“Separación inmediata de calquera cargo público que fose imputado formalmente por corrupción política ata a resolución completa do procedemento xudicial”. Iso é o que di a primeira das seis condicións aceptadas polo PP o pasado venres para que Ciudadanos apoie a investidura de Mariano Rajoy como presidente do Goberno. Tres días despois, a formación laranxa xa matiza e, malia que o texto asinado dicía que é de aplicación a “calquera cargo público”, agora di que só esixirá a dimisión dos cargos estatais, e non dos autonómicos, provinciais ou locais.
A formación de Rivera di agora que só esixirá a dimisión dos cargos estatais imputados por corrupción, e non dos autonómicos, provinciais ou locais, malia que o acordo di textualmente “calquera cargo público”
Se a esixencia de dimisión dos cargos imputados por corrupción imposta por Ciudadanos e aceptada polo PP se aplicase sen os matices agora desvelados, o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, tería que deixar o cargo: está imputado por tráfico de influencias e suborno por ofrecer presuntamente un emprego público a cambio de sexo a unha muller, tamén imputada na mesma causa.
Porén, segundo o voceiro de Ciudadanos no parlamento asturiano, Nicanor García, a medida non será aplicada por baixo do nivel estatal porque sería “unha pequena revolución”. Así o dixo ao ser preguntado pola imputación no caso Pokémon do ex-alcalde e actual voceiro do PP en Oviedo, Agustín Iglesias Caunedo. En Galicia, Ciudadanos evita pronunciarse sobre o caso de Baltar e remite para calquera explicación ao que decida a dirección estatal do partido.