mobilizar a militancia de cara ás xerais e, sobre todo, ás autonómicas. Ambos cren que haberá unha alta participación -sitúana sobre o 70%- e din non ter "sensación de que a campaña fose dura". Os dous, tamén, amosáronse dispostos a comparecer xuntos e publicamente unha vez se coñezan os resultados. "A partir do luns, quen concorre é o PSdeG fronte ao candidato do PP e isto vaise visualizar axiña; somos unha organización seria", coincidiron. 

"Que un candidato apoiado por Pachi, Blanco, Caballero ou Carmela Silva acuse o outro de ser o do aparato queda un pouco raro"

Respecto das polémicas polas críticas de Romeu á imparcialidade da xestora ou aos apoios desta a Leiceaga, este cre que si se está a manter agora a neutralidade. Leiceaga, pola súa banda, cre que o feito de "que un candidato apoiado por Pachi Vázquez, Pepe Blanco, Abel Caballero ou Carmela Silva acuse o outro de ser o candidato do aparato queda un pouco raro". "É lexítimo que calquera militante dea a súa opinión, pero persoas que decidiron dar un paso atrás e afastarse da política deberían ter mais distancia; é un compartamento lexítimo, pero eu mantería máis distancia", rematou antes de anunciar que, de gañar, pediralle ao seu rival que continúe a ser o voceiro do partido no Parlamento. 

 

Case 200 centros de votación en toda Galicia

Por outra banda, o PSdeG anunciou que porá este sábado a disposición dos 10.376 militantes do partido e de Xuventudes Socialistas con dereito a voto case 200 centros de votación repartidos por toda Galicia para participar no proceso de primarias . En concreto, serán 189 centros, repartidos entre sedes socialistas locais e centros públicos. Deles, 65 estarán na provincia de A Coruña, 51 en Lugo, 22 en Ourense e 51 en Pontevedra. Ademais, as agrupacións con menos de dez militantes votarán nas mesas designadas noutros concellos cercanos.

O horario de votación nas cidades e nas agrupacións con maior número de militantes será entre as 10  e as 20 horas, pero na gran maioría estará habilitado ben horario só de mañá, de 10 a 14  horas, ou só de tarde, de 16 a 20 horas. A militancia, segundo aclara o partido, pode consultar o centro de votación que lle corresponde e o horario de apertura das mesas a través das súas agrupacións ou no apartado de primarias da web do PSdeG.

Cada militante poderá votar unicamente no centro asignado á localidade no que está inscrito como afiliado, agás as persoas que tivesen pedido en prazo o desprazamento do voto. Para exercer o dereito a voto será necesario presentar o DNI, carné de conducir ou pasaporte. A normativa completa pode ser consultada no mesmo espazo web de primarias.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.