A Xunta fai pública unha versión do convenio con Defensa na que oculta unha cláusula amparándose nunha excepción da lei de transparencia pero o ministerio publica a versión íntegra
O aeródromo de Rozas, no concello lucense de Castro de Rei, acolle unha ave en perigo de extinción, o mazarico real, do que só quedan catro parellas en toda a península ibérica. Polo menos así era en 2014, antes de que a Xunta e o Ministerio de Defensa comezaran a construír alí unha base de avións non tripulados. A presenza desa e doutra ave catalogada como vulnerable, a tartaraña cincenta, era coñecida pola Xunta, que o reflectiu no convenio asinado aquel ano con Defensa para desenvolver o proxecto. Un convenio en cuxa versión para difusión pública o Goberno galego, amparándose nunha excepción da lei de transparencia, ocultou a cláusula na que se fala desa ave. Cláusula que se pode coñecer grazas a que Defensa non a ocultou na súa propia versión do mesmo convenio.
Praza.gal solicitou hai dúas semanas, en aplicación da lei de transparencia autonómica, o convenio asinado en novembro de 2014 entre o conselleiro de Economía e Industria e o director do Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA), centro tecnolóxico do Ministerio de Defensa, para a creación dunha base de investigación con drons no aeródromo de Rozas, na que participarán tamén as empresas privadas Inaer e Indra. A Xunta tardou dúas semanas en facilitalo e cando o fixo suprimiu del toda a cláusula sexta, substituída por un parágrafo que di: “Cláusula suprimida en aplicación do artigo 14.1.l) da lei 19/2013 de transparencia, acceso á información pública e bo goberno”. Ese artigo da lei de transparencia estatal no que se ampara a Xunta para ocultar a cláusula indica que “o dereito de acceso poderá ser limitado cando acceder á información supoña un prexuízo” para unha longa lista de cuestións como a seguridade nacional, a política económica, o segredo profesional ou, segundo o punto l) que invoca a Xunta, “a protección do medio ambiente”.
Porén, unha busca na web de transparencia do Goberno central permite comprobar como alí o Ministerio de Defensa colgou para libre descarga, sen ter que solicitalo, o mesmo convenio íntegro, segundo foi publicado en maio de 2015 no Boletín Oficial del Ministerio de Defensa, sen ocultar ningunha cláusula. É alí onde se pode comprobar que a cláusula sexta que a Xunta ocultou alegando “protección do medio ambiente” contén realmente un recoñecemento de que a nova base de drons de Rozas pode afectar a unha especie en risco de extinción. Este é un dato que non tivo transcendencia ata o de agora do que é un dos proxectos estrela da Xunta, que está obtendo unha importante contestación por parte de grupos de esquerda que critican o posible uso militar da tecnoloxía que alí se desenvolva.
O convenio contempla pechar a parcela de xeito que as aves poidan moverse libremente pero non así os seus depredadores e pide evitar traballos nas súas zonas de cría
A cláusula que a Xunta oculta e que Defensa desvela di que “dentro da parcela do aeródromo atópanse dúas especies ameazadas: o mazarico real [zarapito real en castelán no orixinal, Numenius arquata como nome científico], ave limícola cuxa poboación está catalogada en perigo de extinción. Dentro do aeródromo atópanse varios niños onde crían os seus pitos ata que teñen capacidade de voo”. Tamén fala da “tartaraña cincenta [aguilucho cenizo en castelán no orixinal, Circus pygargus como nome científico], catalogada como vulnerable dentro do Catálogo Nacional de Especies Amenazadas”.
O convenio indica que o INTA se compromete a cercar a parcela do aeródromo de xeito que as aves poidan entrar e saír dela pero que non poidan acceder depredadores ou persoas que as molesten, a evitar traballos que afecten ás zonas nas que se moven e crían e a permitir o acceso de persoal da Xunta para o seguimento das especies ameazadas. Segundo investigadores da USC que veñen realizando un seguimento do mazarico real desde 2007 para a Xunta, só quedan catro parellas reprodutoras en toda a península ibérica.