O PP galego lánzase contra Ciudadanos para tentar recuperar os votos que lle "quitou"

Feijóo, no mitin do PP en Ferrol CC-BY-SA PPdeG

O argumento comezou por Ourense, pero agora xa se estende polos mitins do PPdeG en xeral. Ciudadanos, o partido con escasa implantación territorial en Galicia pero que, no entanto, tirou un escano nas xerais de decembro e que, segundo as enquisas, podería acabar sendo esencial para que os populares manteñan a Xunta no outono, pasou a ser albo dos ataques do partido de Alberto Núñez Feijóo. A formación de Albert Rivera "quitou" votos ao PP o 20-D que agora cómpre recuperar, din. E por iso a mensaxe é reiterada: o voto a Ciudadanos "non suma" e ademais, afirman, beneficia a En Marea ou, en verbas de Feijóo, ás "mareas de Podemos".

Ao contrario do suxerido máis ou menos abertamente polos populares no que vai de campaña, PP e Ciudadanos non se disputaron directamente ningún escano nas circunscricións galegas nas xerais de decembro. A formación máis próxima a lograr o único escano que logrou o partido laranxa, o da Coruña, foi En Marea. E, non obstante, ficou a unha notable distancia para conseguilo, 22.000 votos. Unha marxe parecida foi a que separou a ambas candidaturas, pero á inversa, na provincia de Lugo: Ciudadanos precisaría 23.000 votos máis para lograr o escano que tivo En Marea. Moito menor foi a marxe en Pontevedra, onde Ciudadanos estivo a 8.000 votos de sumar un segundo escano pero en detrimento do PSdeG, no do PP. A única batalla final pola representación que implicou aos populares estivo en Ourense, e perderon o posto por algo máis de 14.000 votos fronte a En Marea.

O PP non disputou con Ciudadanos ningún dos últimos escanos das circunscricións galegas o 20D

Malia ser estes datos certos, non o é menos que a enquisa postelectoral do CIS si reflicte trasvase de voto de PP a C's. E esa é a batalla na que Feijóo se implica directamente en mitins como o protagonizado este mércores en Ferrol, onde Ciudadanos ten unha concelleira e o 20D recadou o 10% dos votos. Nunha intervención pronunciada integramente en castelán, como adoito nos seus eventos electorais na cidade, Feijóo combinou as críticas a "ese que se hace pasar por alcalde", en referencia ao rexedor ferrolán, Jorge Suárez, coas alertas sobre os riscos de votar por Ciudadanos.

"Con todo el respeto y lamentando, porque creo que tenemos cosas en común", o presidente da Xunta cre necesario facer saber que "el voto a Ciudadanos es contraproducente hasta para los propios votantes de Ciudadanos". A razón, afirma, é que os afíns á formación de Rivera "lo que no quieren es un gobierno de las mareas de Podemos". "Pero al final, con su voto, están colaborando para que haya un gobierno de Podemos", Executivo que, segundo o líder popular, provocaría que "nos dividamos entre nosotros" e "tengamos que escoger entre ser o gallegos, o españoles". Ademais, afirma, promovería "un estatus diferente para Cataluña y el País Vasco", un "privilegio" que "pagaríamos otras comunidades autónomas".

"Con el voto a Ciudadanos están colaborando para que haya un gobierno de Podemos", dixo Feijóo no mitin de Ferrol

Prevencións semellantes sobre o voto a Ciudadanos lanzáraas, apenas dúas horas antes Paula Prado, candidata ao Senado pola Coruña que representou ao seu partido no debate electoral da TVG. "Votar a Ciudadanos supón darlle deputados a En Marea, porque só sacaron un deputado na Coruña" asegurou a ex-deputada, para a continuación acusar a cabeza de lista de C's por Pontevedra, María Rey, de "quitarlle os votos ao PP". "Votar a Ciudadanos é darlle deputados a Podemos", resume Prado.

Contra Rey, precisamente, cargaron este xoves tamén diversos dirixentes dos populares a través das redes sociais. Fixérono a raíz da nova publicada polo xornal ABC segundo a cal Rey empregou durante catro meses e antes de ser candidata e concelleira, unha tarxeta para persoas con discapacidade no seu vehículo para empregar as prazas de aparcadoiro reservadas a este colectivo. A tarxeta, segundo ese xornal, pertencía ao seu marido.

Abrazo entre Feijóo e Canedo, candidato de Ciudadanos e anteriormente de UPyD CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.