A finais de maio a Audiencia Provincial da Coruña obrigaba ao xuíz instrutor do accidente de tren de Santiago a reabrir a investigación e pescudar se Adif tratou como debía o risco que creaba na curva de Angrois cando reduciu as medidas de seguridade da liña ferroviaria. No seu auto o tribunal pediu ao xuíz valorar mellor as peritaxes que acusan a Adif de non analizar correctamente ese risco, ao tempo que restou credibilidade á investigación de Fomento que culpou do sinistro exclusivamente ao despiste do maquinista do tren, que non freou a tempo. Segundo a Audiencia, o informe elaborado pola Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do ministerio “certamente, dada a orixe dos seus compoñentes, non pode ser tido como unha avaliación de axentes independentes non concernidos polo suceso obxecto do proceso penal”.
“Dada a orixe dos seus compoñentes, [o informe de Fomento sobre o accidente] non pode ser tido como unha avaliación de axentes independentes non concernidos polo suceso”
Malia semellante afirmación da Audiencia, nas últimas semanas boa parte do debate público sobre o accidente estivo xirando sobre o que opina a Unión Europea sobre a independencia da CIAF. A petición das vítimas do sinistro para que a axencia de seguridade ferroviaria europea faga público o seu informe sobre o sistema ferroviario español, para coñecer o que nel se poida dicir sobre como a CIAF investigou o accidente de Angrois, atopouse cunha resposta política da Comisión Europea. Argumenta que, de facerse público agora, e malia que non analiza o accidente en si senón a demora de España en adaptar a súa lexislación á europea, incluída a falta de independencia da CIAF, o documento podería contaminar a investigación xudicial. Sobre esa resposta planea a proximidade das novas eleccións xerais e o feito de que, se a análise europea sobre o sistema ferroviario español está rematada, tarde ou cedo a UE terá que facer público o seu informe, con toda probabilidade moito antes de que remate a investigación xudicial.
Con este contexto, este mércores AGE e BNG defenderon no Parlamento de Galicia dúas proposicións non de lei nas que pediron que a UE faga público o seu informe e volveron insistir na creación dunha comisión de investigación política sobre o sinistro. As dúas formacións consideran que o Goberno español está a manobrar en Bruxelas para que o informe europeo non se divulgue antes das eleccións xerais. Tamén consideran que a política debe depurar responsabilidades máis alá das penais.
O PSdeG reclamou unha nova investigación técnica por parte dunha nova CIAF cunha "composición" renovada
Fronte a eles, o deputado do PSdeG Raúl Fernández volveu defender que non haxa unha investigación política ata que remate a xudicial, pero introduciu varias novidades no argumentario socialista. Por unha parte, apoiando a reapertura da causa xudicial: “Compartimos plenamente a reapertura da instrución xudicial, o que reclamamos dela é axilidade”, dixo o socialista, que a continuación sorprendeu tentando introducir sen éxito nas propostas de AGE e BNG outra petición novidosa. O socialista reclamou “unha nova investigación” técnica por parte dunha nova CIAF cunha “composición” renovada.
PP e PSOE rexeitan unha investigación política co argumento de que xa hai unha xudicial aberta, pero os socialistas agora reclaman unha nova análise técnica
Pola súa banda, o PP non se apartou da súa postura de rexeitar unha investigación política co argumento de que hai unha causa xudicial aberta, pero tentou á súa vez introducir unha petición para que a UE faga público o seu informe. Unha petición sen esixencias temporais, similar á que tamén realizou o PSdeG, que obviou tanto a proximidade das eleccións como que, tarde ou cedo, a UE acabará facéndoo público.
Ante a negativa de AGE e BNG de modificar os seus textos, as propostas de ambas formacións foron rexeitadas co voto en contra do PP e a xa tradicional abstención do PSOE cando a maioría dos populares lles permite non ter que adoptar unha postura claramente contraria.
As vítimas estiveron no Parlamento e no Concello de Santiago e agradeceron o apoio de BNG, AGE e Martiño Noriega
No debate parlamentario deste mércores estivo presente unha representación de vítimas do accidente, invitadas polo BNG. Antes reuníranse tamén co alcalde de Santiago, Martiño Noriega. As vítimas agradeceron o apoio de AGE, BNG e Noriega e salientaron que o Concello de Santiago foi o primeiro en impulsar unha moción “que insta ao Goberno a abrir unha comisión de investigación sobre o accidente”.