Persoal da TVG denuncia a "brutal manipulación e censura" na información sobre Fernández Díaz

Protesta dos traballadores da TVG contra a "censura" © Comité Intercentros CRTVG

Os traballadores da Televisión de Galicia volven denunciar a censura na información da canle pública. Varios deles protestaron na mañá deste xoves polo tratamento informativo que se lle deu na á información do escándalo que envolve ao ministro de Interior en funcións, Jorge Fernández Díaz. O Comité Intercentros da CRTVG manifestouse na redacción e no despacho da directora de informativos, da que pediron a dimisión, para protestar contra o que considera unha "manipulación brutal e intolerable, inadmisible nun medio público que se debe ao dereito á información que ten a cidadanía galega".

Persoal manifestouse ante o despacho da directora de informativos para pedir a súa dimisión e denunciar a "manipulación brutal e intolerable" na canle pública

O Comité Intercentros asegura que dende a dirección "evitaron que se emitiran as gravacións de Fernández Díaz con Daniel De Alonso da Oficina Antifraude de Cataluña que se publicaron en case todos os medios". A TVG ofreceu primeiro a versión do Goberno, antes de ofrecer a propia información. "Nada de oposición a nivel estatal, que pediu a dimisión inmediata do ministro en funcións, só valoracións do PP e, iso si, ben pegadiño a este escandaloso comportamento do PP unha noticia que relaciona a financiamento de Podemos co Goberno de Venezuela", explican os traballadores nun comunicado. 

"A dirección evitou que se emitiran as gravacións e nada de oposición a nivel estatal, só valoracións do PP", denuncian

Ademais, o Comité Intercentros denuncia tamén como se "despachou" a nova na web da CRTVG, que casualmente "non publicou os telexornais do día 22, algo que nunca sucede, mentres que o resto da programación sen contido político está accesible coma sempre na web dos medios de comunicación públicos".

O Comité Intercentros denuncia unha vez máis o "exercicio de ocultación de datos e servilismo de cara ao Goberno"

O Comité denuncia unha vez máis o "exercicio de ocultación de datos e servilismo de cara ao Goberno". "Un tratamento onde só se atende a versión oficial, ou, no caso de incluir outras, no balance final que se fai sempre sae beneficiado o partido do poder, neste caso o Partido Popular. Presentan a un Fernández Díaz e un PP vítima dunha contra-campaña de cara as eleccións do domingo", explican, nunha nova denuncia das moitas que levan os traballadores sobre a censura e a manipulación da canle pública. 

Esta denuncia xa se recolleu no blog eunonmanipulo, un espazo onde o persoal da TVG denuncia día a día desde hai anos as prácticas de manipulación informativa e no que defende a creación dun consello de informativos.

Protesta dos traballadores da TVG contra a "censura" © Comité Intercentros CRTVG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.