0 Gardados para despois

A Fiscalía pide máis de cen anos de cadea para o ex secretario de Organización do PPdeG

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Pedro ÁguedaPedro Águeda | @pedroagueda


Asociación ilícita, fraude continuada, suborno, falsidade documental, malversación de caudais públicos, branqueo de capitais, tráfico de influencias ou estafa. Son tan só algúns dos delitos que a Fiscalía Anticorrupción lle atribúe a Pablo Crespo, ex secretario de Organización do PP de Galicia, para o que pide máis de 100 anos de cadea no primeiro xuízo que do caso Gürtel se celebrará proximamente na Audiencia Nacional.

A Fiscalía Anticorrupción pide máis de cen anos de prisión para Pablo Crespo

Será un xuízo pola denominada Primeira Época desta trama na que están implicados varios e importantes ex cargos do Partido Popular e na que o Ministerio Público solicitará todos estes anos de prisión para o considerado número dous da rede Gürtel, Pablo Crespo. Refírese só ao período que abrangue entre os anos 1999 e 2005, espazo de tempo durante o que o implicado foi conselleiro de Portos de Galicia (2003-2005), sendo  o actual presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, conselleiro de Política Territorial.

Ademais, Crespo ocupou o cargo de secretario de Organización do PP galego entre 1995 e 2003, foi parlamentario na Cámara galega durante un curto período para acabar sendo representante da Consellería de Política Territorial no consello de administración de Portos de Galicia ata o ano 2005. Agora, en liberdade condicional, enfróntase a unha dura petición de condena por ter cometido presuntamente multitude de delitos sendo un dos líderes da trama Gürtel. Ademais, os papeis de Bárcenas relacionárono tamén co suposto financiamento irregular do PP en Galicia, que tería ingresado máis de 20 millóns das antigas pesetas.

Crespo foi secretario de Organización do PPdeG, parlamentario ou conselleiro en Portos de Galicia

Ademais, e ante este primeiro xuízo, a Fiscalía Anticorrupción tamén pide 42 anos e 6 meses para o ex tesoureiro do PP Luis Bárcenas e 109 anos e 10 meses para o presunto xefe da trama Gürtel, Francisco Correa.

Correa e Bárcenas sentarán no banco con outras 40 persoas, case a metade antigos cargos do PP. O que fora gardián das finanzas do partido enfrontarase a unha condena polos seguintes delitos: dous de branqueo, falsidade documental, apropiación indebida, oito delitos contra a Facenda Pública, e estafa procesual en grao de tentativa.

O Ministerio Público solicita máis de 42 anos de cadea para Bárcenas e máis de 110 para Francisco Correa

As fiscais Anticorrupción Concha Nicolás e Concha Sabadell tamén fan no seu escrito o cálculo do beneficio a título lucrativo de Ana Mato e o Partido Popular, entre outros. A ex ministra de Sanidade enfróntase a ter que devolver 28.468 euros, cantidade que resulta de sumar os agasallos e viaxes que lle proporcionou presuntamente a trama Gürtel, máis a metade do importe das festas infantís organizadas na súa casa cando estaba casada con Jesús Sepúlveda, exalcalde de Pozuelo, tamén acusado.

O Partido Popular é, segundo as fiscais, beneficiario de 328.440 euros da trama, entre o obtido por delegación en Pozuelo (111.864) e Majadahonda (216.576). O Ministerio Público cita a un cento de testemuñas, entre eles a secretaria xeral do PP madrileño e ex presidenta da Comunidad, Esperanza Aguirre.

O PP sería beneficiario de case 330.000 euros da trama nesta 'Primeira Época'

O 26 de novembro, o xuíz Pablo Ruz ditou auto de procesamento en procedemento abreviado sobre a investigación que abrangue o período entre 1999 e 2005. Nesta peza, Ruz investigou a operativa desenvolvida pola trama en Madrid, Castela e León e Málaga para conseguir adxudicacións de forma irregular para as súas empresas, creando un conglomerado de sociedades polas que se canalizaban as dádivas, pagos de comisións e pagos a provedores a través dun sistema de facturación falsa.

Con sociedades creadas ex profeso permitíase a facturación irreal entre elas, encubrían as comisións cobradas polos imputados, facilitábanse a concesión irregular de contratos públicos, adxudicacións de distintas obras e ocultábase a autoridades e Facenda eses beneficios. Bárcenas está acusado de intermediar coa trama a cambio de comisións.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.