Cada ano, a finais de xaneiro, o Parlamento de Galicia lembra o Holocausto xudeu. Dende hai menos tempo, tamén en maio de cada ano lembra igualmente o éxodo palestino orixinado coa fundación do Estado de Israel. Pero en 2014 esa homenaxe aos palestinos atopou unha dura resposta por parte do embaixador israelí en Madrid, que remitiu unha carta á Cámara galega acusándoa de unirse “aos peores e máis extremistas inimigos de Israel”. Dous anos despois daquel enfrontamento, unha delegación israelí visitou o seu “inimigo”.
Este martes o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, recibiu no seu despacho a unha delegación da Embaixada de Israel en España formada polo ministro conselleiro Yinam Cohen e pola voceira, Hamutal Rogel. No encontro participou tamén o presidente da Asociación Galega de Amizade con Israel, Pedro Gómez-Valarés. No breve comunicado co que a Cámara galega informou do encontro obviou a polémica de hai dous anos e limitouse a dicir que “a visita enmárcase na rolda de contactos protocolarios que o presidente do Parlamento de Galicia adoita celebrar con representantes do corpo diplomático e das diferentes institucións que visitan a Comunidade Autónoma”.
Unha lembranza unánime do éxodo palestino por parte da Cámara galega provocou en maio de 2014 un duro ataque do embaixador israelí e unha resposta descoordinada dos grupos galegos
Porén, nada de protocolario houbo no intercambio de críticas de hai dous anos. Na súa declaración en lembranza do éxodo palestino o Parlamento de Galicia pedía o cumprimento das resolucións das Nacións Unidas, dos Dereitos Humanos e “o recoñecemento do dereito ao retorno das persoas e comunidades ás terras e casas de que foron expulsadas”. “Con esta exixencia, o Parlamento de Galicia únese aos peores e máis extremistas inimigos de Israel, xa que de feito suporía a desaparición do Estado de Israel”, contestou o embaixador na súa carta á entón presidenta da Cámara, Pilar Rojo, á que dicía que a postura galega “só serve para favorecer as posicións máis extremistas”. Unha postura que o Parlamento adoptou cunha unanimidade que non se mantivo uns días despois cando houbo que defendela do ataque israelí e cada grupo reaccionou pola súa conta. Rojo escribiulle ao embaixador unha resposta na que lle lembraba as veces que se ten condenado o Holocausto na Cámara, o PP restou importancia á crítica israelí, o PSdeG obviouna e AGE e BNG cargaron cada un pola súa conta contra o embaixador.