Feijóo di que non se ve na oposición

Feijóo, nun acto de campaña CC-BY-SA PPdeG

Se non logra ser presidente da Xunta por terceira vez, Alberto Núñez Feijóo non será líder da oposición no Parlamento de Galicia. Se o logra, garante que permanecerá á fronte da Xunta os catro anos da lexislatura. Así o di nunha entrevista que Europa Press publicou este domingo na súa web e divulgou nas redes sociais, na que afonda nuns argumentos que xa avanzara anteriormente.

O presidente asegura, nunha entrevista publicada en Europa Press, que marchará se non acada a presidencia ou a ostentará os catro anos se a revalida

Á espera de que desvele en cuestión de días a data para as autonómicas galegas, logo de que o lehendakari fixase este venres os comicios vascos para o 25 de setembro, Feijóo admite que terá que elixir entre unha das dúas preferencias que tiña amosado ata o de agora: que sexan en outubro ou que coincidan coas vascas. Cara a eses comicios, Feijóo amósase disposto a contar co apoio do PSdeG para ser investido presidente se o PP é o partido máis votado pero non logra acadar a maioría absoluta.

Sobre Angrois, Feijóo pregúntase que ten que ver el co accidente e considera inxusto que as vítimas o critiquen

Na entrevista de Europa Press o presidente salienta a recuperación económica de Galicia e amósase convencido de que superará un crecemento do 2,8% neste ano. Para o ano que ven, Feijóo avanza a súa esperanza de que se poida concretar en Galicia un gran proxecto de transformación do leite. E preguntado sobre o accidente de tren de Angrois, dise tranquilo coa súa actuación, pregúntase que ten que ver el co sinistro e considera inxustas as críticas que lle fan as vítimas.

Ukullu e Feijóo no encontro que mantiveron en abril. Dominio Público Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.