En Galicia as leis, como en todas as democracias, apróbaas o Parlamento. Así o fixo hai dúas semanas coa reforma por consenso da Lei de Área Metropolitana de Vigo. Pero escudándose en que as promulga formalmente o presidente da Xunta -“en nome de El-Rei”, di non obstante o Estatuto no seu artigo 13.2-, este mércores Alberto Núñez Feijóo escenificou nun acto propagandístico en Vigo a sinatura en público desa norma, un feito sen precedentes. Un acto que chega logo de que o alcalde vigués, o socialista Abel Caballero, se atribuíse tamén a lei e criticase a demora da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), momento no que entrará en vigor, amosando a súa sospeita de que a Xunta estaba a xogar cos prazos por electoralismo.
Durante as dúas lexislaturas que leva Feijóo de presidente o Parlamento de Galicia aprobou 106 leis e ningunha recibiu un trato similar. A súa sinatura para a súa promulgación é un simple trámite. Pero a rúbrica desta norma, nun acto público e en Vigo, evidencia as dificultades electorais que ten o PP na principal cidade de Galicia, a que Feijóo di que é a súa casa, co seu alcalde como gran antagonista. A semana pasada, cando xa pasaran sete días desde a súa aprobación sen que o texto saíra no DOG e entrara en vigor, Caballero amosou sospeitas sobre a demora: “Teño que dar por suposto que xa está asinada, salvo que a queiran demorar, algo que non descarto porque a entrada en vigor e constitución depende do momento en que se publique”, dixo.
O cariz propagandístico do acto deste mércores e o interese do Goberno galego en que a cidadanía viguesa perciba a lei como un logro autonómico e non local, malia que esa foi a orixe da unión supramunicipal no seu lanzamento en 1999, evidénciase incluso visualmente na sede administrativa da Xunta en Vigo. No rechamante edificio autonómico que se alza no paseo das Avenidas, xunto ao mar, hai días que colga unha pancarta coa que o Goberno galego dá por "cumprido" o seu "compromiso" coa cidade.
Como se fora un mérito do executivo e non do lexislativo, o presidente da Xunta asinou este mércores en Vigo a Lei de Área Metropolitana da cidade e a súa contorna
A poucos metros dese edificio foi asinar Feijóo este mércores a lei, no Club Náutico de Vigo, ante o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, tamén desprazado a Vigo, e os alcaldes dos 14 concellos da nova entidade. Un lugar neutral elixido logo do tirapuxa mantido entre Xunta e Concello hai unhas semanas para a sinatura do convenio co que Vigo se incorporou ao sistema de transporte metropolitano, que o Goberno galego quería firmar na súa delegación viguesa e que finalmente acabou sendo rubricado, en presenza de Feijóo, nunha sala xunto á Alcaldía do Concello.
Pero a Lei de Área Metropolitana de Vigo agora tan publicitada nin sequera é nova. O aprobado hai dúas semanas no Parlamento é a reforma da lei xa votada en 2012 e que non chegara a funcionar na práctica polo enfrontamento entre Feijóo e Caballero, que se negara a participar na súa constitución formal impedindo así que comezara a funcionar. O texto actual, no que se garante a Vigo e o seu alcalde a presidencia do novo ente, é presentado polo rexedor como unha vitoria da cidade sobre o Goberno galego, que tería quedado “asustado” da súa maioría absoluta nas eleccións municipais do ano pasado.
No acto deste mércores, Feijóo amosou a súa satisfaccion "como deputado e como presidente" e Caballero optou por mirar cara o "futuro" e obviar o bloqueo que el impuxo á lei de 2012
No acto deste mércores, Feijóo levou o protagonismo pero esforzouse en presentar a lei como un logro conxunto en beneficio dos cidadáns, aínda que destacando a súa satisfacción “como deputado e como presidente”. O mesmo fixo o alcalde, que obviando anteriores declaracións optou por non destacar a demora sufrida pola norma senón ver cara o “futuro”. O máis inmediato será a constitución formal da entidade en outubro, talvez en plena campaña electoral autonómica.
Feijóo, con Caballero e outros rexedores no evento organizado pola Xunta en Vigo / Xoán Crespo
Asinar para a foto
Os antecedentes próximos máis similares á sinatura propagandística deste mércores pódense atopar noutros actos do propio Feijóo ou do seu antecesor, Emilio Pérez Touriño, que nada teñen que ver coa promulgación rutineira dunha lei por parte do presidente do Executivo. En setembro de 2012, coas eleccións autonómicas que o revalidarían na Xunta xa convocadas, Feijóo organizou un acto público no salón nobre do Pazo de Raxoi, a sede institucional da Xunta en Santiago, para que alí, na súa presenza, os responsables de dúas empresas sen relación coa Xunta, a mexicana Pemex e a estatal Navantia, asinaran o seu acordo para construír en Galicia varios buques, presentados polo PP como a reactivación do sector naval galego. Un acto propagandístico que posteriormente a Xunta Electoral considerou como unha infracción por parte do presidente.
Pola súa banda, catro anos antes, en xaneiro de 2009, o presidente Touriño citara igualmente aos medios de comunicación á sinatura física do decreto co que convocou as seguintes eleccións autonómicas, unha rúbrica que noutras ocasión foi un simple trámite por parte dos sucesivos presidentes autonómicos. Esa escenificación non lle valeu ao socialista para continuar na Xunta.