O novo Congreso afasta a investigación de Angrois e volve abrir a porta á revisión de ENCE

Pleno do Congreso © Congreso dos Deputados

Entre os múltiples efectos da repetición das eleccións xerais estivo o decaemento de todas as iniciativas aprobadas nas Cortes durante a lexislatura fallida. Toda vez que os grupos políticos apenas variaron os seus programas electorais, cabe agardar que boa parte desas propostas regresen ao Congreso dos Deputados cando retome a súa actividade. A correlación de forzas saída das urnas o pasado 26X permite augurar cal será o futuro dalgún dos asuntos en clave galega que ocuparon o breve período lexislativo anterior. Así, cabe agardar que a comisión de investigación do accidente de Angrois teña tan complicada a súa posta en marcha como a tivo nas lexislaturas previas, mentres que a revisión da prórroga de ENCE seguiría a ter a porta aberta se ningún partido muda o seu voto.

O derradeiro pleno antes da disolución das Cámaras estivo marcado polo rexeitamento da petición de investigar politicamente o sucedido no sinistro do Alvia acontecido en Compostela en xuño de 2013, no que faleceron 80 persoas e cuxo proceso xudicial está reaberto dende o pasado maio por orde da Audiencia da Coruña. A petición formuláraa En Marea, como fixeran o BNG e IU na lexislatura anterior, a petición da Plataforma Víctimas Alvia 04155, e xa antes do pleno fora rexeitada con dureza polo PP, que a través de Rafael Hernando a cualificou de "absurda" e "miserable". No entanto, ao chegar ao pleno o PSOE tamén votou en contra co argumento de non interferir na investigación xudicial, mentres que o resto da Cámara votou a prol coa única excepción dunha abstención.

O PP considerou "absurda" e "miserable" a investigación de Angrois e o PSOE apostou por unha comisión técnica, pero non política

Cando as deputadas de deputados electos tomen posesión das súas actas para a nova lexislatura, as forzas estarán, a estes efectos, distribuídas dun xeito semellante, se ben agora Ciudadanos, que si apoia a investigación, perdeu efectivos. Así as cousas, cabe agardar que nun novo debate o resultado sexa o mesmo, toda vez que os socialistas galegos argumentaron recentemente, no Parlamento de Galicia, que a súa aposta é a realización dunha nova investigación técnica, pero non dunha comisión parlamentaria.

Un destino diferente é o que pode seguir a revisión da prórroga de ENCE concedida polo goberno en funcións se, evidentemente, todos os grupos que a apoiaron e a defenderon en campaña continúan a facelo. O apoio político do Congreso a esta decisión saíu adiante o pasado 6 de abril, a través dunha proposición non de En Marea na Comisión de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente. O texto, transaccionado cos socialistas, recibiu os votos favorables do grupo propoñente e do PSOE e, xunto a eles, de ERC, o PNV e Democràcia i Llibertat. Mentres, o PP votou en contra e Ciudadanos abstívose.

Se todos os grupos que o pasado abril apoiaron revisar a prórroga de ENCE volven facelo, a iniciativa sairá adiante

Se a iniciativa para que o Goberno de España revise a prórroga volve ao Congreso cabe agardar que puidese volver ser aprobada, tanto en comisión como en pleno. Como antes do 20D, PSdeG e En Marea defenderon que a pasteira non continúe onde está ata 2063, como autorizou o Executivo de Rajoy. Así as cousas, os votos socialistas e os de Unidos Podemos e mais as súas confluencias estarían a prol. Se o seguen estando ERC, PNV e Convergència xa serían dabondo para sacar adiante a proposta en pleno.

Os votos para aprobar a iniciativa de ENCE poden ser boa mostra do panorama que se abrirá na nova lexislatura estatal se, finalmente, o PP continúa no goberno. A escaseza de apoios parlamentarios daría lugar a un escenario no que, en máis dunha ocasión, un eventual Executivo popular tería que asumir normas e iniciativas impulsadas no lexislativo dende a banda esquerda.

Vítimas de Angrois, ante os xulgados de Santiago Dominio Público Plataforma de Víctimas del Alvia 04155
Instalacións de Ence-Elnosa na ría de Pontevedra CC-BY-SA encefora.gal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.