Os xuíces din que a testemuña protexida na que se baseou o xuízo non era tal senón un imputado que non estaba obrigado a dicir a verdade
A Audiencia Provincial de Madrid vén de absolver do delito de homicidio o menor que o pasado febreiro fora condenado en primeira instancia pola morte do seareiro do Deportivo de la Coruña Francisco Javier Romero Taboada, Jimmy. O tribunal resta validez á declaración da testemuña na que se baseou a súa condena polos feitos ocorridos nas inmediacións do estadio madrileño Vicente Calderón o 30 de novembro de 2014.
Segundo comunica a propia Audiencia de Madrid, os maxistrados revocan parcialmente a decisión inicial do Xulgado de Menores, xa que si consideran o menor implicado culpable dun delito de pelexa tumultuaria e doutro de tenencia ilícita de armas, polos que lle impón unha pena de sesenta horas de servizos á comunidade. Se o menor incumprise esa medida sería substituída por cinco permanencias de fin de semana en centro pechado, engade o tribunal.
Segundo o tribunal, a testemuña podería ter intereses persoais na versión que ofreceu e non hai outros datos obxectivos que a corroboren
Segundo a sentenza, “non existe proba de cargo suficiente para destruír a presunción de inocencia do menor respecto do delito de homicidio”. A Audiencia argumenta para iso “a falta de credibilidade da denominada testemuña protexida”, na que se baseaba a causa contra o menor.
O tribunal ofrece tres argumentos para tumbar esa testemuña. En primeiro lugar, a Audiencia sinala que “non ten en realidade a condición de testemuña, senón a de imputado, tendo declarado, tanto ante a Fiscalía de Menores como ante o Xulgado de Menores, coa expresa advertencia de que non estaba obrigado a dicir a verdade”. O tribunal tamén dubida do xeito en que esa testemuña aparece na causa “podendo deberse a móbiles de autoexculpación ou á busca de outras vantaxes procesais”. Por último, os xuíces consideran que “as súas declaracións non están o suficientemente corroboradas por outros datos ou elementos obxectivos” e os que hai só permitirían corroborar a participación do menor na pelexa tumultuaria. Esta sentenza da Audiencia de Madrid pode ser recorrida en casación ante o Tribunal Supremo.