Os alcaldes das mareas piden unha candidatura de consenso compatible coas primarias

Os tres alcaldes, chegando á rolda de prensa, que tivo lugar no Ateneo Ferrolán CC-BY-SA Praza Pública

"O noso papel é lanzar este desexo. Hai moita xente agardando por este proceso e nós non queremos poñernos de perfil. Pero a nosa intención non é pilotalo nin dirixilo. Poñémonos ao seu servizo". Os alcaldes da Coruña (Xulio Ferreiro), Compostela (Martiño Noriega) e Ferrol (Jorge Suárez) escenificaron este martes na cidade naval o paso adiante que xa se viñera adiantando nos últimos días. A través da presentación dun manifesto conxunto fixeron un chamamento "a todos os actores políticos e sociais que veñen traballando na configuración dunha candidatura de confluencia" a manter unha xuntanza a celebrar "no mes de xullo en día e lugar por determinar" para "acordar consensuadamente un calendario para a confección da candidatura e o programa co que En Marea se presentará ás eleccións autonómicas".

"Mal fariamos nós sinalando quen debe ou non debe estar. Non nos corresponde a nós, correspóndelle ás bases"

O obxectivo, segundo o propio manifesto, "gañar a Xunta para as máis e poñer en marcha as políticas que fagan, por fin, de Galicia un país próspero e xusto". E a metodoloxía de base, o traballo xa adiantado polo proceso de Mareas en Común, (código ético, formación da candidatura e a súa arquitectura institucional e organización interna e elaboración do programa). Aínda que o perfil ou a forma de elección do candidato ou candidata que lidere ese proxecto non están recollidos con concreción no manifesto, Ferreiro, Noriega e Suárez foron claros a preguntas dos xornalistas: "Se pode ser, de consenso, de xeito que reflicta a pluralidade do proceso", o que "non é contraditorio coa participación, a transparencia e a celebración de primarias", engadiron. Nin puxeron nin quitaron nomes (máis aló dos seus, autoexcluíndose das quinielas): "Mal fariamos nós sinalando quen debe ou non debe estar. Non nos corresponde a nós, correspóndelle ás bases", salientou Martiño Noriega.

"Se alguén se move da foto perde ese alguén e perde o proceso"

Os tres rexedores, que amosaron unha total coincidencia en todas as cuestións, pediron que neste proceso non haxa "nin posicións precociñadas nin vontade dirixista". E, preguntados sobre a posibilidade de que Podemos optase por se presentar en solitario, sinalaron con rotundidade que "se alguén se move da foto perde ese alguén e perde o proceso", engadindo que "dende o 2012 o proceso foi sempre sumando".

 

Construción dunha "ferramenta nacional de cambio"

O manifesto parte do éxito acadado polas candidaturas municipalistas de confluencia en maio de 2015: "No éxito electoral das Mareas foi clave a conxunción entre a ilusión e o traballo da cidadanía non afiliada e a valentía e xenerosidade das forzas políticas que entenderon o momento histórico e a necesidade de tecer redes e alianzas, empregando ferramentas baseadas na horizontalidade e a democracia radical, arredor de programas compartidos, que  respectaron a diferenza e entenderon a diversidade como un valor e non como unha fonte de conflito". Destaca o bo resultado de En Marea o 20D e aínda que recoñece que o 26X "confirmou no esencial as virtualidades da confluencia", engade que "puxo de manifesto tamén as limitacións do mecanismo de artellamento institucional do noso espazo político, moito máis amplo, máis rico e máis diverso que a mera conxunción de tres partidos políticos, necesarios e imprescindibles na configuración da confluencia e da unidade, pero insuficientes".

O 26X "puxo de manifesto tamén as limitacións do mecanismo de artellamento institucional do noso espazo político, moito máis amplo, máis rico e máis diverso que a mera conxunción de tres partidos políticos"

O texto asinado polos tres rexedores sinala "a necesidade de configurar unha alternativa electoral coa vista posta nas vindeiras eleccións autonómicas de outono, e a responsabilidade por estar a altura dos tempos e da ilusión que moitas persoas en todo o país depositaron nas diferentes expresións electorais que representaron ao espazo político das Mareas nas últimas convocatorias" e chama a concentrarse no "proceso de construción dunha ferramenta nacional que dea expresión electoral ás arelas de cambio das galegas e galegos" para "construír unha candidatura que estea en disposición de conquistar a Presidencia da Xunta de Galicia".

O documento propón a "superación do marco institucional da actual coalición, substituíndo a actual mesa de coordinación por un instrumento aberto e democrático que represente o proceso de ampliación da base social e democratización de En Marea". En segundo lugar, o "alargamento da base social de En Marea a través da incorporación á mesma, confluíndo dende a base, de todas as mareas municipalistas, candidaturas de unidade popular e actores políticos e sociais que se senten representados e interpelados polo noso espazo político". E finalmente, aposta por "aproveitar como base para o debate, o traballo feito durante estes últimos meses por ducias de Mareas arredor do proceso Mareas en Común".

Xulio Ferreiro, Jorge Suárez e Martiño Noriega, este martes en Ferrol CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.