0 Gardados para despois

Feijóo di que o inicio do xuízo da Gürtel non condicionará as autonómicas

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


O martes 4 de outubro está previsto que comece o xuízo da trama Gürtel de suposto financiamento ilegal do PP, que se prolongará varias semanas e que, polo tanto, coincidirá no tempo coa campaña electoral das autonómicas galegas que se teñen que celebrar no outono, nunha data aínda sen decidir polo presidente da Xunta. Malia as implicacións galegas da trama, empezando porque un dos principais acusados é Pablo Crespo, que foi secretario de Organización do PP de Galicia, Feijóo di non estar preocupado pola coincidencia nin ter en conta o xuízo para decidir a data exacta en que convocará as eleccións.

“Nin me preocupa nin me ocupa”, asegura o presidente galego sobre o comezo o 4 de outubro da vista oral

“Xa sabe vostede máis ca min”, respondeu este xoves o presidente cando foi preguntado pola coincidencia de datas na súa comparecencia posterior á reunión semanal do seu Goberno. “Nin me preocupa nin me ocupa”, engadiu, para asegurar a continuación que, se lle tivese preocupado, tería convocado as autonómicas para o pasado 26 de xuño, coincidindo coas xerais.

No xuízo da Gürtel, que se limitará á denominada primeira época da trama, ata 2005, terá un papel destacado Pablo Crespo, para o que a Fiscalía pide máis de cen anos de cárcere. Crespo foi secretario de Organización do PP galego de 1995 a 2003 e conselleiro de Portos de Galicia entre 2003 e 2005, cando Feijóo era o conselleiro do que dependía ese ente público. Con Crespo sentarán no banco o presunto xefe da trama, Francisco Correa, e o ex-tesoureiro do PP Luis Bárcenas, en cuxos papeis apareceron diversas anotacións de supostos movementos de diñeiro negro entre o PP galego e o estatal.

Feijóo di que é no PSOE onde esperan unha sucesión e non no PP, en resposta ás verbas do presidente socialista manchego que o colocou como sucesor de Rajoy

Este xoves ao presidente galego tamén se lle preguntou polas declaracións do presidente socialista de Castela-A Mancha, Emiliano García-Page, nas que asegurou que Feijóo será o sucesor de Rajoy. Feijóo agradeceu ao seu “amigo” as súas verbas pero dixo que “se hai unha sucesión esperada nalgún partido ese é no seu, no PSOE”. Segundo dixo, alí é onde “hai un presidente autonómico que espera substituír ao presidente do partido”, en referencia velada á andaluza Susana Díaz.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.