En Marea lanza as primarias e advirte a Podemos: "Este é o proceso"

Ferreiro, Pazos e Noriega presentan as primarias © En Marea

En Marea lanzou as súas primarias e advertiu a Podemos de que "este é o proceso" e que o espazo de confluencia "non vai volver atrás para establecer negociacións entre cúpulas". "Iso está superado", insistiu Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña, na presentación dun calendario polo cal a partir deste venres se poderán presentar xa candidaturas para presentarse a unhas votacións que terán lugar o 16 e 17 de agosto e que proclamarán o candidato á presidencia da Xunta e as listas provinciais o día 20 deste mes.

Ferreiro e Noriega advirten a Podemos de que o proceso "é este" e que o espazo de confluencia "non vai volver atrás"

Tanto o rexedor coruñés como o de Compostela, Martiño Noriega, presentes no acto, insistiron en varias ocasións en reivindicar o espazo de confluencia de En Marea "en pé de igualdade" e para advertir que "non hai espazo para dous procesos" ante o anuncio de Podemos das súas primarias e a súa aposta por unha coalición coa marea e non por diluírse como, lembraron os rexedores, si fixeron outras moitas forzas políticas. 

Ferreiro foi máis aló e apostou polo "diálogo aberto" coa formación morada pero deixou claro que non se abrirán "negociacións" para unha futura coalición ou integración doutras formacións. "Sería ir en contra dos acordos adoptados na Marea Contituínte en Vigo", asegurou, tras lembrar que as bases de Podemos -que no serán deste xoves reune o seu Consello Autonómico para abordar a confluencia- "decidiron maioritariamente incorporarse a un proceso en marcha, que é este". "Deberán decidir agora se fan caso ás súas bases ou non e non me cabe na cabeza que non lle fagan caso ás bases", insistiu. 

O alcalde da Coruña di que se mantén o "diálogo aberto" pero non para "negociacións" dunha futura coalición

Martiño Noriega, pola súa banda, advertiu que non se pode "deturpar o espazo de igualdade" e lembrou que a unidade popular lévase artellando en Galicia "desde 2012". "Hai lecturas difíciles de explicar", dixo, antes de empregar unha metáfora. "É como un arco da vella, que ten moitas cores, pero só é un arco da vella", explicou, antes de preguntarse que pasaría se unha desas cores decide ir en paralelo e integrarse despois. "Sería un agravio comparativo. Que pensarían as outras forzas que foron xenerosas, se diluíron e aceptaron este proceso de primarias? Pois que sería un mal negocio", engadiu. 

"A xenerosidade non se pode confundir coa submisión", di Martiño Noriega

"A xenerosidade non se pode confundir coa submisión", insistiu Noriega, que lembrou que son moitos os militantes de Podemos que xa están a participar no proceso de confluencia. Ferreiro, ademais, advertiu que "o momento das negociación rematou o sábado", e instou a "falar do dano que os gobernos do PP na Xunta fixeron ao país, da precariedade, da xente que emigra... O resto é contribuír a non darlle unha alternativa a Feijóo", rematou. 

 

Votacións os días 16 e 17 de agosto

As declaracións de ambos os dous alcaldes chegaron nun acto no que Estela Pazos, membro do comité electoral, presentou o proceso e calendario das primarias. O regulamento definitivo vén de publicarse na web mareaconstituinte.gal e a partir deste venres xa se poderán presentar candidaturas. O único requisito para participar é ser maior de 16 anos, ter residido en Galicia nos últimos 5 anos, e asinar o manifesto dos alcaldes ata o 13 de agosto. 

O voto poderá realizarse de xeito telemático ou presencial, e requirirá que a persoa acredite a súa residencia co DNI, documento de empadroamento ou factura onde conste o nome do titular e o enderezo. O luns 8 de agosto abrirase o proceso para solicitar o sufraxio a distancia por internet. E nesa mesma semana informarase dos puntos nos que estarán situadas as mesas electorais. O martes 16 e o mércores 17 levaranse a cabo as votacións

En Marea aclara que as primarias serán un “proceso colaborativo e cooperativo” que permitirá amosar "pluralidade e equilibrio territorial"

Tanto Pazos como Ferreiro e Noriega destacaron que o proceso é “inclusivo” e busca fomentar que as diferentes sensibilidades de En Marea obteñan representación e se vexan reflectidas nas listas finais. Para o alcalde da Coruña, as primarias non deben ser unha “batalla”, senón un “proceso colaborativo e cooperativo” de conformación dun espazo plural, que permitirá que o resultado amose “pluralidade”, “equilibrio territorial” e que se caracterice tamén pola “solvencia técnica” das persoas que integren as candidaturas.

Unhas “listas moi potentes” que conformen posteriormente “un grupo parlamentario forte” que sirva de apoio ao Goberno que saia das eleccións do 25 de setembro. O obxectivo é conformar “un proxecto potente”, un espazo “unitario dende a diversidade”, igualitario e aglutinador que "non obriga a ninguén a abandonar a súa identidade e que se define polas cousas que unen as distintas sensibilidades e non polas súas diferenzas", insistiron. 

Ademais, as votacións desenvolveranse en dúas partes. Por unha banda votarase o candidato ou candidata á presidencia da Xunta, e por outra escollerase o resto das persoas que formarán a candidatura da provincia na que estea censada a electora. Neste último caso, as listas serán paritarias e o voto realizarase de xeito ponderado e en cremalleira. É dicir, as votantes ordenarán os candidatos e candidatas segundo a súa preferencia e outorgaranlle máis puntos ás que sitúen máis arriba (1 punto á primeira, 1/2 punto á segunda, 1/3 á terceira e así sucesivamente). E será obrigatorio alternar entre homes e mulleres ao realizar o sufraxio, para garantir a paridade.

As persoas censadas na Coruña deberán votar 14 persoas para configurar a lista provincial, 12 as de Pontevedra, 8 as de Lugo e outras 8 as de Ourense. O comité electoral aplicará correccións para garantir a paridade de xénero se os resultados finais non a respectasen. Na actualidade, o censo total de asinantes e, xa que logo, con dereito a participaren nas primarias supera as 3.000 persoas. 

Para optar á candidatura á presidencia deberase reunir o aval de 100 persoas, cun mínimo de 20 por provincia

En canto ás persoas que queiran formar parte dunha candidatura, En Marea advirte que deberán cumprir as condicións fixadas pola lei electoral e, ademais, ter asinado o manifesto dos alcaldes ata o 13 de agosto e asumir o Código Ético aprobado na Marea Constituínte. E serán automaticamente excluídas se están imputadas por delitos de corrupción ou vulneración de dereitos humanos.

Por último, e para optar á candidatura á presidencia da Xunta será necesario, ademais, reunir o aval de 100 persoas, cun mínimo de 20 por provincia. Para outros postos da lista, son precisos 15 avais, de polo menos tres concellos distintos. O calendario completo das primarias pódese consultar aquí

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.