A Estrada acolleu este sábado un novo encontro das Mareas en Común, que adoptou unha serie de acordos que buscan avanzar no traballo de conformación dunha candidatura de confluencia para as eleccións ao Parlamento galego deste outono. En primeiro lugar, a asemblea valorou positivamente o manifesto lanzado polos alcaldes da Coruña, Compostela e Ferrol, que tamén foi celebrado nos últimos días polos impulsores do Foro Galego ou por Anova. O propio documento dos rexedores apostaba por tomar como base para a confluencia o traballo realizado por Mareas en Común.
Acordaron impulsar unha asemblea constituínte na que se constrúa "o novo espazo de confluencia", recollendo o chamamento dos tres alcaldes
Na xuntanza deste sábado, coa participación dun cento de persoas, as Mareas en Común aprobaron por unanimidade, a creación dun grupo negociador que abra o diálogo con todas as partes interesadas en conformar unha candidatura de unidade popular. Así mesmo, acordaron impulsar a convocatoria dunha asemblea constituínte na que se constrúa "o novo espazo de confluencia", recollendo o chamamento realizado polo manifesto dos tres alcaldes.
Reivindícanse como "un espazo técnico e metodolóxico"
Desde xaneiro, as Mareas en Común están traballando para preparar un espazo de confluencia nas eleccións galegas. Máis de 1.200 persoas e 34 organizacións asinaron os seus principios básicos. Reivindícanse como "un espazo técnico e metodolóxico" que se ofrece a todos os axentes do cambio en Galicia (partidos, mareas, persoas, movementos...) que ten "como única función asegurar a construción das estruturas participativas" descritas nos documentos aprobados.
Poñen a disposición "das forzas do cambio" os documentos de consenso para regular as primarias, o código ético dos cargos electos, a forma de goberno e os pactos políticos desde a Xunta e a organización da confluencia
Neste senso, poñen a disposición "das forzas do cambio" os documentos de consenso para regular as primarias, o código ético dos cargos electos, a forma de goberno e os pactos políticos desde a Xunta e a organización da confluencia. Foron acordados a partir de 21 propostas presentadas orixinalmente, durante un mes de traballo e coa colaboración de máis dun cento de persoas activas "que foron quen de poñerse de acordo no fundamental". "Por iso, respostan a moitas das preguntas que se están a realizar estes días sobre a confluencia", salientan. Engaden que estes documentos de consenso "están abertos ao debate e á adaptación sempre que se respeten os principios básicos de transparencia, horizontalidade, participación individual e radicalidade democrática".