O xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas), Antonio Fernández-Campa, presentou este venres o que será o último balance periódico da espera sanitaria en Galicia antes das eleccións autonómicas do outono. Nel, froito segundo a propia Xunta dos cartos inxectados nos últimos meses, o Goberno galego reduciu a espera media por unha cirurxía dos 76,2 días do primeiro semestre de 2015 aos 61,6 días deste ano, día e medio por riba do límite que se deu el mesmo a través da lei de garantías sanitarias. A propia Xunta salienta que o Sergas cumpriría co límite (58,9 días) se non tivese que sumar os datos do hospital concertado vigués de Povisa (87,4 días), que disparan a media global aos anteditos 61,6 días.
Os cartos inxectados polo Sergas nos últimos meses permitíronlle reducir a 61,6 días a espera media por cirurxías no primeiro semestre do ano fronte aos 76,2 días do mesmo periodo de 2015
Segundo os datos presentados polo Sergas, no primeiro semestre deste ano a cifra total de doentes a agardar por unha cirurxía foi de 34.567, co que se acelerou a caída rexistrada do primeiro ao segundo semestre de 2015, cando pasaron de 38.173 a 37.442. Precisamente o ano pasado foi o primeiro en que o Sergas pasou a ofrecer os datos de xeito semestral logo de dalos antes trimestralmente.
Povisa (87,4 días) e a área sanitaria de Santiago (61,4 días) son as que presentan peores rexistros
A mellora da media cirúrxica xeral prodúcese malia un lixeiro empeoramento da atención aos pacientes con prioridade 1, que pasa dos 16 aos 16,6 días, e dun algo superior incremento da prioridade 2, dos 50,9 aos 53,3 días entre o primeiro semestre de 2015 e o primeiro semestre deste 2016. Canto ás diferenzas xeográficas, e xunto cos malos datos de Povisa, a área sanitaria de Santiago, con 61,4 días de media, é a outra que fai elevar o dato global do Sergas por riba dos 60 días previstos por lei.
Canto ás consultas externas, a media de espera baixou ata os 35,2 días con respecto ao mesmo semestre do ano pasado. Nas dúas últimas semanas o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, viña anunciando en varias ocasións como "históricos" os datos coñecidos este venres.