A poucos minutos da medianoite, un chío de Pablo Iglesias anunciaba o remate de meses de incertidume e dunhas últimas horas de duras negociacións. Podemos cede, asume as condicións de En Marea para unha alianza e diluirase no partido instrumental creado para a confluencia. A formación morada non irá en coalición -postura que defendeu firmemente até a noite de onte-, celebrará primarias conxuntas co espazo galego, os seus inscritos integraranse de xeito individual e aceptará o candidato de consenso, Luís Villares. "No hay nada por encima de la unidad cuando nos jugamos el cambio en Galicia. Podemos estará con En Marea sea cual sea la fórmula", escribiu en Twitter a pouco de acabar o venres.
Iglesias anunciou nun chío que estaría na Marea "sexa cal sexa a fórmula"
Podemos renuncia ás súas siglas e ás "liñas vermellas" que reivindicou desde un principio a dirección galega, que queda agora desautorizada. A intervención de Pablo Iglesias foi clave para desatrancar as negociacións e lograr unha alianza que a primeiras horas do venres semellaba totalmente imposible. Só unha volta atrás da formación morada e "unha chamada para ceder nas súas posicións", como advertiran membros negociadores de En Marea, podía provocar un acordo. E esa chamada chegou de parte do líder estatal da formación morada, que entrou a última hora por teléfono grazas tamén á mediación do alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro.
No hay nada por encima de la unidad cuando nos jugamos el cambio en Galicia. Podemos estará con En Marea sea cual sea la fórmula.
— Pablo Iglesias (@Pablo_Iglesias_) 12 agosto 2016
A integración de Podemos evita a división dun espazo que xa se presentou unida ás últimas eleccións xerais e que mantén alianzas nos concellos. Pero tanto as mareas municipalistas como os partidos que integran a confluencia acordaron superar a coalición que se presentou ás xerais e cuxa composición e artellamento fora duramente criticada desde dentro por moitos actores. Diluídos todos eles, a formación morada e a súa secretaria xeral en Galicia, Carmen Santos, negaron unha e outra vez esa posibilidade. Tamén Carolina Bescansa e Pablo Echenique, que desembarcaron a última hora para procurar esa coalición, mesmo cedendo en varios puntos importantes. Ao final, foi Iglesias quen apareceu para asumir todas as condicións e ante a firmeza das posicións do espazo de confluencia.
Fontes coñecedoras das negociacións xa advertían que, malia que o líder estatal de Podemos non estaba intervindo directamente nas conversas, xa anunciara que non realizaría campaña contra as mareas, Xulio Ferreiro ou Yolanda Díaz. A situación colocaba a Podemos nun calexón de difícil saída, cunhas bases moi divididas e un Iglesias nada entusiasmado coa posibilidade de presentarse en solitario. Con todo, o partido perdía en calquera caso. "Eran conscientes de que, tomasen a decisión que tomasen, vai haber diferenzas internas e haberá unha parte que non comparta a decisión", din as mesmas fontes. É pequena, pero parte da militancia -cando menos ese 25% que votou en contra da unidade na consulta interna- rexeita a alianza.
As primarias celebraranse conxuntamente e artellarase un mecanismo para incluír os inscritos de Podemos que desexen participar. Ademais, a formación morada renuncia a presentar aspirante á presidencia da Xunta, deixando vía libre a Luís Villares. A fórmula xurídica foi o último atranco, ata que apareceu Iglesias. "No fue fácil convencer a algunos de la necesidad de caminar juntos", escribiu nun chío en contestación ao líder de IU, Alberto Garzón, e logo de agradecer a Xulio Ferreiro, que antes gabara a súa "altura de miras".