Galicia votará o 25 de setembro

Pleno do Parlamento © Parlamento de Galicia

As eleccións galegas celebraranse o 25 de setembro . Así o vén de anunciar o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen tras presidir unha xuntanza extraordinaria do Consello do Goberno galego dá por rematada a novena lexislatura do Parlamento de Galicia e convoca ás urnas para elixir a composición da décima. A data cadra coa elixida polo lehendakari, Íñigo Urkullu, que o pasado venres 29 de xullo convocou os comicios vascos para o 25 de setembro, precipitando así a decisión galega.

"Se un pide seriedade e responsabilidade e se un ten o obxectivo de achegar estabilidade ao seu país, o consecuente é que se fagan coincidir con Euskadi", argumenta Feijóo, quen ante a prensa explicou que optar por outubro, a súa preferencia inicial, "prolongaría a inestabildiade que xeran os diferentes procesos electorais aos que nos vimos sometidos nos últimos meses". Por iso, engade, "saírme coa miña de que fosen en outubro non sería positivo para Galicia e o conxunto de España" xa que, dixo, “quen sabe se teremos que acudir por cuarta vez” ás urnas nunhas terceiras eleccións xerais. As galega son “obrigatorias”, insistiu, mentres que a sucesión de xerais vén provocada pola “inestabilidade” que el di tratar de evitar en Galicia. Este adianto implica que o prazo de presentación de candidaturas teña que rematar na penúltima semana de agosto. A campaña electoral comezará o 9 de setembro.

Feijóo: "Se un ten o obxectivo de achegar estabilidade ao seu país, o consecuente é coincidir con Euskadi"

Feijóo, que leva xa varios meses facendo precampaña por toda Galicia, optará ao seu terceiro mandato consecutivo, algo que tratarán de impedir o socialista Xoaquín Fernández Leiceaga e a nacionalista Ana Pontón, á espera de que a Marea, que vén de constituírse en partido instrumental, e Podemos decidan se concorren xuntos e o nome de quen lidere a súa candidatura. "A oposición sabe perfectamente que este outono ía haber eleccións en Galicia", di Feijóo, en cuxa opinión "o problema dalgúns partidos" non é "que as eleccións sexan unha semana antes ou despois", senón a "falta de proxecto. Alén da evidente aceleración de prazos, o adianto implica que as eleccións galegas xa estean celebradas cando, o 4 de outubro, comece o xuízo do caso Gürtel.

As candidaturas terán que estar pechadas a finais de agosto, a campaña comezará o 9 de setembro e o Parlamento constituirase o 21 de outubro

Por outra banda, Feijóo indicou que no decreto de disolución do Parlamento que asinará na tarde deste luns tamén se acurtará algo o prazo máximo de 30 días que hai para constituír a nova Cámara, de xeito que a IX lexislatura arrancará o 21 de outubro. O presidente xustificouno na necesidade de axilizar o traballo de elaboración dos Orzamentos autonómicos para o próximo ano.

Preguntado sobre o feito de que o lehendakari se lle adiantara na comunicación da data, Feijóo restoulle importancia. “Nin ao lehendakari lle pedín explicacións nin sería razoable que mo pedira a min”, dixo, e xustificou que o presidente vasco tería tempo ata este mesmo luns para comunicar a súa decisión de convocar o 25 de setembro, pero que sen embargo adiantou o anuncio ao pasado venres deixándolle así a el tres días para poder tomar a súa decisión.

Feijóo xustificou que o lehendakari adiantase o seu anuncio ao pasado venres para darlle así a el tres días para decidir se facía coincidir os comicios galegos

Na súa comparecencia, Feijóo dixo que xa comunicara a data tanto ao presidente do Goberno en funcións, Mariano Rajoy, como ao presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, e ao portavoz do grupo parlamentario do PP, Pedro Puy, para que este á súa vez llo trasladase aos voceiros da oposición. Sobre as próximas semanas, Feijóo asegurou que o seu Goberno manterá a súa actividade normal, con excepción feita das actuacións propagandísticas que impide a lei electoral. “A campaña empeza o día 9 de setembro”, dixo, para engadir: “Me dá a sensación de que non vou ter moitas vacacións este verán”.

Fronte ao único argumento da “estabilidade” política achegado nesta ocasión, en 2012 Feijóo xustificou o adianto da data electoral ao 21 de outubro -tiña marxe ata marzo do 2013- con tres argumentos: que o novo goberno puidese contar con orzamentos propios para o ano seguinte e non se vise obrigado a traballar cos que deixase el; “por respecto aos cidadáns, que nos piden sempre, e máis nun momento económico coma este, unidade política”, dixera; e para que as galegas coincidisen coas eleccións vascas que ao igual que agora viñan de ser anunciadas antes polo lehendakari e así non “separar en catro meses dúas convocatorias”.

Feijóo, instantes antes de anunciar o adianto CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.