Moreas de denuncias pola falta de papeletas de En Marea para votar por correo desde o exterior

Papeletas de En Marea © En Marea

"Vivo en Noruega. Acábanme de chegar as papeletas. Voto en Marín (Pontevedra). Falta a papeleta de Unidos Podemos. Tampouco está En Marea". Está é unha das múltiples queixas que están a expresar cidadáns galegos que solicitaron o voto por correo. O colectivo Marea Granate advirte da ausencia dalgunhas candidaturas na documentación enviada a persoas residentes no estranxeiro, pero a propia En Marea vén de enviar xa unha reclamación á Xunta Electoral Central ante as numerosas protestas recibidas de potenciais votantes da súa formación.

Múltiples queixas de emigrantes galegos de Pontevedra que residen no estranxeiro chegaron xa a En Marea

Segundo varios testemuños, a ausencia da papeleta de En Marea para aqueles residentes no estranxeiro inscritos no censo electoral da provincia de Pontevedra está a ser bastante  habitual. Cidadáns naturais de Nigrán, Marín e outras localidades do territorio galego están a queixarse pola ausencia da papeleta da coalición galega nos sobres que chegan desde España. 

Desde a En Marea recoñecen ter recibido abundantes queixas xa desde Inglaterra, Bélxica e Alemaña, sendo este último país o máis afectado. Ante as reclamacións masivas, veñen de solicitar aos afectados ou coñecedores de casos semellantes que llelo fagan saber no enderezo de correo electrónico info@enmarea.gal. "Presentamos xa a queixa ante a Xunta Electoral, que nos pide que lles acheguemos todas as probas e testemuños que teñamos", explican desde a formación galega, que agarda que desde o organismo electoral "se volva facer un envío" da documentación a todas as persoas afectadas. 

A maioría das denuncias chegan de Inglaterra, Bélxica e, sobre todo, Alemaña

"Pedímosvos que nos fagades chegar todos os casos que coñezades para comunicalo e que se corrixa esta situación o antes posible", explica En Marea nas redes sociais. A coalición confía en que sexa o Estado quen corrixa esta anomalía malia o pouco tempo que queda xa para cumprirse os prazos. "Se o mando por correo urxente aos domicilios afectados, non debería haber problema", aseguran desde a formación galega, que lembra que a situación é moito máis grave que se ocorre na Península onde, dunha ou doutra forma, pódense acabar conseguindo as papeletas. Mesmo, como alternativa, o partido non destaca que sexan eles mesmos quen envíen esas papeletas a quen non as teña recibido

En Marea pide que a Xunta Electoral "volva facer un envío" de toda a documentación ás persoas afectadas

Entre as denuncias de varias persoas emigradas, mesmo hai quen enviou un vídeo no que explica a situación e mostra todas as papeletas que lle chegaron á casa, agás a de En Marea. Segundo algúns dos denunciantes -como o caso da gravación que se pode ver aquí embaixo-, o erro estaría en que, en lugar de enviárenselles a papeleta da coalición galega, repeteríase a de UPyD, que estaría repetida dentro do sobre. 

Desde o colectivo Marea Granate instan aos afectados polo "caso Pontevedra" a solicitor novo xogo de papeletas novo á Delegación do INE da provincia chamando ao teléfono +34986868500. O envío sería por correo certificado urxente e as chamadas poden realizarse desde este venres ás 4 da tarde e o sábado desde as 9 da mañá. 

 

En  Marea pide un referendo no PSOE

O número un de En Marea ao Congreso pola Coruña, Antón Gómez-Reino, instou o PSOE a que se comprometa a convocar "un referendo" entre as súas bases para que elixan con quen pactar logo das eleccións xerais, se prefiren facelo con Unidos Podemos e as súas confluencias ou con Ciudadanos. 

O que fora deputado na anterior lexislatura fixo estas declaracións nos almorzos electorais organizados pola Asociación da Prensa da Coruña e asegurou que En Marea "tende a man" ao PSOE para formar goberno tras os comicios, "por unha cuestión de responsabilidade coa cidadanía". Ademais, anunciou que a coalición si fará "un referendo coa xente" para tomar unha decisión e pide aos socialistas que fagan o mesmo. 

Papeletas de En Marea © En Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.