Podemos insiste no seu camiño á marxe de En Marea e fai "máis difícil" a confluencia

Magdalena Barahona e Carmen Santos Dominio Público @CarmenSantosQ

En Marea lembrou este domingo a Podemos que aínda ten 48 horas para concorrer ás primarias da confluencia "en pé de igualdade" e, xa que logo, desistir na súa teima de convocar unhas primarias propias alén do proceso de unidade. A formación morada, tal e como advertira, seguiu a súa folla de ruta á marxe da candidatura de unidade popular e presentou a aposta da súa dirección ás súas propias primarias: Magadalena Barahona, profesora de Socioloxía na Universidade de Vigo. Malia que ambas as partes manteñen o "diálogo aberto", desde o espazo das mareas admítese a cada vez máis "difícil" integración e insisten en que a coalición a posteriori xa non é unha opción. 

En Marea advertiu a Podemos o domingo que ten 48 horas para concorrer ás primarias

Desde En Marea critícase a "cerrazón" da dirección galega de Podemos, tamén despois da xuntanza deste domingo mantida entre representantes da confluencia e a secretaria xeral da formación morada en Galicia, Carmen Santos, que se apoia tamén na resolución da executiva estatal. Nas mareas insístese nos acordos adoptados en Vigo a pasada fin de semana e no partido instrumental e a adscrición individual como única posibilidade. Non manter o acordado sería unha "traizón", aseguran.  

Con todo, a pesar de que En Marea rexeita negociacións, si asegurou estar en contacto con Podemos Galicia e facer "todo o que está na súa man" para que a formación morada cambie de opinión nas horas restantes e participe no proceso de primarias lanzado por En Marea, é dicir, nunhas únicas primarias "en pé de igualdade". Se a formación morada decide concorrer ás autonómicas con En Marea, pero non participa nas súas primarias, o proceso de confluencia xa advirte que non tería posibilidade de integrar ningún dos seus nomes nas listas. 

"Parece que se nos quere empurrar a cousas que non podemos levar a cabo", di Carmen Santos

Malia que se manteñen as "portas abertas", Podemos continúa rexeitando a súa integración no partido instrumental. Este mesmo luns, en declaracións á Radio Galega, Carmen Santos asegurou que as mareas "terán que reflexionar" se "poñen unhas esixencias tan altas que nos deixan fóra e deciden prescindir de nós". "Parece que se nos quere empurrar a cousas que non podemos levar a cabo", insistiu quen recriminou que En Marea pareza "non estar disposta a ceder no que consideramos un mínimo para seguir xuntos, como sempre quixemos". 

"Se se nos poñen unhas esixencias que se sabían hai tres meses que non iamos poder cumprir, é difícil seguir adiante", di a líder de Podemos Galicia

"Se se nos poñen unhas esixencias que se sabían hai tres meses que non iamos poder cumprir, é difícil seguir adiante", engadiu Santos, que advertiu que igual que nas municipais Podemos optou por prescindir das súas siglas e apoiar candidaturas municipalistas de unidade popular, agora tamén hai unhas "liñas" que non se poderían rachar e que impedirían diluírse nun espazo de confluencia. "Hai un mandato claro dos nosos inscritos", dixo, tras lembrar que noutros comicios, a formación morada "puidendo ir en solitario, uniuse a outras formacións". 

Para Santos, sería "peculiar" que En Marea se mantivese unido no Congreso e os seus membros participasen por separado nas autonómicas. "Ir xuntos non sempre suma, ás veces resta", chegou a dicir tamén na Radio Galego ao ser preguntada sobre as posibilidades de evitar a maioría absoluta de Núñez Feijóo con varias formacións de esquerda presentándose por separado. 

Con todo, o que parece claro é que desde En Marea non haberá concesións, firmes como están en que "o proceso" é o que agora se desenvolve na confluencia e de que as "negociacións entre cúpulas" pertencen a tempos "superados", tal e como advertiron os alcaldes da Coruña e de Compostela, Xulio Ferreiro e Martiño Noriega. Desde a executiva estatal de Podemos en Madrid, polo momento, continúa o silencio. 

Magdalena Barahona e Carmen Santos Dominio Público @CarmenSantosQ

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.