Remata unha precampaña chea de actos propagandísticos que a Xunta Electoral permitiu

A ministra de Fomento en funcións e candidata, Ana Pastor, presentando novos trens do seu departamento Dominio Público Xunta de Galicia

Desde a reforma da lei electoral de xaneiro de 2011, as inauguracións e actos propagandísticos de calquera administración están prohibidos non só durante calquera campaña electoral propiamente dita, como a que comeza na medianoite deste xoves, senón desde o momento mesmo en que se convoca oficialmente calquera comicio. Como en todas e cada unha das eleccións celebradas desde entón, tamén na precampaña desta repetición de comicios xerais as administracións seguiron incumprindo a lei e organizando actos propagandísticos máis acó do 3 de maio, o día en que o Rei asinou esta nova chamada ás urnas. A Xunta Electoral, responsable de paralizar ese tipo de actos, ten estado pouco activa neste tempo. Pero a responsabilidade non é só súa xa que soamente actúa ante denuncias concretas. Se non hai denuncia, a Xunta Electoral non actúa e a propaganda mantense.

Ao mesmo tempo que Goberno, Xunta, deputacións ou Concello de Vigo facían propaganda das súas actuacións, a Xunta Electoral suspendía o Dillo Ti do Concello da Coruña

O acto propagandístico máis significativo dos realizados en Galicia neste tempo de precampaña ocorreu o pasado sábado. A ministra de Fomento en funcións, Ana Pastor, cabeza de lista do PP por Pontevedra, presentaba na estación de tren de Vigo-Guixar os novos trens turísticos que o seu departamento porá en servizo este verán por toda Galicia acompañada de representantes da Xunta e da Deputación de Ourense. Facíao un par de horas despois de que, na mesma estación de Guixar, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, a súa man dereita Carmela Silva, subiran a outro tren para promocionar os festivais musicais que patrocina o ente provincial. Ao tempo que Goberno, Xunta, deputacións e Concello de Vigo facían propaganda das súas actuacións, a Xunta Electoral, previa denuncia do PP, suspendía un dos encontros periódicos do alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, cos veciños baixo o nome Dillo Ti. O día antes o mesmo alcalde presentou a nova renda social municipal nunha rolda de prensa previa á súa aprobación o luns seguinte na Xunta de Goberno local, unha intervención pública que o PP denunciou a posteriori pedindo unha sanción de entre 300 e 3.000 euros pero que este mércores a Xunta Electoral desestimou. Hai un ano o feito de que o Concello de Santiago, entón co popular Agustín Hernández á fronte, anunciase na súa web determinadas melloras urbanas supuña para a Xunta Electoral motivo de reprobación.

A lei electoral prohíbe calquera acto de promoción dos logros obtidos organizado por calquera poder público baixo calquera denominación

O que di a lei electoral é que “desde a convocatoria das eleccións e ata a celebración das mesmas queda prohibido calquera acto organizado ou financiado, directa ou indirectamente, polos poderes públicos que conteña alusións ás realizacións ou aos logros obtidos” e que durante ese periodo “queda prohibido realizar calquera acto de inauguración de obras e servizos públicos ou proxectos destes, calquera que sexa a denominación utilizada, sen prexuízo de que ditas obras ou servizos podan entrar en funcionamento en dito periodo”.

Unha aclaración posterior da Xunta Electoral deixa fóra da prohibición a inauguración ou participación por parte de cargos públicos de congresos ou exposicións, sempre que nas súas intervencións non fagan referencia a logros das autoridades. Así que nas últimas semanas os cargos públicos galegos esforzáronse por asistir a toda canta exposición, presentación de libro, xornada informativa ou entrega de premios se celebrou. Así foi como tanto a ministra de Fomento como o presidente da Xunta participaron na feira naval de Vigo. Pero non quedaron aí. O acto máis rechamante puido ser a presentación o 13 de maio polo propio presidente Feijóo, no aeródromo lugués de Rozas, do proxecto da Xunta para instalar alí unha base de drons. A Xunta argumentou que o acto organizárono as empresas e que o presidente “agradecía a invitación” para asistir. Porén, alí non faltaban rótulos da Xunta.

A Xunta seguíu asinando convenios en público e promocionando as súas decisións políticas

Neste tempo de precampaña os altos cargos da Xunta seguiron asinando públicamente convenios de todo tipo e promocionándoos como logros do Goberno galego: o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, asinou acordos con 60 concellos para melloras noutros tantos centros educativos e as conselleiras de Medio Ambiente e Infraestruturas, Beatriz Mato e Ethel Vázquez, subscribiron en público acordos para distintas obras en Monterrei, O Bolo, Baiona ou San Cibrao das Viñas. Mato mesmo chegou asinar en público a aprobación do PXOM de Pontedeume, un feito que noutras ocasións a propia Xunta ten descrito como un mero trámite administrativo que non depende dunha decisión política do conselleiro do momento senón dos técnicos.

Cargos da Xunta entregaron en público desde traxes contra a vespa velutina ata títulos de propiedade

Ao tempo, o delegado da Xunta na Coruña, Diego Calvo, entregou de xeito público traxes contra a vespa velutina a 31 concellos; o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, xirou por toda Galicia presentando os campos de traballo para o verán; a súa directora xeral de Infancia, Familia e Dinamización Demográfica, Amparo González, presentou en sucesivas roldas de prensa nas catro provincias os denominados Bono Concilia e Casas Niño da Xunta; e o delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, mesmo chegou participar na entrega de títulos de propiedade aos cidadáns beneficiados de concentracións parcelarias na Estrada e Forcarei.

Presentación da base de drons de Rozas supostamente organizada polas empresas pero cun avión con rótulos da Xunta Dominio Público Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.