A elección de Pastor para o Congreso engade incerteza e indignación ás vítimas de Angrois

Feijóo, Rajoy, Pastor e outros cargos, en Vigo durante a campaña CC-BY-SA PPdeG

A ata o agora ministra de Fomento, Ana Pastor, é a nova presidenta do Congreso dos Deputados tras impoñerse en segunda volta ao socialista Patxi López. A súa chegada á presidencia da Cámara Baixa supón a súa marcha do Ministerio de Fomento xusto cando a Unión Europea vén de criticar duramente a investigación que a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do seu departamento fixo do accidente de tren de Angrois.

Antes de coñecerse que ela sería a proposta por Rajoy para presidir o Congreso, a ministra viña de convocar para este mesmo martes pola tarde ás vítimas do accidente, que lle pedían unha nova investigación técnica independente do sinistro. A situación actual engade máis incerteza ás vítimas, porque ademais de consideraren unha "nova ofensa" o recoñecemento á ministra, o seu posto quedou vacante poucas horas antes da reunión prevista. Este martes, ao rematar a votación que confirmou a súa elección, un invitado presente na tribuna do Congreso, familiar dunha vítima do accidente, gritou: “Ana Pastor insolidaria coas vítimas do Alvia”. Os servizo de seguridade expulsárono.

A indignación entre o colectivo aumenta porque as funcións de Fomento fican temporalmente en mans do ministro de Xustiza, Rafael Catalá, tal e como recolle o BOE deste martes. Catalá era secretario de Estado de Infraestruturas no momento do accidente e as vítimas sinalárono como autor de fortes "presións" e "mentiras". O baleiro á fronte do ministerio dun goberno en funcións pode durar varios meses, como de feito está a pasar coa carteira de Industria desde que o seu último titular, José Manuel Soria, dimitiu a mediados de abril pola súa implicación nos Papeis de Panamá.

As funcións de Fomento fican nas mans de Rafael Catalá, un dos responsables da xestión política do accidente

Dúbidas legais sobre unha nova investigación

A marcha de Pastor é unha nova pinga no mar de incerteza para as vítimas que o propio Ministerio veu alimentando nos últimos días. Non en van, Fomento argumentaba a semana pasada que tiña dúbidas legais sobre o procedemento para a apertura dunha nova investigación, xa que a CIAF considérase agora xa independente e polo tanto o ministerio non pode darlle a orde de volver investigar o accidente porque atentaría contra esa independencia.

Pastor foi subsecretaria en varios ministerios, titular de Sanidade con Aznar e chegou a Fomento ano e medio antes do sinistro do Alvia

Pastor, nada en Cubillos del Pan (Zamora) en 1957 e licenciada en Medicina pola Universidade de Salamanca, é pontevedresa de adopción. Ligada primeiro a José Manuel Romay Beccaria e logo ao seu amigo persoal Mariano Rajoy, foi ascendendo en postos de xestión do Sergas ata ser nomeada directora provincial do mesmo. Coa vitoria de José María Aznar en 1996 continuou a súa carreira en Madrid como directora xeral da mutualidade de funcionarios do Estado (Muface) e subsecretaria nos ministerios de Educación, Presidencia e Interior. Entre 2002 e 2004 foi ministra de Sanidade, deputada da oposición entre ese ano e 2011 e Ministra de Fomento desde decembro de ese ano ata a actualidade. Estaba xa no posto, daquela, cando descarrilou o Alvia.

Catalá e Pastor, nunha imaxe de arquivo © Ministerio de Fomento

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.