Foi un dos cabalos de batalla do PPdeG dende a oposición e, aínda que nun prazo sensiblemente máis dilatado que o inicialmente previsto, o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, creado pola antiga Vicepresidencia da Xunta, encamíñase cara á súa disolución na futura Axencia de Servizos Sociais. Non obstante, os últimos compases do ente que aglutina ao Goberno galego e a case 300 concellos non están a ser de mero trámite. Ben ao contrario, nas últimas semanas o Consorcio comezou os trámites dunha das súas decisións máis controvertidas, a privatización de cinco escolas infantís. Ao tempo, estrea o que con toda probabilidade é o seu derradeiro orzamento, unhas contas que volven estar marcadas polos recortes, con catro millóns de euros menos.
A xestión privada de cinco Galiñas Azuis, as antigas galescolas, compromente fondos públicos ata 2014 -a externalización do servizo prevé estenderse ata o 31 de agosto dese ano- a través doutros tantos contratos en dous concellos gobernados polo PP, outros dous polo BNG e outro polo PSdeG. Así, o Consorcio prevé gastar ata 1,2 millóns en pór en mans privadas a xestión da escola infantil de Carballo, licitou por 910.782 euros a privatización da de Betanzos, fixo o propio en Pontevedra por 763.805 euros e reservou 566.807 para Coristanco, a mesma cantidade que para O Pino.
Máis custoso para os concellos e os usuarios, menos para a Xunta
Os montantes económicos para privatizar as escolas sairán en 2012 dun orzamento polo que pasou a tesoira, especialmente dende a banda da Xunta. Así, segundo as contas aprobadas o pasado decembro no Parlamento, as transferencias do Goberno galego ao Consorcio pasan de 39,8 millóns de euros en 2011 a 26,3 en 2012. Mentres que algunhas partidas soben levemente -por exemplo, increméntanse en 200.000 os fondos para "promoción social"-, outras directamente desaparecen, como a de 17,7 millóns que en 2011 transferiu a Consellería de Benestar para a "atención a persoas dependentes".
Benestar prevé recadar 1,8 millóns máis en taxas aos usuarios
Pero mentres a achega da Xunta diminúe, a achega dos seus socios no Consorcio, os concellos, incrementará notablemente. Do mesmo xeito, o orzamento da entidade prevé tamén unha importante subida na recadación de taxas e prezos públicos, isto é, do pagamento dos servizos sociais por parte dos cidadáns. Segundo o recollido nos Orzamentos Xerais para 2012, os concellos pasan de achegar 1,6 millóns en 2011 a inxectar 8,4 neste ano. Do mesmo xeito, estímase que a inxección económica en concepto de taxas e prezos públicos converta os 6,6 millóns do pasado ano en 8,4 en 2012.
Sen noticias da Axencia de Servizos Sociais
Aínda que nos propios Orzamentos Xerais o departamento que dirixe Beatriz Mato salienta que a xerencia do Consorcio está "facultada" dende o 2 de xullo de 2010 para realizar "todos aqueles trámites" necesarios para a "disolución" do Consorcio e a súa "integración" na futura Axencia Galega de Servizos Sociais", o xeito en que se realizará esta operación é a día de hoxe unha incógnita. Un ano e medio despois do anuncio da súa creación, fontes sindicais consultadas por Praza Pública aseguran que Benestar ten a posta en marcha da Axencia "practicamente paralizado", coa incerteza que isto supón para usuarios e traballadores, explican.
Con todo, as mesmas fontes prevén ser convocados a unha xuntanza no presente mes de febreiro para, en principio, coñecer detalles da Axencia. Nese encontro os representantes do persoal non só manifestarán a súa oposición á privatización de escolas infantís e á propia desaparición do Consorcio, senón que lembrarán ademais a necesidade, din, de que os traballadores do ente conten cun convenio colectivo.