O BNG denuncia dous edís do PP por "carretar" anciáns para votar en Cabanas

O alcalde de Cabanas acompaña unha anciá a votar © BNG-Cabanas

O BNG vén de denunciar ante a Xunta Electoral a carretaxe de varios anciáns en Cabanas para ir a votar por parte do alcalde e dun concelleiro na localidade, ambos do Partido Popular. A formación nacionalista presentou unha denuncia ante o organismo electoral de zona logo de que o edil do Bloque, que exerce como apoderado, comprobase como o rexedor e outro representante popular levaban nos seus coches particulares a veciños anciáns ante os seus respectivos colexios electorais. 

O Bloque denunciou ante a xunta electoral tras comprobar como o alcalde e un edil acompañaban varios anciáns a votar

"O alcalde trouxo no seu coche unha veciña que non é familiar nin ten relación de parentesco con el e deixouna á porta do colexio electoral; pouco despois, e noutro colexio distinto, o rexedor e un concelleiro do PP repetiron a mesma historia cun home de idade avanzada e mobilidade reducida" noutra parroquia, tal e como conta a Praza Iago Varela, edil do BNG na localidade, e que xa se puxo en contacto coa formación, que vén de presentar a denuncia ante a Xunta Electoral. 

A xuíza abriu xuízo oral contra militantes do PP de Lugo por "carrexar" anciáns con demencia nas eleccións de 2012

Tal e como se ve nas imaxes que acompañan a información, o alcalde Germán Castrillón (de vermello) acompaña unha muller a votar. Ademais, acompañado de Julián Seijas, concelleiro de Medio Rural, Parques Infantís e Infraestruturas, axudan a desprazarse a un colexio electora a un home con dificultades para camiñar. 

A carretaxe é algo moitas veces denunciado en Galicia. O pasado 6 de xuño, sen ir máis lonxe, abriuse xuízo oral contra militantes do PP de Lugo por  "carrexar" anciáns con demencia das eleccións galegas do 21 de outubro de 2012. A maxistrada deu o paso para sentar no banco a José Luis Iravedra, Serafín Rodríguez, Benigno Gómez e Teresa Taboada por un presunto delito electoral no que actual dirección dos populares lucenses só ve "axuda".

Na localidade ourensá de Amoeiro, a Xunta Electoral sancionara dúas integrantes da lista do PP, pero finalmente só por pediren o voto antes do inicio da campaña. A carretaxe, denunciada en vídeo por varios veciños, saldouse con 90 euros de multa. A terceira das acusadas polo presunto carrexo, irmá dun candidato, non recibira sanción ningunha.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.